A Deputación Provincial de Ourense, en sesión celebrada o día 24 de novembro de 1994, aprobou o proxecto de C.V. 210 Maceda-Alto do Rodicio, ponte sobre o río Maceda, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. A deputación remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no Rexistro Xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 10 de febreiro de 1995, baixo o número 1.209.
Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.
A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 14 de febreiro de 1995.
Considérase necesaria a declaración de urxente
ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque suporía poder construí-lo acceso á ponte pola marxe esquerda do río, posibilitando o paso dos vehículos que proceden de Xunqueira de Espadanedo e parte de Maceda.
A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.
Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de marzo de mil novecentos noventa e cinco,
DISPOÑO:
Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Ourense, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de C.V. 210 Maceda-Alto do Rodicio-ponte sobre o río Maceda.
Santiago de Compostela, dez de marzo de mil novecentos noventa e cinco.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Juan Miguel Diz Guedes
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais