Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Luns, 10 de abril de 1995 Páx. 2.728

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 15 de marzo de 1995 pola que se regula a concesión de axudas a particulares para a creación e mellora de establecementos de restauración e hospedería no Camiño de Santiago.

A carencia de servicios de restauración nas proximidades dalgúns dos albergues do Camiño Francés fai imprescindible subvenciona-la súa creación e mellora. Aínda que o obxectivo prioritario da concesión destas axudas é prestar un servicio de restauración ós peregrinos, tamén se pretende acadar coas mesmas outras finalidades como son a recuperación e conservación da arquitectura popular galega, a valoración dos productos propios da zona e a gastronomía típica da localidade. En consecuencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A regulación da concesión de axudas a particulares para a creación e mellora de establecementos de restauración e hospedería no Camiño de Santiago.

Artigo 2º

1. Concederanse axudas ás accións que de seguido se relacionan:

a) Rehabilitación e acondicionamento de edificacións rurais galegas como establecementos de restauración.

b) Mellora de establecementos de restauración.

En ámbolos casos a súa arquitectura, decoración e mobiliano será acorde coa tradición arquitectónica da zona.

2. A zona xeográfica obxecto das axudas expresadas no punto 1 circunscríbese ós termos municipais de: Pedrafita do Cebreiro, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas e Arzúa, tendo preferencia as localidades de: Hospital da Condesa, Calvor, Barbadelo, Ferreiros, Gonzar, Venas de Narón, Ligonde, Mato-Casanova e Ribadiso.

3. Non serán subvencionables as adquisicións de terreos e edificacións, así como os equipamentos que non supoñan obra.

Artigo 3º

Cada unha das axudas que se concedan non poderán exceder de 1.000.000 de pesetas. O aboamento das devanditas axudas farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.121A.770.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995, ata o esgotamento da partida orzamentaria establecida para o efecto.

Artigo 4º

1. As solicitudes de axuda presentaranse, conforme o modelo oficial, que figura como ánexo desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Cultura ou en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro. O prazo de presentación será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Xuntarase tamén a seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI ou da escritura de constitución da sociedade, segundo corresponda á titularidade da empresa.

-Orzamento do investimento de execución material asinado por técnico facultado ou contratista.

-Informe urbanístico da viabilidade do proxecto expedido polo concello.

-Fotografías da edificación existente.

-Plano de localización do proxecto de investimento.

-Escrito de compromiso de mante-lo establecemento aberto ó público ata o 31 de decembro do Ano Santo de 1999.

-Escrito de comporomiso de participar nas actividades de formación especificamente dirixidas ós beneficiaxios destas axudas, se é o caso.

-Calquera outra documentación que consideren oportuna á vista dos criterios de valoración.

Artigo 5º

Os correspondentes servicios técnicos da Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago poderán reclamarlles, se fose necesario, ós solicitantes, que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación esixida, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, outórgaselles un prazo de 10 días desde o recibo do escrito do requirimento.

Artigo 6º

1. Para a avaliación das solicitudes constituirase unha comisión de valoración composta polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral de Promoción do Camiño de Santiago, ou persoa en quen delegue.

Vocais: os delegados provinciais da Consellería de Cultura da Coruña e Lugo.

Actuará de secretario un licendiado en dereito elixido entre o persoal adscrito a Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago.

2. A Comisión de Valoración, á hora de emiti-la súa proposta, terá en conta os seguintes criterios:

-A oferta de servicios de restauración no contorno inmediato da localización do proxecto, e a súa proximidade a un albergue.

-A oferta de servicios do establecemento e as características arquitectónicas da edificación.

-A xeración de postos de traballo.

-A capacidade de ofertar productos típicos da zona., de colleita ou elaboración propia.

3. A resolución das axudas correspóndelle ó conselleiro de Cultura, por proposta do director xeral de Promoción do Camiño de Santiago. O acordo de concesión ou denegación da axuda seralles comunicado por escrito ós solicitantes.

4. A resolución de adxudicación porá fin á vía administrativa de acordo co artigo 109 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e contra ela cabe interpoñer recurso cotencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir da data da súa notificación efectiva ós interesados.

Artigo 7º

Os proxectos deberán reuni-los requisitos mínimos esixidos pola normativa turística vixente.

Artigo 8º

1. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a xustifica-lo emprego das cantidades recibidas nos fins para os que foron concedidas, mediante o envío á Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago da Consellería de Cultura dos xustificantes dos gastos, en orixinal e copia, xunto cunha copia do NIF ou CIF e certificación bancaria orixinal da conta onde deberá aboarse a axuda antes do 31 de outubro, co obxecto de proceder ó libramento dos fondos.

2. A concesión da axuda esixirá a certificación do beneficiario, de non ter débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia. Así mesmo, esixiranse certificacións xustificativas de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

4. No caso de que os xustificantes do investimento non se correspondan totalmente ou en parte cos conceptos expresados nos orzamentos de investimento aceptado na solicitude, a subvención reducirase a parte ou á totalidade na proporción que corresponda.

Artigo 9º

Nos locais obxecto destas axudas, os propietarios quedarán obrigados a colocar unha placa na que figure que aqueles foron subvencionados pola Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago da Consellería de Cultura.

Artigo 10º

No caso de que os beneficiarios das axudas incumprisen algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Cultura instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, podendo mesmo anula-los beneficios concedidos e solicita-la devolución das cantidades percibidas segundo establece o Regulamento xeral da recadación.

Artigo 11º

Os beneficios establecidos na presente disposición son incompatibles coas axudas para rehabilitación de vivendas familiares ou para edificiacións con destino a aloxamentos de turismo rural.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Promoción do Camiño de Santiago para dictar, no ámbito das súas competencias, as disposicións oportunas para o desenvolvemento da presente orde.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 1995.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

Sr. Director Xeral de Promoción do Camiño de Santiago