Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 29 de marzo de 1995 Páx. 2.375

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 7 de marzo de 1995 pola que se aproban as características técnicas do papel de oficio para a Administración de Xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo Real decreto 2.166/1994, do 4 de novembro, traspasáronse á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios que, dentro do territorio da Comunidade Autónoma, desempeña a Administración do Estado para a provisión de medios materiais e económicos necesarios para o funcionamento da Administración de Xustiza. E mediante o Decreto 394/1994, do 29 de decembro, asúmanse as ditas funcións e asígnanselle á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Dentro do material que empregan os órganos xudiciais atópase o papel de oficio, soporte documental das actuacións de tódolos órganos da Administración de Xustiza. A definición das súas caracteristicas técnicas e de seguridade establecéronse na Orde do 30 de novembro de 1993 do Ministerio de Xustiza. A dita orde exclúe do seu ámbito de aplicación as comunidades autónomas que asumiran competencias en materia de provisión de medios materiais e económicos para a Administración de Xustiza.

De conformidade co exposto resulta necesario regular esta materia, e en uso das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-1. O papel de oficio no que se documentarán as actuacións e resolucións dos órganos da Administración de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia terá as seguintes características técnicas:

Formato: UNE A-4.

Papel: con fibriñas invisibles de seguridade Parchemin, 80 gramos/metro cadrado.

Marca á auga do escudo constitucional.

No ángulo superior esquerdo figurará o escudo de Galicia impreso en tinta de cor azul e debaixo a lenda «Administración de Xustiza».

O ano de fabricación en tinta invisible.

Formato UNE A-5, as mesmas características que para o formato Une A-4.

2. O papel de oficio ó que se refire o apartado anterior será utilizado polos órganos da Administración de Xustiza en Galicia só para as actuacións e resolucións que initegren os procedementos xudiciais.

3. O escudo de Galicia e a especificación técnica das súas cores axustaranse ó establecido no artigo 3º da Lei 5/1984, do 29 de maio, de símbolos de Galicia, e no Decreto 73/1985, do 18 de abril.

Artigo 2º. Para os escritos das partes relacionados con actuacións e resolucións xurisdiccionais utilizarase papel común que, sempre que sexa posible, se axustará ó formato UNE A-4.

Artigo 3º.-1. As delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de informacion dos órganos de Administración de Xustiza con sede nos ámbitos territoriais correspondentes, prepararán a relación ordinaria de necesidades de papel de oficio de cada un deles, e remitirana á Dirección Xeral de Xustiza e Interior.

A dita relación elaborarase segundo os datos de utilización do papel de oficio nos anos anteriores, remanentes existentes e necesidades ordinarias previsibles.

2. Na relación sinalarase o número de unidades que se solicitan para cada órgano da Administración de Xustiza en Galicia. Por razóns de eficacia a distribución poderá concentrarse en determinados órganos, tales como salas de goberno ou xulgados decanos.

Artigo 4º. As necesidades extraordinarias e urxentes de papel de oficio dos órganos da Administración de Xustiza en Galicia, debidamente fundamentadas, serán atendidas pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais a través das súas delegacións provinciais, mediante a distribución dos remanentes existentes.

Artigo 5º. O gravado, elaboración e estampación do papel de oficio realizarase mediante contrato con entidades ou empresas especializadas.

Artigo 6º. As delegacións provinciais da Consellería de Xustiza e Interior, durante o mes de xuño de cada exercicio, una avaliación da utilización do papel de oficio no transcurso do ano anterior, co fin de elaborar melloras que faciliten a eficacia a eficiencia do correspondente gasto xudicial.

Disposición transitoria

O actual papel de oficio continuará sendo utilizado ata que se terminen os remanentes que del existan.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 1995.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais