Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 03 de abril de 1995 Páx. 2.509

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 2 de febreiro de 1995 pola que se dan instruccións para a conmemoración do Día das Letras Galegas nos centros de ensino non universitario de Galicia.

A institucionalización pola Real Academia Galega, a partir de 1963, do Día das Letras Galegas o 17 de maio, foi sen dúbida un acontecemento que ano tras ano colleu pulo e resonancia na nosa sociedade, de tal xeito que en toda a Comunidade Autónoma galega se proxecta a figura homenaxeada e serve, o mesmo tempo, para reflexionar sobre Galicia, sobre a súa lingua e sobre a súa cultura.

A publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, en 1863, foi o punto de partida para a celebración, cen anos despois, da efeméride.

O Decreto 9/1995, do 12 de xaneiro, declara o ano 1995 como Ano de Rafael Dieste González, unha das personalidades máis ricas e inquedas das letras modernas galegas. Xornalista, filósofo, profesor, dramaturgo, narrador, mestre en castelán e en galego, Rafael Dieste foi un incasable creador e un constante viaxeiro. Representa tamén, como o fixera o seu antecesor nas homenaxes do día das Letras Galegas, a galeguidade da emigración e a intelectualidade aberta ás correntes internacionais que enriquecen co seu contacto a cultura do noso país.

Os méritos de Rafael Dieste González teñen, sen embargo, aínda un camiño que percorrer na súa terra, onde calquera esforzo por achega-la súa obra ós galegos non é máis ca un xusto e aínda pendente premio ás súas importantes aportacións á nosa cultura. A

súa contribución á resurrección do teatro galego, o seu labor de conferenciante e defensor da moderna plástica galega, o seu maxisterio como profesor e a súa obra narrativa, son xa un monumento da nosa cultura que homenaxea ó seu creador e que homenaxea á súa terra. Por isto, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-Durante o mes de maio destacarase en tódolos centros docentes dependentes da Comunidade Autónoma galega a importancia que ten para Galicia o Día das Letras Galegas.

Segundo.-O profesorado, de acordo coa liña que estableza o consello escolar de cada centro, programará as actividades escolares que considere oportunas para un mellor coñecemento desta data.

Terceiro.-En calquera caso, cando menos, dedicaráselle en cada un dos grupos de cada curso unha hora ó desenvolvemento dunha lección ou conferencia-coloquio, adaptada á idade do alumnado, na que se poña de manifesto a importancia que ten para Galicia a nosa lingua, facendo referencia ó artista homenaxeado este ano: Rafael Dieste González.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria