Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 22 de marzo de 1995 Páx. 2.125

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 1995, da Secretaría Xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, pola que se dispón a publicación da parte dispositiva da Orde do 2 de igual mes e ano, pola que se lle presta conformidade ó texto refundido das normas subsidiarias de planeamento do municipio de Cambados (Pontevedra) e se dispón a súa entrada en vigor.

O conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, o día 2 de marzo de 1995, dictou a orde que na súa parte dispositiva literalmente di:

«Resolvo: prestarlle conformidade ó texto refundido das normas subsidiarias de planeamento do municipio de Cambados (Pontevedra), referendado por acordo do citado concello adoptado na súa sesión do 3 de decembro de 1994, coas puntualizacións, que non teñen natureza substancial, seguintes:

1ª.-Elimina-la ficha correspondente á unidade de xestión UG-9 (páx. 150 do tomo de normativa urbanística).

2ª.-Nos ámbitos (circundados por solos urbanos do núcleo principal) grafados nos planos de «Ordenación» núms. 1.3 (escala 1/5000) e 2.4, 2.7 e 2.8 (escala 1/1000) que figuran cunha insuficiente descrición da clasificación do solo, deberase precisar e grafar adecuadamente a clasificación correspondente á «Ordenanza 8» do «solo non urbanizable do réxime normal.

3ª.-Nas ordenanzas números: 12, 13 e 16 (páxinas 202 a 205; 205 a 208 e 212 a 214 do tomo de normativa urbanística), deberase facer mención concreta á disposición transitoria cuarta (4ª) da Lei de costas, recollendo o precisado no informe da Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente.

4ª.-Suprimi-la ampliación do sector do «A-3» do solo apto para urbanizar (Plano 2.15, de ordenación do núcleo de Cambados: escala 1/1000), a fin de que permaneza como ámbito definitivo e correspondente a tal sector o xa grafado na documentación sometida as aprobacións inicial e provisional.

Así mesmo, resolvo dispoñer tanto a plena incorporación coas puntualizacións sinaladas, do meritado texto refundido ó expediente das normas subsidiarias de planeamento de tal municipio, como parte integrante do mesmo que substitúe e anula toda aquela documentación e extremos que o contradigan, como a pertinencia da súa entrada en vigor en conformidade co disposto nos artigos 124 e 131 do texto refundido da Lei sobre réxime do solo e ordenación urbana.

Notifíquese a presente resolución e publíquese a súa parte dispositiva con expresión dos recursos legalmente procedentes.»

O que se fai público para xeral coñecemento e para os efectos oportunos, advertíndose que contra a dita orde se poderá interpoñer recurso de reposición como previo ó contencioso-administrativo, ante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo de un mes, a contar desde o día hábil seguinte ó da súa notificación ou publicación.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 1995.

José Antonio Fernández Vázquez

Secretario xeral da Consellería de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda