Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 28 de marzo de 1995 Páx. 2.292

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 87/1995, do 10 de marzo, polo que se regula a admisión de alumnos nos centros sostidos con fondos públicos de educación infantil, de educación primaria e de educación secundaria.

A Lei orgánica 8/1985, reguladora do dereito á educación establece nos seus artigos 20 e 53 os criterios básicos que deben inspira-la admisión de alumnos nos centros docentes sostidos con fondos públicos.

En desenvolvemento deses principios dictouse o Decreto 77/1986, do 20 de marzo, que agora se derroga, polo que se regularon os criterios de admisión de alumnos en centros docentes non universitarios, sostidos con fondos públicos.

A entrada en vigor da nova ordenación educativa aprobada pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, aconsella adapta-los criterios de admisión de alumnos nos centros sostidos con fondos públicos ó novo sistema educativo.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo do informe do Consello Escolar de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de marzo de mil novecentos noventa e cinco.

DISPOÑO:

TÍTULO I

Artigo 1º.-A admisión de alumnos e alumnas nos centros sostidos con fondos públicos de educación infantil, educación primaria e educación secundaria, rexerase polo disposto neste decreto.

Artigo 2º.-Tódolos alumnos e alumnas teñen dereito a un posto escolar que lles garanta a súa educación obrigatoria.

Artigo 3º.-Os pais, nais ou titores e, se é o caso, os alumnos maiores de idade teñen dereito a elixir centro docente nas condicións que se establecen no presente decreto.

Artigo 4º.-En ningún caso poderá establecerse na admisión de alumnos discriminación ningunha por razóns ideolóxicas, relixiosas, morais, de raza ou de nacemento ou calquera outra circunstancia de carácter persoal ou social.

Artigo 5º.-Nos centros privados sostidos con fondos públicos que teñan definido o seu carácter propio deberá informarse do contido deste ós pais, nais ou titores e, de se-lo caso, ós alumnos maiores de idade, que o soliciten.

Artigo 6º.-Será condición imprescindible para a admisión nun centro docente reuni-los requisitos de idade e, se é o caso, os requisitos académicos esixidos pola lexislación vixente para o nivel educativo e curso ó que se pretende acceder.

Artigo 7º.-

1.-As solicitudes formularanse nos prazos e utilizando o procedemento que, para o efecto, aprobe a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2.-Xunto coa solicitude presentarase a documentación acreditativa de que o alumno ou a alumna cumpre os requisitos académicos esixidos, así como a documentación que acredite o domicilio, as rendas anuais de unidade familiar, o número de irmáns matriculados no centro e outras circunstancias alegadas.

TÍTULO II

Artigo 8º.-

1.-O proceso de admisión de alumnos regulado neste título aplicaráselles ós alumnos que accedan por primeira vez ós centros sostidos con fondos públicos para cursar ensinanzas correspondentes á educación infantil, á educación primaria, á educación secundaria obrigatoria, ó bacharelato e ós ciclos formativos de grao medio de formación profesional.

2.-O cambio de curso, ciclo ou etapa non requirirá novo proceso de admisión, agás que coincida cun cambio de centro.

3.-Os alumnos e alumnas que cursasen educación secundaria obrigatoria nun centro poderán cursar bacharelato ou ciclos formativos de grao medio de formación profesional no mesmo centro, sen necesidade de realizar novo proceso de admisión, agás nos ciclos, especialidades ou modalidades de bacharelato que regulamentariamente determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 9.-Para os efectos de escolarización de alumnos e alumnas, sen necesidade de novo proceso de admisión, os delegados provinciais, de acordo coa planificación previamente realizada para atende-las necesidades de escolarización, poderán adscribi-los centros públicos de educación primaria a institutos de educación secundaria nos que se imparta educación secundaria obrigatoria. Esta mesma adscrición poderá aprobarse para os centros privados concertados, por solicitude deles, e realizarase preferentemente entre aqueles centros que estean no mesmo recinto escolar ou que pertenzan ó mesmo titular.

Artigo 10.-A admisión de alumnos e alumnas nos centros docentes sostidos con fondos públicos non poderá condicionarse ó resultado de probas ou exames, agás que exista regulación específica en contrario.

Artigo 11º.-

1.-A admisión nos centros sostidos con fondos públicos para cursa-las ensinanzas a que se refire o apartado 1 do artigo 8º, cando non teñan prazas suficientes para atender tódalas solicitudes de ingre

so, rexerase polos seguintes criterios: proximidade do domicilio, rendas anuais da unidade familiar, existencia de irmáns matriculados no centro, existencia dalgún tipo de minusvalidez do solicitante e condición de familia numerosa.

2.-Para acceder ó bacharelato de artes, ademais dos criterios citados no apartado anterior, teranse en conta os resultados académicos do alumno na área de educación plástica e visual. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinará a forma de valorar este criterio.

Artigo 12º.-

1.-A proximidade do domicilio valorarase do seguinte xeito:

a) Alumnos con domicilio na zona de influencia do centro solicitado: 5 puntos.

b) Alumnos con domicilio en zonas limítrofes á do centro solicitado: 2 puntos.

c) Alumnos con domicilio no mesmo concello có centro solicitado: 1 punto.

d) Alumnos con domicilio que non estean en ningunha das situacións anteriores: 0 puntos.

2.-A delegación provincial ou, se é o caso, a Consellería e Educación e Ordenación Universitaria poderán determinar, en función da oferta educativa, que a zona de influencia dalgunha modalidade do bacharelato ou ciclo formativo de formación profesional de grao medio, se estenda a todo o concello en que estea situado o centro, a toda a provincia ou a toda a Comunidade Autónoma.

O domicilio acreditarase mediante certificado do padrón municipal ou calquera outro documento xustificativo del.

Artigo 13º.-

1.-As rendas anuais da unidade familiar valoraranse segundo o seguinte baremo:

a) Rendas iguais ou inferiores ó dobre do salario mínimo interprofesional: 2 puntos.

b) Rendas superiores ó dobre do salario mínimo interprofesional que non superen o cuádruplo do salario mínimo interprofesional: 1 punto.

c) Rendas superiores ó cuádruplo do salario mínimo interprofesional: 0 puntos.

2.-As rendas acreditaranse mediante unha copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou outro documento que acredite a contía das ditas rendas. Esta información unicamente poderá ser utilizada para a finalidade prevista neste decreto. As persoas que, polo proceso de admisión de alumnos, teñan acceso á mencionada información terán o mesmo deber de sixilo cós funcionarios da Administración tributaria.

Artigo 14º.-

1.-A existencia de irmáns matriculados no centro e que continúen no mesmo ó curso seguinte, valorarase do seguinte xeito:

a) Primeiro irmán no centro: 3 puntos.

b) Por cada un dos irmás seguintes: 1 punto.

2.-Pola condición de familia numerosa outorgarase un punto.

Artigo 15º.-

1.-Pola condición de minusválido outorgarase un punto.

2.-Os solicitantes que padezan algún tipo de minusvalidez física, psíquica ou sensorial terán prioridade para seren admitidos naqueles centros que estean levando a cabo proxectos educativos de integración na discapacidade específica, sempre que o informe do equipo sicopedagóxico de apoio aconselle esta modalidade de escolarización como a máis axeitada para o alumno.

Artigo 16º.-No suposto de que se produzan empates na puntuación, dirimiranse de acordo cos seguintes criterios utilizados na orde que se indica:

a) Maior puntuación obtida no apartado de proximidade domiciliaria.

b) Maior puntuación obtida no apartado de irmáns matriculados no centro.

c) A condición de minusválido.

d) A condición de familia numerosa.

e) Maior puntuación obtida no apartado de rendas anuais da unidade familiar.

f) O sorteo público ante o Consello Escolar do Centro.

Artigo 17º.-Nos centros públicos o órgano competente para resolver sobre a admisión de alumnos é o Consello Escolar. Nos centros concertados, os titulares serán os responsables do cumprimento estricto das normas xerais sobre a admisión de alumnos, correspondéndolle ó Consello Escolar garanti-lo seu cumprimento.

Artigo 18º.-Naqueles concellos nos que, pola súa especial complexidade así sexa aconsellable, a Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá constituír comisións de escolarización que, sen prexuízo do disposto no apartado 2 do artigo 13, delimitarán as zonas de influencia dos centros e distribuirán, logo de resolve-las solicitudes ós consellos escolares, a aqueles alumnos que non conseguiran posto escolar no centro solicitado en primeiro lugar, entre os centros que conten con prazas vacantes.

A comisión poderá reclamar todos aqueles datos que coide precisos para a máis eficaz realización do seu cometido.

Artigo 19º.-Os acordos e decisións sobre admisión de alumnos dos consellos escolares dos centros públicos, dos titulares dos centros privados sostidos con fondos públicos e das comisións de escolarización poderán ser obxecto de recurso ordinario ante

a Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A resolución da delegación provincial, que porá fin á vía administrativa, deberá adoptarse dentro do prazo que regulamentariamente se estableza e que garanta a adecuada escolarización do alumno.

Artigo 20º.-A infracción das normas sobre admisión de alumnos por parte dos centros concertados poderá dar lugar a apercibimento e mesmo á revogación ou rescisión do concerto. No caso dos centros públicos dará lugar á apertura de expediente administrativo para determina-las posibles responsabilidades a que haxa lugar.

Disposicións adicionais

Primeira.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria planificará a oferta dos postos escolares en centros públicos que impartan a educación secundaria obrigatoria, de tal xeito que os alumnos e as alumnas continúen escolarizados ó longo da etapa, sen necesidade de novo trámite de admisión, naqueles supostos en que deban cambiar de centro ó remate do primeiro ciclo dela.

Segunda.-De acordo co disposto no artigo 25 da Lei orgánica reguladora do dereito á educación, os centros docentes privados non concertados disporán de autonomía para establece-los criterios e determina-lo proceso de admisión de alumnos neles, sen prexuízo do establecido no artigo 4 deste decreto.

Terceira.-

1.-A admisión para cursa-los distintos graos ou niveis das ensinanzas artísticas, previstos no capítulo primeiro do título II da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, rexerase polas normas específicas que regulen o currículum, os criterios de ingresos e as probas de acceso a cada unha das ensinanzas.

2.-A admisión de alumnos nos centros integrados que impartan ensinanzas de réxime xeral e ensinanzas de música ou danza de réxime especial, rexerase polo disposto no apartado anterior.

Cuarta.-A admisión de alumnos nos centros sostidos con fondos públicos para cursar ensinanzas de formación profesional de grao superior, así como a admisión nas escolas oficiais de idiomas, rexerase polas normas específicas que estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Quinta.-A admisión de alumnos con necesidades educativas especiais estará condicionado á existencia do informe favorable do equipo psicopedagóxico.

Sexta.-Para acceder ós centros de educación infantil nos que o titular sexa unha entidade pública, este poderá establecer outros criterios de admisión, ademais dos sinalados por este decreto, coa finalidade de lles dar prioridade ás solicitudes das familias máis necesidades de atención social.

Sétima.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá reservar unha porcentaxe dos postos escolares correspondentes ós ciclos forma

tivos de grao medio para o acceso, a través de proba, daquelas persoas que non reúnan os requisitos académicos esixidos con carácter xeral.

Oitava.-A falsidade de calquera dos datos esixidos nas solicitudes de admisión dará lugar á adopción das medidas correctoras oportunas, sen prexuízo das legais que puidesen corresponder.

Disposicións transitorias

Primeira.-Mentres non se efectúe a adscrición prevista no apartado 1 do artigo 9 do presente decreto, o acceso á educación secundaria obrigatoria, cando comporte un cambio de centro, implicará un novo proceso de admisión.

Segunda.-O presente decreto será de aplicación para a admisión de alumnos dos centros sostidos con fondos públicos de educación xeral básica, bacharelato unificado e polivalente e formación profesional, mentres non se extingan estas ensinanzas.

Disposición derrogatoria

Á entrada en vigor deste decreto quedan derrogadas as seguintes disposicións:

1.-Decreto77/1986, do 20 de marzo, polo que se regulan os criterios de admisión de alumnos en centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos.

2.-Orde do 1 de abril de 1986 pola que se regula o proceso de admisión de alumnos nos centros docentes de preescolar e educación xeral básica sostidos con fondos públicos.

3.-Orde do 9 de abril de 1987 pola que se establecen normas de procedemento para admisión de alumnos en centros docentes de bacharelato e formación profesional sostidos con fondos públicos.

4.-Orde do 7 de abril de 1988 pola que se modifica parcialmente a Orde do 9 de abril de 1987, pola que se establecen normas de procedemento para a admisión de alumnos en centros docentes de bacharelato e formación profesional sostidos con fondos públicos.

Disposición derradeira

Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento do establecido no presente decreto.

Santiago de Compostela, dez de marzo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria