Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 12 de abril de 1995 Páx. 2.785

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de marzo de 1995 pola que se promoven accións de orientación profesional e estímulo da formación empresarial dos alumnos que remataran estudios de formación profesional regrada ou de educación secundaria obrigatoria no curso 1994-1995.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia plena no regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

O Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, ó amparo das normas constitucionais, estatutarias e legais correspondentes, traspasa á Comunidade Autónoma funcións e servicios da Administración do Estado en materia de educación.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, nos seus artigos 55 e) e 60.2º establece que a Administración educativa garantirá unha atención prioritaria á orientación educativa e profesional dos alumnos, especialmente no que se refire ás distintas opcións educativas e á transición do sistema educativo ó mundo laboral.

A Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei de orzamentos xerais da Comunidade galega para o ano 1995, establecen os requisitos e normas necesarias e básicas para a xestión e actividade económica-financeira.

Nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1995, nas aplicacións 07.04.322P.483.04 e 07.04.322P.483.09 existe partida orzamentaria para as axudas que se establecen no articulado da presente orde, cun importe total de 60 millóns de pesetas.

A rápida evolución da sociedade, tanto nos modos de vida como nos comportamentos sociolaborais inducidos pola implantación de novas tecnoloxías e a experimentación de novos modos de organización do traballo, implica a necesidade de adapta-los sistemas educativos e de formación ás circunstancias de cada momento.

Para responder á situación exposta, o Libro Branco da Comisión, sobre crecemento, competitividade e emprego, propón unha estratexia fundada nunha economía sa, descentralizada e caracterizada pola solidariedade, na que a educación e a formación ó longo de toda a vida son os vectores principais que converxen na autoformación, como instrumento básico da cualificación permanente dos traballadores. Todo isto impón para os profesores un novo rol: asesores e orientadores que soamente poderán exercer se están en perfecta sintonía co mundo productivo.

Esta liña de traballo entronca co Plan de Emprego Xuvenil (PEX) da Xunta de Galicia, no seu apartado de formación empresarial para os nosos mozos, procurando que os estudiantes que están rematando a súa FP coñezan o mundo empresarial de cara á busca dun traballo por conta allea; deste modo entran en contacto coas modernas técnicas de busca activa de emprego e coas posibilidades reais de creación dunha empresa.

Ademais, estas accións inclúense, á parte de en varios obxectivos xerais, no obxectivo 1 do Marco de Apoio Comunitario para o período 1994-1999, concretamente no eixe 7 sobre valoración de recursos humanos, para o que se destinan, nas accións financiables, recursos do Fondo Social Europeo.

Por conseguinte, as accións que promove esta orde pretenden contribuír a dinamiza-las iniciativas dos centros para lograr unha estructura propia de orientación profesional con vistas a favorece-las decisións futuras dos mozos, o emprego e a competitividade das empresas do seu contorno. Trátase dunha adecuación das iniciativas recollidas no Libro Branco da Comisión, antes mencionado, presentado polo Consello Europeo en decembro de 1993 e recollidas no Plan de Emprego Xuvenil aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 21 de abril de 1994 e recollidas nas accións cofinanciadas polo F.S.E.

Polo que, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A presente convocatoria ten por obxecto establecer axudas para o desenvolvemento das seguintes actividades:

-Visitas ou estancias en empresas, centros formativos, etc.

-Reunións, xornadas, cursos, conferencias, seminarios nos que se traten temas de orientación profesional.

Os destinatarios destas accións serán os alumnos dos seguintes cursos e niveis educativos: 2º FP1, 3º FP2, 4º ESO.

Estas accións deberán levarse a cabo antes do 31 de xullo de 1995, e desenvolveranse en colaboración con:

-Departamentos de orientación.

-Departamentos da área tecnolóxico-práctica e en especial os departamentos responsables da impartición da formación empresarial e da formación e orientación laboral.

Artigo 2º

As referidas accións teñen obxectivos interrelacionados:

a) Informa-los mozos das vantaxes de predetermina-lo seu futuro profesional.

b) Estimula-lo profesorado para que estableza contactos co mundo productivo e anime a colaboración do centro educativo e as empresas do contorno para orienta-los mozos.

e) Evita-lo desemprego e a espera da incorporación ó traballo.

d) Potenciar e estimula-la creación de asociacións, cooperativas, ou o exercicio do traballo autónomo entre os mozos que están nos cursos de fin de ciclo, etapa, etc.

Artigo 3º

Poderán concorrer a esta convocatoria as institucións sen ánimo de lucro e legalmente constituídas da Comunidade Autónoma de Galicia.

En todo caso, terán prioridade para a concesión destas axudas as institucións que teñan entre os seus obxectivos a promoción de accións de orientación profesional e estímulo da formación empresarial, ou que veñan colaborando coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no desenvolvemento do programa de prácticas en alternancia.

Artigo 4º

O titular ou representante legal da entidade solicitante presentará a solicitude por duplicado, no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificios administrativos de San Caetano, s/n, ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 15 días hábiles a partir da publicación da presente orde.

Artigo 5º

As solicitudes, por duplicado, axustaranse ó modelo establecido no anexo I e irán acompañadas dun proxecto e orzamento de actividades, tamén por duplicado, conforme o anexo II. Xuntaráselle á documentación sinalada unha certificación bancaria na conta corrente a nome do representante legal da enti

dade solicitante na que desexe que se lle ingrese o importe da subvención, se é o caso.

Así mesmo, deberá achegarse certificación de conformidade dos consellos escolares dos centros ós que pertenzan os alumnos implicados.

Artigo 6º

Baixo a presidencia do director xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos constituirase unha comisión de selección encargada de valora-las solicitudes presentadas.

A dita comisión estará integrada por:

-O subdirector xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos.

-Catro inspectores correspondentes ós servicios provinciais de Inspección.

-O xefe do Servicio de Ensinanzas Profesionais.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

Os membros da comisión poderán percibir asistencias, axudas para gastos e locomoción por concorrer ás sesións conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

Artigo 7º

A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e elevaraa ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá o que proceda.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo de tres meses desde o remate do prazo de presentación daquelas.

A selección e contía das axudas estableceranse de acordo coas seguintes prioridades:

a) Programas en colaboración con empresas.

b) Actividades con carácter innovador.

c) Accións destinadas a fomenta-la igualdade de oportunidades para as mulleres.

d) Iniciativas que desenvolvan sistemas de asesoramento e orientación para os mozos, que lles axuden a coñecer e avalia-la súa potencial profesional.

e) Proxectos que axuden a localizar información sobre a oferta formativa profesional a escala laboral ou comarcal co efecto de lograr un maior impacto no emprego.

f) Propostas tendentes a sensibiliza-los diferentes sectores económicos, servicios de emprego e formación, etc., a través de seminarios específicos de intercambio e publicación de medidas que canalicen toda a información sobre o emprego.

g) Accións que sirvan de reforzo ás políticas comunitarias e ós programas comunitarios, en especial no ámbito do emprego, os recursos humanos e a integración no mercado de traballo.

Artigo 8º

As axudas concedidas en cada caso irán destinadas a sufraga-los gastos de persoal, material didáctico e posta en práctica do proxecto e serán aboadas, de conformidade co que dispón o artigo 35.2º A) da Lei 6/1994, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 30 de decembro) da seguinte forma:

1.-Unha vez resolta a convocatoria e aceptada a subvención polos interesados, aboarase o 10% da súa contía, logo de xustificación provisional consistente na certificación de que comezaron as actividades.

2.-Libraranse, en concepto de pagos parciais, as cantidades que xustifiquen as entidades, sen exceder, en ningún caso, do 70% da cantidade total da subvención.

3.-A cantidade restante librarase unha vez rematada a actividade no momento da súa completa xustificación por parte do beneficiario e entrega da memoria dela, achegando certificación acerca da percepción ou non percepción doutras axudas e subvencións para a mesma finalidade, para efectos do disposto no artigo 78.3º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario.

Unha vez realizada a actividade, as entidades beneficiarias destas axudas remitirán a súa xustificación no prazo de 30 días hábiles ó Servicio de Ensinanzas Profesionais. Nela farase consta-la efectiva realización das actividades subvencionadas e o gasto correspondente.

Artigo 9º

Na medida en que estas actividades se desenvolvan nos institutos de formación profesional, a inspección educativa velará polo desenvolvemento destas accións e asegurarase de que a súa realización sexa compatible coas actividades docentes dos centros educativos, cando se leven a cabo en período lectivo.

Artigo 10º

As entidades que obteñan axudas no marco da presente convocatoria comprométense a:

-A gratuidade das actividades.

-A xestión directa do proxecto subvencionado.

-Facilitar canta información demande a Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos.

-A notificación urxente dos cambios que puidesen producirse en relación co desenvolvemento da actividade, para a súa aprobación ou non pola Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos.

-A cesión de cantos documentos e materiais se deriven do proxecto para a súa publicación.

-A certificación dos gastos dos fondos recibidos no prazo que se determine.

-Comunica-lo número real de participantes e os axustes realizados.

-Achegar copia dos contratos, se é o caso, do persoal laboral contratado.

-En xeral, ó cumprimento do que establece a presente orde e a normativa laboral que lle sexa de aplicación.

Artigo 11º

Como remate de todo o proceso, as entidades subvencionadas quedan obrigadas a presentar, no transcurso dos 30 días hábiles posteriores á finalización da acción, unha memoria detallada do seu desenvolvemento, que poderá servir como documento de difusión e debate.

Artigo 12º

A subvención poderá ser revogada, despois de audiencia ós interesados, sempre que dos informes de seguimento se deduza que as actividades non se axustan ó proxecto presentado. Esta circunstancia suporá a devolución das cantidades percibidas en virtude desta convocatoria e exerceranse, se é o caso, as accións legais pertinentes para esixi-lo reintegro correspondente.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria