Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 29 de marzo de 1995 Páx. 2.370

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 1995, da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, pola que se incoa expediente para a delimitación da contorna da igrexa parroquial de Santa María de Ferreira de Pallares, concello de Guntín, Lugo.

Por Real decreto do 1 de xuño de 1979, Boletín Oficial del Estado do 9 de xullo de 1979, foi declarado ben de interese cultural con categoría de monumento histórico artístico a igrexa parroquial de Santa María de Ferreira de Pallares, concello de Guntín, Lugo.

Sendo a devandita declaración anterior á entrada en vigor da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, cómpre na actualidade concreta-la delimitación da súa contorna.

En consecuencia, e vistos os informes dos servicios técnicos e órganos consultivos favorables á incoación do expediente para a delimitación da contorna da igrexa parroquial de Santa María de Ferreira de Pallares, concello de Guntín, Lugo, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Ter por incoado expediente para delimitación da contorna da igrexa parroquial de Santa María de Pallares, no concello de Guntín, Lugo.

Protexer este monumento e a zona afectada pola incoación, sendo a súa delimitación a seguinte:

«Comeza a liña no punto 1 situado no eixe da estrada que desde Guntín se dirixe a Ferreira de Pallares.

Desde este punto a liña coincide co eixe da pista que sobe ata a estrada que se dirixe ó lugar de Carpaceiro, encontrándose co eixe desta no punto 2.

Desde este punto 2 a liña coincide co eixe desta última estrada ata o punto 3.

A partir desta punto 3, a liño coincide co eixe do camiño que baixa ata o regueiro Sagade, punto 4.

Desde este punto 4 a liña continúa polos límites leste das parcelas catastrais números 80, 78b e 77 ata o punto 5 que se sitúa no eixe da corredoira que baixa cara a Ferreira.

Deste punto 5 a liña continúa polos límites leste das parcelas catastrais números 379, 383, polo límite sur da parcela catastral número 382, punto 6.

Desde aquí a liña continúa cara ó sur coincidindo co límite das parcelas catastrais 588d e 588.1, punto 7.

Desde este punto 7 a liña coincide co eixe do camiño que leva ata a estrada que desde Ferreira se dirixe ó lugar de Matei, punto 8.

Desde este punto 8 situado no eixe desta última carreira, a liña coincide co seu eixe ata o punto 9 no que a estrada se encontra co camiño que baixa ó regueiro Sagade.

Polo eixe deste camiño, desde o punto 9, a liña continúa coincidindo co lindeiro leste e sur das parcelas catastrais números 325c e 389c, 334 e 331 ata o punto 10 que se sitúa no regueiro Sagade.

Desde este punto 10 a liña rodea as parcelas catastrais números 321 e 229 ata o punto 11 que se sitúa no eixe do camiño que sobe caro ó nucleo de Ferreira.

Desde o punto 11 a liña coincide co eixe desta último camiño ata o punto 12 onde se produce unha creba para que a liña continúe coincidindo co lindeiro oeste das parcelas catastrais números 188 e 187 para chegar ó punto I onde se pecha o ámbito da delimitación.»

Segundo.-Segui-la tramitación do expediente segundo as disposicións vixentes.

Terceiro.-Darlle traslado da resolución ó alcalde do concello de Guntín, Lugo, e notificarlle que o outorgamento das novas licencias de obras, e a execución das xa concedidas antes de incoarse o expediente, precisarán resolución favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental.

Cuarto.-Notificarlle a presente resolución ó bispo de Lugo, ó Rexistro de Bens de Interese Cultural do Ministerio de Cultura, e ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

Quinto.-Que a presente resolución sexa publicada no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, abríndose un período de información pública de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 1995.

Ángel Sicart Giménez

Director xeral do Patrimonio Histórico e

Documental