Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 06 de abril de 1995 Páx. 2.624

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de marzo de 1995 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de axudas para o establecemento de convenios de colaboración con institucións públicas e privadas sen fins de lucro para a realización de programas de investigación.

A ordenación, a planificación e a execución das competencias en materia de fomento da investigación correspondentes á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en relación coas que lle atribúe á Comunidade Autónoma, neste tema, o artigo 27.19º do Estatuto de autonomía, permite poñer en marcha accións caracterizadas xeralmente como accións de expansión do sistema universitario en particular e da comunidade científica de Galicia en xeral. Estas accións concrétanse en dous tipos distintos:

a) O desenvolvemento de convenios con institucións investigadoras de fóra da Comunidade Autónoma, utilizando como instrumento de cambio a realidade de Galicia, o seu coñecemento e a súa infraestructura de I+D.

b) O desenvolvemento de convenios con institucións públicas ou privadas de Galicia, sen fins de lucro e con interese manifesto na investigación científica e no desenvolvemento tecnolóxico (universidades, fundacións, asociacións .... ), utilizando como instrumento de cambio, igual ca no caso anterior, a realidade de Galicia, o seu coñecemento e a súa infraestructura de I+D.

Coa presente orde procédese a darlles forma legal ás accións encamiñadas á colaboración con institucións públicas ou privadas de Galicia. A experiencia das convocatorias de anos anteriores permite manter que este tipo de accións son de grande interese para as institucións afectadas e favorecen, por medio do apoio económico axustado ós programas que propoñen as institucións solicitantes, a formación de investigadores en consonancia coas necesidades de centros de traballo.

Polo que antecede esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

1. Convócanse axudas para o establecemento de convenios de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Galicia, centros públicos de investigación radicados na Comunidade Autónoma, fundacións, asociacións e outros entes privados de Galicia sen fins de lucro e con interese manifesto na investigación científica e no desenvolvemento tecnolóxico.

2. O convenio de colaboración ten por obxecto a realización de convocatorias conxuntas de axudas e bolsas destinadas á realización de investigación científica (básica e aplicada) ou investigación tecnolóxica en institucións distintas das convocantes.

3. As oportunidades que ofrece o convenio van dirixidas a investigadores que desenvolvan a súa actividade en centros radicados na nosa Comunidade Autónoma.

Artigo 2º

Para a concesión destas axudas destinarase a cantidade de 20.000.000 de ptas. con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.431A.740.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995. Nembargantes a citada cantidade poderase incrementar ata un máximo dun 20% en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá facer pública unha nova convocatoria, en iguais ou diferentes termos, no suposto de que as adxudicacións acordadas non cubran a totalidade do crédito orzado.

Artigo 3º

As solicitudes, no modelo oficial nº 18, que se publica como anexo á presente orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes irán acompañadas dunha memoria na que, entre outras circunstancias, se especifique:

a) O tipo de acción que se pretende realizar.

b) As bases polas que se rexerá a convocatoria derivada do posible convenio.

c) O orzamento previsto para o desenvolvemento da dita acción, diferenciando a parte que achega a institución solicitante e a que solicita desta consellería.

d) Aceptación expresa de que a composición da comisión que resolverá o concurso da convocatoria derivada do convenio será proporcional á aportación económica de cada unha das partes asinantes.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 12 de maio de 1995.

Artigo 4º

A selección dos bolseiros será realizada pola Comisión de Selección de Política Científica, que elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral de Universidades e Investigación para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º

A concesión das axudas será efectiva a partir da sinatura dun convenio específico no que se concrete a contía da axuda concedida, así como as bases polas que se rexerá a acción que se vai realizar, en cumprimento do establecido no artigo 3º.

Artigo 6º

A Dirección Xeral de Universidades e Investigación poderá utiliza-los procedementos de seguimento que considere necesarios para coñecer, en todo momento, o investimento das cantidades pagadas.

Artigo 7º

As axudas concedidas ó abeiro desta convocatoria libraranse de acordo coa normativa vixente.

Artigo 8º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992.

Artigo 9º

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de 12 meses, de conformidade co establecido no Decreto 267/1994, do 29 de xullo, polo que se aproba a relación de procedementos ini

ciados por solicitude dos interesados, dos que sexa competente para resolve-la Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos que a falta de resolución expresa da Administración produce efectos desestimatorios ou estimatorios.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria