Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Luns, 10 de abril de 1995 Páx. 2.719

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de marzo de 1995 pola que se dictan normas referentes á renovación da oferta de ensinanzas experimentais nos centros de formación profesional durante o curso 1995-1996.

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía de Galicia, e o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en

materia de educación, recoñécenlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as competencias en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado.

No marco desta competencias, e da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, un dos obxectivos básicos para a formación profesional é o de lles dar unha resposta puntual e axeitada ós requirimentos de formación provenientes do mundo productivo.

Este obxectivo implica, por unha parte, a necesidade de elaborar uns plans de estudio acordes con eses requirimentos, e, por outra, a de manter en todo momento actualizada a oferta formativa dos centros.

En canto ó primeiro aspecto, a Administración educativa está procedendo á elaboración dun novo catálogo de titulacións de formación profesional específica que pretende dar resposta ás necesidades actuais e futuras formuladas polos diferentes sectores productivos. Nesta mesma liña, tanto a educación secundaria obrigatoria como as distintas modalidades de bacharelato inclúen nos seus respectivos plans de estudio contidos de formación profesional de base que pretenden, por unha parte, a preparación dos alumnos e alumnas para acceder á formación profesional específica e, por outra, conseguir neles unha polivalencia que lles vai demanda-la dinámica social na que nos atopamos inmersos, propiciada entre outros aspectos polas normas e accións derivadas da Unión Europea.

O segundo aspecto incide na necesidade de revisar periodicamente a oferta educativa dos centros, para adaptala ás necesidades de cada momento. Neste sentido, durante os próximos cursos acometerase a substitución das actuais ensinanzas de formación profesional polos novos ciclos formativos, en proceso de elaboración, dentro do calendario previsto, e procurarase a ampliación da oferta no contexto dos obxectivos sinalados polo Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo para Galicia 1994-1999.

Non obstante, en tanto non se remata a elaboración das novas titulacións, resulta conveniente utilizar para o próximo curso as posibilidades que ofrece o catálogo experimental de módulos profesionais, que permitirá unha resposta máis axeitada ás nece

sidades do mercado de traballo e un maior coñecemento dos aspectos máis salientables do novo modelo.

Por outra parte, a progresiva implantación da educación secundaria obrigatoria fai que distintos centros poidan requirir durante o próximo curso 1995-1996 a implantación de módulos profesionais de nivel 2 ou ciclos formativos de grao medio.

Na súa virtude, visto o Decreto 232/1994, do 14 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Primeiro.-A presente orde regula as condicións polas que os centros públicos e privados homologados de formación profesional poderán solicita-la experimentación de módulos profesionais e ciclos formativos durante o curso 1995-1996.

Segundo.-Experimentación de módulos profesionais durante o curso 1995-1996.

1. Os módulos profesionais de niveis 2 e 3 para os que se poderá solicitar autorización de experimentación son os aprobados polas ordes ministeriais de: 8 de febreiro de 1998 (BOE do 12 de febreiro), 5 de decembro de 1988 (BOE do 20 de decembro), 15 de febreiro de 1990 (BOE do 23 de febreiro) e 21 de marzo de 1991 (BOE do 27, 28, 29 e 30 de marzo e 1 de abril).

2. Os centros públicos ou privados homologados que desexen experimentar durante o curso 1995-1996 algún dos módulos profesionais indicados no apartado 2.1, deberán presentar na correspondente delegación provincial, ata o 29 de abril de 1995, unha memoria na que consten os seguintes puntos, segundo proceda:

2.1. Módulos profesionais para os que se pide autorización por pimeira vez:

a) Conexión co contexto productivo: xustificación da coveniencia de implanta-lo módulo, tendo en conta o sector productivo na área de influencia do centro.

b) Relación de empresas do sector que, reunindo os requisitos de idoneidade, asumiron formalmente o compromiso de acolle-los alumnos para a realización do período de «formación en centros de traballo».

c) Xustificación da existencia do espacio físico necesario no centro. No caso de centros privados, acreditación de que coas novas ensinanzas non se supera o número de postos escolares autorizados para o centro e de que se cumpren as especificacións mínimas fixadas polo Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño.

d) Descrición dos medios didácticos e tecnolóxicos dispoñibles. En caso de que estes sexan insuficientes, deberá incluírse unha relación das necesidades a este respecto, coa correspondente valoración económica.

e) Proxecto, didáctico, no que figurarán, polo menos, os seguintes apartados:

-Liñas xerais da programación do módulo profesional concretando a adaptación dos obxectivos e contidos do mesmo ó contorno do centro.

-Metodoloxía horaria e calendario para os períodos formativos no centro e nas empresas.

f) No caso de centros públicos, relación de profesorado con destino definitivo no centro que se compromete á impartición do módulo, indicando áreas que impartiría cada un, titulación e currículum.

No caso de centros privados, relación de profesorado que impartiría o módulo, indicando titulación e currículum.

g) Profesor ou profesora que exercerá a tarefa de coordinación do módulo.

h) Necesidade ou non de recorrer á colaboración de expertos nalgún bloque temático. En caso afirmativo indicarase a área e número de horas de colaboración, o perfil do experto requirido e a posibilidade de consegui-lo dito experto na área de influencia do centro.

i) No caso de centros públicos ou privados concertados, aprobación da comunidade educativa, certificación de que o proxecto foi aprobado polo claustro e polo consello escolar do centro.

2.2. Módulos para os que se tivese autorizada a experimentación no curso 1994-1995 en virtude das resolucións do 22 de agosto de 1994 (DOG do 1 de setembro), ou 6 de setembro de 1994 (DOG do 6 de outubro).

a) Memoria dos aspectos máis destacables da experimentación desenvolvida.

b) Xustificación de que se seguen cumprindo os requisitos básicos que deron lugar á autorización no seu momento.

Terceiro.-Implantación de ciclos formativos.

1. Seguindo a metodoloxía utilizada na experimentación dos módulos profesionais e na implantación anticipada da educación secundaria obrigatoria, considérase oportuno comeza-la implantación dos ciclos formativos aprobados oficialmente mediante real decreto, e que teñen establecido, en consecuencia, o correspondente «documento base do título profesional».

2. Os centros que, como consecuencia da existencia de alumnos que superaron a educación secundaria obrigatoria, desexen solicita-la experimentación durante o curso 1995-1996 dalgún dos ciclos formativos indicados no apartado 3.1 deberán presentar na correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ata o 29 de abril, unha memoria na que consten os seguintes puntos:

a) Conexión co contexto productivo: xustificación da conveniencia de implanta-lo ciclo formativo, tendo en conta o sector productivo na área de influencia do centro.

b) Relación das empresas do sector que, reunindo os requisitos de idoneidade, asumiron formalmente o compromiso de acolle-los alumnos para a realización do módulo de «formación en centros de tra

ballo», de acordo co programa enunciado no correspondente documento base do título. Este compromiso de colaboración xustificarase documentalmente.

c) Xustificación de que se cumpren os requisitos mínimos de espacios e instalacións especificados no correspondente «documento base do título», así como as especificacións previstas para este tipo de ensinanzas polo Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño. No caso de centros privados, ademais, acreditación de que as novas ensinanzas non supoñen un incremento no número de postos escolares autorizados.

d) Descrición dos medios didácticos e tecnolóxicos dispoñibles. En caso de que estes sexan insufientes, deberá incluírse unha relación das necesidades a este respecto, coa correspondente valoración económica.

e) No caso de centros públicos, relación de profesorado da área tecnolóxico-práctica con destino definitivo no centro, indicando especialidade, titulación e currículum.

No caso de centros privados, profesorado que impartiría as novas ensinanzas, indicando titulación e currículum.

f) Proxecto didáctico, elaborado a partir do documento base do título, no que se concretarán:

-Liñas xerais da programación do ciclo formativo, concretando a adaptación dos obxectivos e contidos do mesmo ó contorno do centro.

-Contidos de cada módulo, debidamente secuenciados.

-Metodoloxía e equipamento didáctico a utilizar en cada caso.

-Distribución horaria e calendario para os períodos formativos no centro e nas empresas.

-Sistemas de avaliación e recuperación previstos.

g) Actividades específicas de formación e actualización do profesorado que se consideran necesarias para poder implanta-lo ciclo.

h) No caso de centros públicos ou privados concertados, aprobación da comunidade educativa: certificación de que o proxecto foi aprobado polo claustro e polo consello escolar do centro.

Cuarto.-Aprobación das ensinanzas.

1. As delegacións provinciais remitirán as correspondentes memorias-solicitudes á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, acompañadas dun informe dos servicios provinciais de inspección relativo á oportunidade e interese da autorización e cantos outros extremos xulguen oportuno.

2. A aprobación ou denegación das ensinanzas contempladas nesta orde corresponderalle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, logo de informe da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos.

As memorias-solicitudes entenderanse desestimadas no caso de non recaer resolución expresa no prazo de tres meses desde que rematou o prazo da súa presentación.

Contra, esta resolución poderase recorrer no prazo de un mes perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, mediante o recurso ordinario previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Terán prioridade para imparti-las ensinanzas reguladas nesta orde os centros que cumpran algún destes requisitos:

-Centros que teñan implantada a educación secundaria obrigatoria.

-Centros nos que a implantación destas ensinanzas sirva para completar ou reestructura-la oferta actual de ensinanzas de formación profesional.

-Así mesmo, debido á necesidade de que os alumnos que superen os estudios da educación secundaria obrigatoria teñan unha oferta escolar axeitada, daráselles prioridade ás solicitudes de ensinanzas de formación profesional específica de grao medio.

Quinto.-Unha vez aprobada a experimentación das ensinanzas previstas nesta orde, o número mínimo de alumnos que se requirirán nos centros públicos para poder impartilas será de 20 por aula, salvo autorización expresa da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos en sentido contrario. Esta esixencia de número de alumnos debe ser posta en coñecemento dos interesados no momento da súa preinscrición.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos determinará en cada caso o número máximo de alumnos por grupo, atendendo ás condicións pedagóxicas e medios didácticos concretos. Este número máximo en ningún caso poderá supera-los 35 alunmos.

Disposición derradeira

Autorízase as direccións xerais de Ordenación Educativa e Centros e Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos a dicta-las resolucións que coiden necesarias para o axeitado desenvolvemento do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Sr. Director Xeral de Ordenación Educativa e Centros.

Sr Director Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos