Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 18 de abril de 1995 Páx. 2.873

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 27 de marzo de 1995 sobre feiras culturais de Galicia e seccións de feiras do libro en Galicia.

As feiras culturais en Galicia, reguladas polo Decreto 40/1995, do 27 de xaneiro, establecen un concepto xenérico que define un novo tipo de acontecementos culturais, e que recolle, xunto a experiencias establecidas como as feiras do libro, a posibilidade de novas actividades feirais. A Consellería de Cultura pretende con iso crear novas vías de achegamento cultural ós galegos, creando amplos escaparates, abertos a diferentes actividades susceptibles de comunicación a través da súa venda ou exposición pública.

Estas feiras culturais, abertas a diferentes posibilidades, precisan dunha normativa concreta que defina esencialmente o número de feiras que se poden realizar cada ano por localidade e as vías para o acceso a organización ou participación nelas, tal como determinan os artigos 3 e 4 do citado decreto.

Dentro do amplo abano de posibilidades abertas polas feiras culturais, as datas adicadas ó libro representan a actividade de maior tradición e asentamento, e así mesmo a máis necesitada de urxente regulación, pola importancia acadada por elas e polo feito de quedar derrogada a anterior ordenación, o Decreto 466/1990, do 27 de setembro, que regulaba as feiras do libro en Galicia. Por iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As seccións de feiras do libro supoñen unha actividade de promoción da lectura, mediante achegamento do libro ó seu potencial lector, na que se desenvolve tamén unha actividade comercial, froito da venda dos libros. Esta venda, efectuada por persoas físicas ou xurídicas legalmente autorizadas, poderá realizarse cos descontos máximos permitidos sobre o prezo fixo do libro.

Artigo 2º

As seccións das feiras do libro poderán ser feiras do libro en catálogo ou feiras do libro antigo e/ou de ocasión.

1. Feiras de libro en catálogo son aquelas nas que se exhiben e comercializan libros incluídos nos catálogos editoriais. Entenderase por catálogo a relación entregada polo editor ó distribuidor ou libreiro na que figuren os títulos, autores e prezo de venda dos libros que compoñen o seu fondo editorial, con mención expresa da data de vixencia da información que se facilita. As feiras de libro en catálogo poderán tamén ser feiras de carácter monográfico, dedicadas a un tipo específico de libros ou de materiais bibliográficos.

2. Feiras do libro antigo e/ou de ocasión son aquelas nas que se exhiben ou comercializan libro antigos e/ou libro descatalogados polo editor e que, xa que logo, non figuren no seu último catálogo.

Artigo 3º

As feiras do libro en catálogo que se celebren en Galicia terán como un dos seus obxectivos primordiais a exhibición, difusión e comercialización do libro galego, fundamentalmente do publicado nos últimos anos.

Artigo 4º

A Consellería de Cultura organizará, dentro das feiras culturais, as súas propias seccións de feiras do libro segundo o calendario que cada ano se publicará dentro do primeiro trimestre de cada ano, segundo o artigo 4 do Decreto 40/1995, do 27 de xaneiro, que regula as feiras culturais en Galicia.

Poderán así mesmo organizar feiras do libro en Galicia todas aquelas persoas físicas ou xurídicas que sexan autorizadas para este fin pola Consellería de Cultura, de acordo co establecido na presente orde, e sen mingua das competencias que en materia de licencia municipal corresponden ós concellos. Terán prioridade para a autorización de feiras do libro as solicitudes presentadas pola Federación de Libreiros de Galicia.

Artigo 5º

Unha das seccións de feiras do libro en catálogo poderá denominarse Feira do Libro de Galicia e procurarase que teña carácter rotatorio entre distintas localidades.

Artigo 6º

1. Cada ano poderá ser realizada para cada localidade de Galicia unha feira do libro en catálogo non monográfica e unha feira do libro antigo e/ou de ocasión. Nas localidades onde a consellería celebre seccións de feiras do libro esa será a única do seu tipo autorizada.

2. Para que unha feira do libro en catálogo poida ser autorizada requirirase que polo menos a metade dos seus participantes sexan libreiros radicados en Galicia. Nas feiras de libro antigo e/ou de ocasión polo menos a metade dos postos de venda deben ser ofertados ós libreiros radicados en Galicia.

3. Os participantes deberán reuni-los requisitos legais necesarios para o exercicio de actividades mercantís e, no caso dos libreiros, deberán estar inscritos no Rexistro de Librerías da Consellería de Cultura.

Artigo 7º

1. As solicitudes de autorización serán presentadas no mes de decembro do ano anterior ó da celebración delas no rexistro xeral da Consellería de Cultura, nas súas delegacións provinciais, ou remitiranse por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A solicitude estará acompañada da seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da representatividade da persoa que asina a solicitude.

b) Estatutos ou regulamentos polos que se rexe a feira, que en ningún caso serán contrarios ó disposto nesta orde e nos que deben consta-las condicións para a inscrición dos participantes.

e) Carácter da feira, lugar e datas de celebración, e horario de funcionamento.

d) Características da situación da feira, accesos e servicios (luz, auga, comunicacións, teléfono, limpeza e outros).

e) Características das casetas expositoras e o seu número.

f) Actividades culturais previstas durante a feira.

g) Compromiso dos organizadores de que poñerán en coñecemento por escrito de tódolos libreiros da localidade a celebración da feira, dándolle-la posibilidade a todos eles de se inscribiren.

h) Seguros de persoas e bens (responsabilidade civil).

i) Declaración de que a metade, polo menos, dos participantes son libreiros, editores ou distribuidores radicados en Galicia no caso de feiras de libro en, catálogo, ou de que a metade dos postos de venda foron ofertados a libreiros galegos no caso de feiras de libro antigo e/ou de ocasión.

l) Memoria económica do custo desagregado en despesas materiais e actividades culturais. Faranse constar na memoria as subvencións recibidas ou solicitadas de calquera entidade pública ou privada para a celebración da feira.

Artigo 8º

Unha vez recibida a solicitude e a documentación sinalada no artigo 7º, será estudiada por parte dos servicios competentes da Dirección Xeral de Cultura e o director xeral de Cultura propoñerá ó conselleiro de Cultura a resolución que proceda.

Artigo 9º

Os puntos de venda ou exhibición dentro de cada unha das feiras de libro en catálogo que se celebren serán adxudicados por sorteo público entre os solicitantes, comunicándoselles a estes a data de celebración do dito sorteo cunha antelación, polo menos, de sete días.

No caso de que haxa máis solicitantes ca puntos de venda ou exhibición serán reservados estes segundo a seguinte proporcionalidade, en base ó número de casetas non institucionais.

50% para os libreiros da localidade.

30% para os libreiros do resto de Galicia.

10% para editores galegos, en exposición sen venda, tendo preferencia aqueles nos que polo menos o 60% dos títulos editados sexa en lingua galega.

10% para os restantes libreiros, distribuidores e editores.

Os libreiros que concorran na modalidade da venda a prazos serán incluídos no último grupo.

No caso de que a cota destes grupos non se cubra co número de solicitudes recibidas, os postos de venda ou exhibición de libros serán distribuídos entre os restantes grupo. En caso de existir exceso de solicitudes de libreiros da localidade, estes terán preferencia para a adxudicación destas prazas.

Disposición transitoria

As solicitudes de autorización para as feiras a celebrar no ano 1995 serán presentadas nun prazo de trinta días naturais, a partir da entrada en vigor da presente orde, no rexistro xeral da Consellería de Cultura, nas súas delegacións provinciais, ou remitiranse por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento, administrativo común. As solicitudes para este ano presentadas con anterioridade á entrada en vigor do Decreto 40/1995, do 27 de xaneiro, consideraranse válidas para tódolos efectos, salvo comunicación en sentido contrario dos solicitantes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Cultura para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 1995.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura