Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 04 de abril de 1995 Páx. 2.536

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 15 de marzo de 1995 pola que se convocan axudas económicas para a realización de actividades de formación dirixidas ó profesorado de niveis non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 1995 e organizadas polas asociacións e fundacións legalmente constituídas que teñan nos seus estatutos como fin preferente a formación do profesorado e non teñan a consideración de movementos de renovación pedagóxica.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, a súa competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolvan.

A Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, dispón que as administracións educativas planificarán as actividades necesarias de formación permanente do profesorado e garantirán unha oferta diversificada e gratuíta destas actividades (artigo 56.3º).

Sendo obxectivo fundamental da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a formación continuada do profesorado, aglutinando para o efecto tódolos esforzos e iniciativas, é necesario potenciar e fomenta-las actividades de formación permanente do profesorado, organizadas por diferentes asociacións e fundacións pedagóxicas que tradicionalmente promoven programas de perfeccionamento na Comunidade Autónoma sobre temas galegos e que, xunto cos directamente organizados pola Administración, contribúen á mellora continuada da cualificación profesional dos docentes e, en definitiva, á mellora da calidade da educación,

Por todo isto,

DISPOÑO:

1. Convócanse axudas económicas para a organización durante o ano 1995 de accións formativas: cursos, seminarios, congresos, reunións, conferencias, talleres e outras de análogas características que contribúan á dinamización do ensino en galego, dirixidas a profesores que imparten a súa docencia en niveis universitarios.

2. O importe máximo total das axudas que se concedan é de 6.500.000 pesetas, con cargo ó concepto orzamentario 07.03.322I.480.00.

3. Poderán ser beneficiarios destas axudas as asociacións e fundacións pedagóxicas legalmente constituídas cando nos seus estatutos figure como fin preferente a formación do profesorado e non teñan a consideración de movementos de renovación pedagóxica, e que desenvolvan as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia, e sempre que teñan xustificadas as axudas concedidas en anteriores convocatorias.

4. As asociacións e fundacións pedagóxicas interesadas deberán dirixi-las súas solicitudes, conforme o modelo que figura no anexo I, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, edificio San Lázaro, 15771 Santiago de Compostela, acompañadas da seguinte documentación:

A. Programa das actividades desenvolvidas ou, que se van desenvolver, conforme o modelo que figura no anexo II.

B. Orzamento de cada actividade por separado, conforme o anexo III, tendo en conta os módulos económicos que figuran no anexo IV.

C. Copia compulsada dos documentos que acreditan a súa constitución legal e fotocopia compulsada dos estatutos da entidade, así como.

D. Fotocopia da cédula ou tarxeta de identificación fiscal.

E. Documentación acreditativa da representación que ostenta o solicitante.

F. Certificación bancaria da conta corrente.

5. O prazo para a presentación de solicitudes será de trinta días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

6. As actividades (deseño convocatoria, publicidade, desenvolvemento, certificacións, etc.) faranse en galego de acordo co Decreto 173/1982, sobre normativización da lingua galega, e na disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística. Irán dirixidas fundamentalmente a profesores en activo na Comunidade Autónoma, non debendo supera-la participación doutros colectivos o 30 por cento do total de asistentes; este extremo deberá ser reflexado na memoria presentada.

7. Financiaranse prioritariamente aquelas actividades que coincidan basicamente cos obxectivos xerais da política educativa establecidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, especialmente os definidos no Plan Galego de Formación Continuada do Profesorado de Niveis non Universitarios e que versen sobre os seguintes temas considerados como prioritarios:

7.1. Actualización pedagóxico-didáctica:

-Orientación teórico-prácticas para a elaboración de proxectos de centro.

-Deseño e desenvolvemento curricular. Proxectos.

-Introducción de novos elementos culturais -saúde, medio ambiente, educación para a paz, coeducaciónnas distintas áreas do currículo.

-Desenvolvemento de adaptacións curriculares para alumnos con necesidades educativas especiais.

-Educación de adultos e alfabetización.

7.2. Actualización científico-técnica:

-En tódalas áreas do currículo.

-Do profesorado de formación tecnolóxica, de cara a implantación das ensinanzas técnico-profesionais, nos contidos da educación tecnolóxica e das distintas familias profesionais.

7.3. Modalidades, técnicas e instrumentos de avaliación.

7.4. Xestión e organización de centros educativos.

7.5. A orientación e a titoría.

8. A contía das axudas establecerase en función do número de solicitudes e a adecuación dos proxectos ó establecido no artigo 7 da presente convocatoria e da dispoñibilidade orzamentaria, tendo en conta ademais que, sumadas a outros recursos que se obteñan, non excedan dos gastos orzados para as actividades programadas.

9. Comisión de selección. Constituirase unha comisión de selección integrada por:

-O director xeral de Ordenación Educativa e Centros.

-A subdirectora xeral de Ordenación Educativa.

-O xefe do Servicio de Plans, Programas e Perfeccionamento.

-O xefe do Servicio de Formación do Profesorado.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario, con voz e sen voto.

10. Resolución da convocatoria. Unha vez rematado o proceso de selección, formularase a proposta de concesión de axudas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, determinando en cada caso a contía das axudas. A orde de concesión de axudas será publicada no Diario Oficial de Galicia.

No suposto de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de tres meses, e sen prexuízo da súa posterior resolución, as solicitudes entenderanse desestimadas.

11. O pagamento das axudas económicas concedidas farase nun só libramento, unha vez feita a debida xustificación, que se deberá realizar antes do 10 de outubro de 1995 para actividades celebradas ata o 30 de setembro e antes do 10 de decembro de 1995 para as actividades realizadas de outubro a decembro deste mesmo ano. Estes prazos será improrrogables. A devandita xustificación farase de acordo coas instruccións que para o efecto, dicte a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que serán postas en coñecemento dos interesados coa mesma data na que se lle comunique a súa concesión.

12. O importe da axuda, tendo en conta os recursos que xere a actividade e outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, poderá reducirse no suposto de que, á hora de presenta-la xustificación da axuda, houbese unha diminución dos gastos realizados. Esta reducción será proporcional á diminución dos gastos orzados.

13. Obrigas dos beneficiarios. Son obrigas dos beneficiarios das axudas, conforme a Lei 11/1992, do 7 de outubro, as seguintes:

a) Acreditar que se atopan ó día nas súas obrigas, tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Comunicar á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a obtención de calquera outra subvención ou axuda para a mesma finalidade, procedente de calquera Administración ou entes públicos ou, privados nacionais ou internacionais.

c) Reintegra-la axuda ou subvención percibida e mailos xuros de demora nos supostos recollidos no artigo 78.6º da Lei 11/1992.

14. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria