O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.
O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20), entre os que se atopa a sanidade.
O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.
O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.
Convocada folga que afecta o persoal con categoría de celador/a con destino no Hospital do Meixociro para os días 5, 6, 7, 10, 11 e 12 de abril de 1995, entre as 9 e as 10 horas na xornada de mañá e entre as 16 e as 17 na xornada de tarde, oído o comité de folga, esta consellería,
DISPÓN:
Artigo 1º
A convocatoria de folga, para os días 5, 6, 7, 10, 11 e 12 de abril de 1995, entre as 9 e as 10 horas na xornada de mañá e entre as 16 e as 17 na xornada de tarde, que afecta o persoal con categoría profesional de celador/a con destino no Hospital do
Meixoeiro, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen no anexo desta orde.
Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura asistencial dos centros sanitarios, evitando a producción de graves prexuízos ós pacentes; tendo en conta, fundamentalmente, que a folga ten incidencia nunhas horas durante a xornada de mañán e tarde, nas que se desenvolve, polo persoal, una especial actividade. Calquera redución de tales mínimos podería supoñer prexuízos graves para os usuarios do servicio.
Artigo 2º
A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será feita polo director-xerente do hospital, publicándose no taboleiro de anuncios do mesmo.
Artigo 3º
Os prazos e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo serán considerados ilegais ós efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9).
Artigo 4º
O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.
Artigo 5º
Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.
Disposición derradeira
A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de abril de 1995.
José Manuel Romay Becaría
Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais
ANEXO
SERVICIOS MÍNIMOS
-Quenda de mañá:
Xefe de persoal celadores: 1.
Urxencias: 4.
Retén: 4.
Quirófanos: 3.
Psiquiatría: 1.
UCI-Reanimación: 1.
-Quenda de tarde:
Xefe de persoal celadores: 1.
Urxencias: 4.
Retén: 4.
Quirófanos: 1.
Psiquiatría: 1.
UCI-Reanimación: 1.