Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 16 de marzo de 1995 Páx. 1.993

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ACORDO do 2 de novembro de 1994, da Comisión Galega do Medio Ambiente, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto G-09, «proxecto de desulfuración de gasóleos» no polígono industrial de Bens (A Coruña), promovido por Repsol Petróleo, S.A.

O Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, establece a obriga de formular declaración de impacto ambiental, con carácter previo á resolución administrativa que se adopte para a realización, ou, se é o caso, a autorizacion da obra, instalación ou actividade das abranguidas no anexo da devandita disposición.

A Secretaría Xeral da Comisión Galega do Medio Ambiente recibiu o 22 de xuño de 1993 a solicitude de tramitación do proxecto de referencia, para a súa tramitación conforme o establecido no Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.

Conforme o art. 6º do citado decreto, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio estableceu un periodo de consultas a persoas, institucións e administracións previsiblemente afectadas. Unha relación deles indícase no anexo IV.

En virtude do establecido no art. 5.2 do citado decreto, a Dirección Xeral de Industria procedeu á súa tramitación. O estudio de impacto ambiental foi sometido ó trámite de información pública mediante anuncio que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 1 de outubro de 1993.

Da análise do expediente de información pública do estudio de impacto ambiental, despréndese que non se realizaron alegacións de carácter ambiental.

Finalmente, conforme ó art. 5.3 do referido decreto, a Dirección Xeral de Industria remitiu á Comisión Galega do Medio Ambiente o expediente completo consistente no estudio de impacto ambiental, o resultado da información pública e a proposta de declaración de impacto ambiental.

O proxecto promovido por Repsol Petróleo, S.A. ten como finalidade a producción de gasóleo A cun contido máximo en xofre de 0,05% en peso e gasóleo C cun máximo de xofre de 0,10%, especificacións previstas pola UE para 1999.

A localización das unidades que realizarán o proceso de desulfuración de gasóleos está prevista no interior do recinto industrial da refinería de petróleos que Repsol Petróleo ten no polígono industrial de Bens (A Coruña), ocupando zonas do val de Bens e do val de Nostián.

A unidade de desulfuración de gasóleos utilizará como materia prima gasóleos procedentes doutras unidades de producción do complexo (dos chamados agres, con alto contido en xofre), que desulfurará

nas súas instalacións obtendo en consecuencia gasóleo doce (con baixo contido en xofre) e xofre en estado sólido.

O resumo do proxecto figura no anexo I da presente declaración de impacto ambiental.

O anexo II contén o resumo do estudio de impacto ambiental.

O anexo III comprende o resumo do resultado do trámite de información pública e consultas.

Unha vez avaliado o proxecto técnico, estudio de avaliación de impacto ambiental, e a documentación relacionada co proxecto, a Comisión Galega do Medio Ambiente, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 442/91, formula a declaración de impacto ambiental do proxecto G-09 «Proxecto de desulfuración de gasóleos», no polígono industrial de Bens (A Coruña), promovido por Repsol Petróleo, S.A.

O órgano substantivo para este proxecto é a Conselleria de Industria e Comercio da Xunta de Galicia e o órgano ambiental a Comisión Galega do Medio Ambiente.

DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL

A Comisión Galega do Medio Ambiente considera axeitada a tramitación do expediente de declaración de impacto ambiental sobre o referido proxecto G-09 «Proxecto de desulfuración de gasóleos», no polígono industrial de Bens (A Coruña), promovido por Repsol Petróleo, S.A., así como as medidas correctoras e de protección ambiental e plan de vixilancia ambiental contidos no proxecto técnico e estudio de avaliación de impacto ambiental. Nembargantes, as ditas medidas e plan non se consideran suficientes polo que deberán ser modificadas e complementadas coas que a continuación se indican.

A Comisión Galega do Medio Ambiente, na súa reunión do 2 de novembro de 1994 acorda, só para os efectos ambientais, darlle informe favorable ó devandito proxecto, coa obriga de que se cumpran as condicións contidas na presente declaración de impacto ambiental por parte do promotor.

1.-Consideracións preliminares.-

O promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas contidas nesta declaración co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, implicasen modificacións importantes na actividade industrial ou os avances tecnolóxicos permitan mellores solucións. Nestes casos o promotor solicitarao á Comisión Galega do Medio Ambiente, aportando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas, que, en todo caso, deberán permitir acada-los obxectivos e fins indicados na presente declaración

Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado ó promotor.

Os prazos para a remisión dos estudios complementarios previstos nesta declaración serán fixados

no apartado 4, denominado «medidas de control e vixilancia ambiental».

2.-Alternativas de tratamento e localización.

En canto ó exame de alternativas, e pola experiencia de que se dispón en tecnoloxías industriais aplicadas á desulfuración de gasóleos, a hidrodesulfuración catalítica en leito fixo é o único proceso industrialmente probado de desulfuración de gasóleos, aínda que existen pequenas diferencias en canto a tecnoloxía e catalizadores entre os distintos licenciantes.

En canto á producción de xofre elemental a partir de gas rico en SH, non se considera tecnoloxicamente viable, no momento presente, outro tipo de proceso capaz de realizar recuperacións de xofre comparable ó proceso Claus.

Con respecto ós emprazamentos alternativos, considérase que a desulfuración de gasóleos noutra instalación suporía un elevado custo económico, enerxético, e medioambiental, xa que obrigaría á afectación doutro espacio e medio, posiblemente menos impactado, para as instalacións, así como ó aumento dos focos de emisión, e novas afeccións para o sistema de transporte dunha instalación a outra, polo que resulta máis operativo o seu tratamento na propia refinería.

Así mesmo, para a desulfuración dos gasóleos necesítase unha aportación de hidróxeno da que se dispón na refinería da Coruña en exceso suficiente como para cubri-las necesidades deste proxecto.

3.-Medidas correctoras e de protección ambiental.

a) Sobre a calidade do aire.

Na fase de explotación non existe un aumento dos focos emisores da factoría. Os gases dos procesos de producción serán conducidos e evacuados da seguinte maneira:

-Unidade de hidrodesulfuración de gasóleos

Os gases procedentes do torno sairán polo denominado foco II (unidade II)

-Nova caldeira de vapor

Os gases sairán polo foco III (xeral de Nostián)

-Unidade de recuperación de xofre ou PRA

Os gases procedentes de PRA sairán por un conducto existente, ata agora fóra de servicio, no foco V (baleiro asfaltos)

a.1.-O proxecto G-09 de desulfuración de gasóleos non supón un incremento na capacidade de tratamento de cru da refinería, pero supón un aumento na emisión de contaminantes atmosféricos, que en todo caso non deberá supera-los niveis máximos lexislados, establecidos segundo se detalla no Decreto 833/1975, anexo IV, pto. 7, adoptando os niveis de emisión contemplados na previsión de 1.980 para os diferentes compostos agás do SO. Os valores autorizados de emisión reflíctense no cadro I.

CADRO I

NIVEIS DE EMISIÓN DE CONTAMINANTES

Á ATMOSFERA CONFORME O

DECRETO 833/1975, DO 6 DE FEBREIRO

D. 833/1975

mg/Nm3

Emisión de partículas sólidas

Caldeiras e fornos120

Rexeneración de catalizadores (FCC)150

Emisión de SO

Caldeiras e fornos4.200

Outras instalacións2.500

Emisión máxima diaria (TM/día)39,6 *

Emisión de CO

Rexeneración de catalizadores500 ppm

Outras unidades1.500 ppm

(*) En canto ó valor da emisión máxima diaria de SO autorízase unha marxe de oscilación tal que nunca se supere o valor de 40,5 Tm/día, fixado polo R.D. 833/1975 para instalacións existentes.

Os valores do presente cadro, referidos á emisión máxima diaria de SO, son os límites máximos de emisión que se poden producir nun período de tempo de 24 horas, que coincidirá co horario oficial existente desde as 24 horas do día anterior ata as 24 horas do día seguinte, en ningún caso poderán estimarse valores diarios obtidos de medias de emisión computando periodos de tempo superiores. Respecto á emisión máxima diaria de SO admitirase unha tolerancia de 1.000 mg/Nm3 durante corenta e oito horas consecutivas.

Este último límite de tolerancia non podará superarse máis de 200 h/ano.

O sistema de medición da emisión máxima diaria de SO será controlado polo órgano substantivo recibindo este os datos de forma paralela e simultánea co complexo industrial de Repsol Petróleo.

O sistema de control de SO deberá rexistrar a tempo real os niveis de emisión da planta e integrar estes valores co fin de poder determina-lo momento no que se supera a emisión máxima diaria permitida. No caso de superación dos valores máximos en cantidade ou frecuencia superior á establecida polo R.D. 833/1975, o órgano substantivo procederá a toma-las medidas necesarias para garanti-la corrección desta eventualidade e informará á Secretaria Xeral da Comisión Galega do Medio Ambiente do feito, incluíndo os valores de emisión rexistrados, para poder realiza-lo seguemento destas medidas correctoras e de protección ambiental.

A opacidade non será superior ó 20 por 100 ou ó número 1 da escala Ringelman, excepto en períodos de tres minutos cada hora e cunha tolerancia do 2 por 100 do tempo durante o ano.

a.2.-O promotor realizará un estudio cualitativo e cuantitativo do «estado cero», nunha superficie comprendida nun radio de 10 quilómetros contados a partir do centro da citada industria Repsol Petróleo

S.A., da calidade do aire. No devandito estudio reflectiranse os seguintes índices de inmisión: SO, SH, metais, compostos orgánicos volátiles (COV). As análises de COV e metais realizaranse en partículas e en auga de chuvia, modelizando os indicadores da actividade.

a.3.-O promotor realizará un estudio meteorolóxico da zona de influencia das novas instalacións, e de dotación de estacións meteorolóxicas ás estacións da rede de inmisión actualmente xa en funcionamento.

a.4.-Como consecuencia da contribución á emisión do proxecto G-09, e co fin de asegurar que as emisións de SH e CO se atopan dentro dos límites, nos focos afectados (2, 3 e 5) realizarase un estudio de emisións deses contaminantes. O dito estudio reflectirá os resultados dunha campaña de medidas diarias de SH e CO durante polo menos un mes, período que coincidirá co pleno funcionamento das novas unidades, e a continuación as medidas realizaranse en cada un dos focos de emisión coincidindo co programa de autocontroles aprobado polo órgano substantivo.

a.5.-Co fin de establecer a contía das emisións fuxitivas de SH, no contorno da factoría, realizarase un estudio delas de forma que se determinen os focos de emisión, periodicidade e cantidades e porcentaxes.

a.6.-Para establece-lo nivel de inmisión dos metais e COV realizarase un estudio similar ó especificado no apartado a.5, coincidindo co funcionamento das novas unidades, de forma que se establecerá a relación entre o «estado cero» e o estado de funcionamento das instalacións.

Ademais dos ruídos producidos actualmente pola actividade, as novas instalacións previstas no proxecto G-09 supoñen, en principio, unha modificación dos niveis existentes, debido ós ruídos producidos pola posta en marcha das novas unidades.

Respecto á situación futura as novas unidades substitúen as antigas unidades de servicios auxiliares, e na actualidade, en xeral os niveis existentes no interior da refinería son altos, como corresponde a unha actividade industrial, estando comprendidos os seus valores de presión sonora nos límites das baterías entre 74,6 e 78,3 dB(A) Leq de presión sonora.

a.7.-O promotor realizará un estudio de ruídos que comprenderá como mínimo:

-Elección das técnicas e períodos de medición, parámetros medibles e instrumentación, tendo en conta que deberán cumprir especificacións de normalización, optando preferentemente pola medición en tempo real, análise de datos por frecuencias, instrumentos que cumpran as especificacións IEC e ANSI, de tipo I ou 0, e diferenciación dos valores se se producen ruídos impulsivos, sobre todo en horas nocturnas.

-Elección dos puntos da rede de medición, no interior e exterior da actividade, de tal xeito que permitan coñece-los niveis sonoros na actividade e nas vivendas máis próximas.

-Confección de mapa de ruídos a partir dos datos obtidos que inclúa o interior da actividade e ata,

como mínimo, un radio maior en cen metros a partir das vivendas máis próximas.

-Confección de mapa de ruídos das mesmas características có anterior unha vez postas en funcionamento as novas unidades.

-Análise das transmisións ó interior das vivendas, con referencia ós dormitorios, tanto en período diúrno como nocturno, entendendo como período diúrno desde as 8 h. a.m. ata as 9 h. p.m. e nocturno o restante.

-Proposta de medidas correctoras no caso de que as transmisións debidas ós niveis sonoros xerados pola actividade os dormitorios das vivendas situadas nas proximidades, superen 30 dB(A) en horas nocturnas, tanto se se trata de transmisións puntuais como ponderadas, ou que se garanta a existencia de niveis sonoros no ambiente exterior da actividade de 70 dB(A) durante o día e 55 dB(A) durante a noite.

a.8.-Unha vez efectuado o período de proba para a determinación dos niveis xerados polas novas unidades do proxecto G-09, a duración da cal non será superior a un mes, non se poderán volver a poñer en marcha de producirse transmisións sonoras, polas novas unidades ou polo conxunto da actividade, os dormitorios das vivendas próximas que superen 30 dB(A) no devandito período de horas nocturnas. Neste caso o promotor adoptará as necesarias medidas de insonorización das novas unidades ou apantallamento da actividade, necesarias para minimiza-las transmisión por debaixo do límite sinalado.

a.9.-Debido á existencia de fontes sonoras, no interior da actividade, productoras de niveis superiores a 80 dB(A) deberán adoptarse as medidas establecidas no Real decreto 1.316/1989, do 27 de outubro, sobre medidas de protección dos traballadores fronte ós riscos derivados da exposición ó ruído (BOE do 2 de novembro):

-Entre 80 e 85 dB(A) medidas do artigo 5

-Entre 85 e 90 dB(A) medidas do artigo 6

-Entre 90 e 140 dB(A) medidas do artigo 7

b.-Sobre as augas.

b.1.-As probas hidráulicas que se realizarán nos novos tanques de almacenamento de gasóleos e fuel oil realizaranse con auga tratada da balsa final, devolvéndose a ela unha vez realizadas as probas.

b.2.-Na fase de explotación, o funcionamento das novas fases do proxecto supoñen un aumento das augas residuais que se tratarán polo stripper de augas ácidas e a estación de tratamento de augas residuais (TAR). O aumento de caudal é do 1% sobre o caudal nominal da planta de tratamento de augas residuais, que actualmente está operando a un 35% do seu deseño, polo que só abriga a acurta-los prazos de mantemento e ó correcto tratamento dos lodos, sobre todo nos clasificados como residuos tóxicos e perigosos (RTP).

c.-Sobre os residuos.

c.1.-Os residuos industriais xerados no proceso e considerados como tóxicos e perigosos segundo

a lexislación, serán xestionados conforme á Lei 20/1986, básica de residuos tóxicos e perigosos e o Real decreto 833/1988, polo que se desenvolve a mencionada lei. Os lodos procedentes da planta TAR deberán xestionarse adecuadamente para o que o promotor realizará un informe sobre o procedemento de xestión deles.

Os residuos inertes e os non clasificados como RTP, serán tratados como RSU nas condicions que determine a ordenanza municipal reguladora destes.

4.-Medidas de control e vixilancia ambiental.

4.1.-Nun prazo máximo de seis meses a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente declaración, o promotor presentará o estudio cualitativo e cuantitativo do «estado cero», a que fai referencia o apartado 3, punto a.5., perante o órgano substantivo para a súa aprobación.

4.2.-Nun prazo máximo de seis meses a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente declaración, o promotor presentará o estudio meteorolóxico da zona de influencia das novas instalacións, e de dotación de estacións meteorolóxicas as estacións da rede de inmisión, a que fai referencia o apartado 3, punto a.6., perante o órgano substantivo para a súa aprobación.

4.3.-Nun prazo máximo de tres meses a partir da posta en marcha das novas instalacións contempladas no proxecto G-09, o promotor presentará o estudio de emisións de SH e CO, a que fai referencia o apartado 3, punto a.7., perante o órgano substantivo para a súa aprobación. Unha vez producida esta presentará os resultados das medidas, en cada un dos focos de emisión, coincidindo co programa de autocontroles aprobado polo órgano substantivo.

4.4.-O promotor presentara perante o órgano substantivo, para a súa aprobación, nun prazo máximo de tres meses a partir da publicación da presente declaración no Diario Oficial de Galicia, un proxecto de monitorización de tódolos focos que evacúen os gases procedentes do proceso industrial. Os monitores deberán determinar como mínimo partículas, SO e NO

4.5.-0 promotor presentará perante o órgano substantivo, para a súa aprobación, nun prazo máximo de tres meses a partir da publicación da presente declaración no Diario Oficial de Galicia, un proxecto de integración dun sistema de predicción da contaminación atmosférica (SIPCA), o dito proxecto incluirá a presentación dun diagrama coas datas de implantación do proceso.

4.6.-O promotor presentará un proxecto de sistema de conexión e intercambio directo de datos co Centro de Proceso de Datos do Laboratorio Rexional de Medio Ambiente Industrial de Galicia, dependente da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia. Este sistema de conexión e intercambio directo de datos de emisión, inmisión e meteorolóxicos proporcionaraos ó órgano substantivo en tempo real.

4.7.-Nun prazo máximo de tres meses a partir da posta en marcha das novas instalacións contempladas no proxecto G-09, o promotor presentará o estu

dio de «estado cero» de inmisión dos metais e COV, a que fai referencia o apartado 3, punto a.9., perante o órgano substantivo para a súa aprobación.

4.8.-O titular da actividade deberá dispoñer dun departamento de medio ambiente, dotado cos medios humanos e técnicos necesarios, segundo dispón a lexislación vixente. Este departamento será o responsable do control do programa de vixilancia ambiental.

4.9.-O titular da actividade remitirá ó órgano ambiental e ó órgano substantivo, cantos informes adicionais lle sexan requiridos, respecto a posibles impactos non previstos na presente declaración ou sobre condicións de funcionamento.

5.-Condicións adicionais.

5.1.-Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou á solicitude da Comisión Galega do Medio Ambiente, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeren os mencionados impactos, e se corrixan aquelas.

5.2.-O promotor enviará ó órgano substantivo, antes da posta en funcionamento das novas unidades do proxecto G-09, unha certificación, asinada por técnicos competentes, da incorporación á documentación técnica necesaria para a execución, dos documentos e prescricións adicionais que esta declaración de impacto ambiental establece, e un informe sobre o seu contido e conclusións.

6.-Financiamento das medidas correctoras.

6.1.-Tódolos datos e conceptos relacionados coa execución das medidas correctoras e de protección ambiental, así como medios necesarios para o correcto desenvolvemento do plan de vixilancia ambiental, figurarán no orzamento da documentación técnica necesaria para a execución das obras.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 1994.

José Luis Aboal García-Tuñón

Secretario xeral da Comisión Galega do Medio

Ambiente

ANEXO I

RESUMO DO PROXECTO

E AS SÚAS ALTERNATIVAS

1.-Descrición do proxecto.-Repsol Pétroleo, S.A. ten o propósito de implantar un sistema de desulfuración de gasóleos (proxecto G-09), que lle permita adaptarse ás necesidades do mercado e adiantarse no cumprimento dos requisitos legais prescritos polas normativas vixentes en España e na Comu

nidade Europea (Directiva 93/12/CEE). As novas unidades permitirán obter gasóleos cun contido máximo de xotre de 0,05 e 0,10% en peso para os tipos A e C.

O xofre resultante da aplicación do proceso será recuperado en forma sólida por tres unidades tipo Claus, cunha cápacidade de 36 t/día cada unha, a pleno réxime.

Nestas unidades os gasóleos procedentes das unidades de destilación sométense a un proceso de hidroxenación catalítica, eliminándolle o xofre por transformación a sulfhídrico e posterior recuperación desta por absorción de aminas A capacidade de tratamento é de 765.000 Tm/ano.

Para a implantación das novas unidades consideran necesario incluí-la construcción e modificación das seguintes unidades:

-Nova unidade de hidrodesulfuración (HDS) de destilados medios, cunha capacidade de 1,1 millóns de toneladas/ano.

-Modificación da unidade de HDS existente, para unha velocidade espacial de 1hr-1.

-Nova unidade de aminas.

-Novas plantas de recuperación de xofre (3 trens xémeos dunha capacidade de 36 Tm/día).

-Sistema de recuperación de hidróxeno, instalado nunha caixa fría para recuperar 7 Tm/día de hidróxeno, cunha pureza mínima do 75% en volume. Tamén a modificación da unidade de platformado-2 para aumenta-la producción de hidróxeno existente.

-Modificación da unidade de coquización retardada, para aumenta-la producción de gasóleo lixeiro de coquización.

-Nova caldeira de vapor, de 60 Tm/h.

-Nova torre de refrixeración.

-Novo compresor de aire de instrumentos.

-Novo sistema de combustible líquido.

-Construcción dun tanque de 30.000 m de capacidade, para almacenamento de gasóleos.

-Construcción dun novo almacenamento de xofre.

Na fase constructiva sinalan que as novas unidades se sitúan sobre terrazas existentes. O emprazamento atópase urbanizado e dotado de infraestructura. Non se realizan voaduras. Non existe movemento de terra vexetal. Non se realizan escavacións masivas.

O custo total do proxecto, sen conta-las medidas correctoras e protectoras e medios do Plan de Vixilancia Ambiental, estímense en 11.626 millóns de pesetas. Para a execución considéranse necesarias do orden de 2,5 millóns de horas-home.

Na fase de funcionamento é necesario o incremento na contratación de servicios exteriores con empresas auxiliares do contorno, para cubri-las necesidades de mantemento do complexo.

2.-Localización do proxecto.-As novas unidades estarán no interior do complexo industrial da Coruña, situado a 3 km do centro da cidade en dirección SW. As unidades a implantar localízanse na antiga explanada das caldeiras de Bens (unidade de HDS) e nunha zona próxima á anterior, ocupada na actualidade por pequenos tanques a desmantelar.

3.-Análise de alternativas.-Considéranse tres clases de alternativas: Outras tecnoloxías de desulfuración, emprazamentos alternativos e a non implantación do proxecto.

3.1.-Tecnoloxías alternativas.-Non se estima tecnoloxicamente viable outro tipo de proceso, tanto para desulfurar gasóleos, como para realizar recuperacións de xofre polo proceso Claus.

3.2.-Emprazamentos alternativos.-Considérase máis operativo o tratamento dos gasóleos na propia refinería productora, polo elevado custo económico, enerxético e medioambiental que a instalación e transporte suporía.

3.3.-Non implantación do proxecto.-Se se fai balance entre as emisións producidas polo propio proxecto e a non implantación do mesmo o resultado é favorable á implantación, xa que o contrario supón unha emisión potencial directa superior ás 5.500 t/ano de SO.

Ó non poder cumpri-las especificacións necesarias para a venda de gasóleos o complexo da Coruña perdería competitividade no mercado.

ANEXO II

RESUMO DO ESTUDIO DE IMPACTO

AMBIENTAL

Parte da consideración de que para avalia-lo significado das emisións atmosféricas e vertidos líquidos que producirá a posta en servicio do proxecto obxecto de estudio, é necesario establece-lo estado cero, polo que procede a presenta-la situación actual do complexo. Describe os focos emisores e as emisións globais á atmosfera que acadan 1.204.417 Nm3/h de gases. Analiza as inmisións en relación ós datos obtidos das estacións da rede de vixilancia de Pastoriza e Arteixo e describe as instalacións para o tratamento de augas residuais consistentes en tres separadores de tipo A.P.I. que reciben as distintas augas xeradas no complexo e as de tratamento secundario total aerobio. Así mesmo dispón dun tratamento aerobio dos lodos mediante o seu espesado, dixestión, bombeo e recollida. Indica na análise da situación futura o contido medio de xofre no fuel oil e que este é utilizado como combustible nos fornos, así como a súa composición regula o balance das emisións de SO. O novo proxecto

contempla a unidade U-414 para poder garanti-la subministración do combustible líquido co contido de xofre requirido en cada situación, dentro do rango de 1,0 a 2,7%, en peso, de xofre.

Analiza os efectos sobre o medio en fase de construcción dos que caben destacar que o material a desprazar está constituído por materia inerte, que

require 500 viaxes de camións cun prazo de execución de 75 días. O formigón a utilizar nas cimentacións e estructuras será prefabricado. Os ruídos ó producirse nun contorno altamente industrializado non consideran que poidan incrementa-los niveis sonoros de maneira significativa. As augas para as probas hidráulicas a realizar nos novos tanques procederán da balsa final, e unha vez rematadas as probas, devolveranse a ela.

Na fase de funcionamento analiza os efectos sobre ó medio no referente a emisións á atmosfera do que se deduce unha emisión global de 1.297.140 Q (Nm3/h) de gas, cunha emisión para SO de 1.271 mg/Nm3, concluíndo que o valor do concepto burbulla para SO na refinería da Coruña, incluíndo o novo proxecto, é moi inferior ó límite establecido en Holanda que é de 2.000 mg/Nm3.

Indican que os ruídos producidos polos equipos a instalar xerarán un nivel sonoro medio a 1 m do equipo emisor de 85 dB(A) como máximo.

Os afluentes líquidos, polas súas características, son admisibles na planta TAR, o seu caudal só supón un incremento do 1% sobre o nominal da planta que está operando na actualidade a un 35% da súa capacidade de deseño.

Os residuos sólidos xerados, fundamentalmente xofre e catalizadores obrigan a unha xestión diferenciada xa que o xofre ten a posibilidade de comercialización, e respecto ós catalizadores indican as medidas precautorias.

Respecto ó inventario ambiental estudia a xeoloxía do contorno, emprazada no «complexo de Ordes», que se caracteriza pola súa monótona composición de xistos e filitas, con algunhas intercalacións cuarcíticas e anfibolíticas, cunha complexa estructura de pregamento e cun desenvolvemento no metaformismo en grao das anfibolitas. O conxunto de rochas que forman o devandito complexo están recubertas por delgadas e ailladas formacións superficiais de tipo coluvial e aluvial.

Concretamente no emprazamento o substrato está formado por afloramentos de granodiorita precoz e no seu contorno inmediato pola granodiorita tardía.

Na edafoloxía identifican como solos dominantes os inceptisoles grumosos, pouco profundos de cor parda escura, con boa capacidade de retención de auga e pH entre 5,5 e 6,5, baixo en saturación de bases e boa humificación.

Describe a climatoloxía da zona cos datos de precipitacións, temperaturas e réxime de ventos, así como índices bioclimáticos e clasificación climática da área de estudio.

Así mesmo contempla as características hidrolóxicas superficiais e subterráneas das concas hidrográficas que se caracterizan por seren de escasa infiltración, e que a situación da refinería con saída única cara ó mar non pode afectalas.

Na ánalise da vexetación sinala a deforestación pola actividade humana que substitúe o Quercus robur polos Pinus pinaster; Pinus radiata e Eucaliptus globulus.

Describe as carballeiras cos seus substratos arbustivos e herbáceo, así como os soutos ribeiregos e matorreira. Tamén hai referencia ós prados naturais, vexetación acuática e litoral, a rupícola e a vexetación con intervención antrópica. Inventaría floristicamente e mostra indicadores de abundancia. Do mesmo xeito presenta un inventario faunístico das mesmas características metodolóxicas, que inclúe as comunidades bentónicas con índices bióticos no litoral próximo ó vertido.

Na descrición paisaxística cabe subliña-la mala calidade debida á acción humana, cunha fraxilidade débil.

Na ocupación do solo as superficies edificadas e dedicadas a infraestructuras ocupan un 62%.

Mostra os datos de poboación e socioeconomía dos que cabe deduci-la moi alta densidade, cun incremento poboacional, e proporción de poboación potencialmente activa moi superior á media nacional, así como un alto número de estudiantes universitarios e unha taxa de paro que duplica a media de Galicia.

Analiza así mesmo a economía da zona da que se deduce a importancia do sector industrial, a rede de comunicacións que cualifica de obsoleta no referente ás estradas. Analiza outros equipamentos e recursos.

As medidas protectoras e correctoras previstas refírense a:

1.-Emisións á atmosfera.

Os gases residuais saen a través de chemineas de gran altura, para asegura-las condicións de dispersión axeitadas.

Existirá un sistema de válvulas de seguridade para casos de sobrepresión ou condicións anómalas por avaría, con descarga a fachos.

Os trens Claus disporán de operación en paralelo, para que en caso de avaría, poder operar cos restantes.

En tódolos casos existirá a posibilidade de operación en manual en caso de fallo do sistema de control.

Novo sistema de preparación e almacenamento de combustible líquido.

2.-Efluentes líquidos. Augas residuais.

Existencia dunha planta de tratamento de augas residuais dotada de tratamento primario e secundario total aerobio, ademais dun tratamento posterior dos lodos xerados.

3.-Residuos sólidos.

Almacenamento en bidóns pechados e etiquetaxe dos catalizadores usados para posterior rexeneración ou venda.

4.-Situacións anormais de operación: Parada e posta en marcha.

Nas paradas curtas quéimase unicamente fuel-gas, regulándose a temperatura con nitróxeno. A unidade segue en operación normal, mantendo as constantes en proceso. Nas paradas longas a unidade deixa de

operar e pérdense as constantes do proceso, sendo necesario volvela a pór en marcha. As postas en marcha teñen unha orde de operación que prevé un quentamento progresivo dos equipos inxectando unha mestura de fuel-gas/aire como carga ata acada-las condicións de operación.

A avaliación dos efectos ambientais distingue a fase de construcción da de funcionamento considerando para a primeira un impacto económico moi positivo. Na fase de explotación e respecto á inmisión no contorno indica que os niveis de inmisión calculados por simulación matemática cumpren os valores prescritos pola normativa vixente, cualificando o impacto como compatible.

O impacto sonoro ten a consideración de compatible por entender que será pouco significativo respecto do actual. No impacto sobre a vexetación, á vista dos valores presentados, consideran que serán inferiores ó limite para a aparición de afeccións sobre a cuberta vexetal, no referente a inmisións crónicas. Considera o impacto sobre a vexetación como compatible. As alteracións sobre as poboacións faunísticas tamén o consideran como compatible á vista dos valores de inmisión.

Valoran tamén os efectos sobre as propiedades físico-químicas da cuberta edáfica, sobre as comunidades bentónicas, o impacto visual, a alteración do tráfico como compatibles.

No referente ó programa de vixilancia ambiental establece dous niveis: no nivel 1, de verificación, indica a necesidade da verificación pola autoridade competente de que se cumpran os niveis de emisión, que se instalaron os dispositivos necesarios para a toma de mostra de efluentes gasosos, que se atopará disposición da Administración ós libros rexistro de medicións de emisións de contaminantes á atmosfera, así como que se dispón dun servicio de prevención e corrección.

O nivel II, de vixilancia e control, no referente á emisión de gases considera a realización dun control das emisións á atmosfera segundo programa de mostraxe e análise que previamente fose acordado coa Administración competente.

Comprende a vixilancia dos límites de emisión de contaminantes mediante monitores de emisión naquelas chemineas afectadas polo novo proxecto.

En canto ó vertido hídrico o punto derradeiro da planta TAR deberá dispoñer dun sistema de toma de mostras para levar un control periódico dos vertidos.

O control da calidade do aire da zona farase mediante a rede de vixilancia da contaminación atmosférica.

Propoñen a instalación dunha estación meteorolóxica capaz de mostrear, cunha cadencia representativa, os parámetros que definan as condicións de difusión e transporte das emisións.

Para mellora-la dispersión do efluente no medio acuático-mariño propoñen a posta en marcha dun proxecto de instalación de emisario submariño.

Para evita-lo impacto visual procurarán respecta-la cromática do contorno.

Elaborarán un plan de actuación, con medidas a adoptar, para os supostos nos que se acaden valores próximos ós límites de inmisión.

ANEXO III

RESUMO DO RESULTADO DO TRÁMITE

DE INFORMACIÓN PÚBLICA E CONSULTAS

ORGANISMOS E OUTRAS ENTIDADES

CONSULTADAS

1.-Concello da Coruña.

2.-Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo.

3.-Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

4.-Dirección Xeral do Servicio Galego de Saúde.

5.-Laboratorio Rexional de Medio Ambiente Industrial de Galicia.

6.-Asemblea de Grupos Ecoloxistas e Naturalistas de Galiza.

Cabe subliñar, do resultado das consultas, que a Dirección Xeral da Saúde Pública significa que, na actualidade, na zona non existen problemas de saúde ligados á calidade do aire e que non parece probable que se superen coa suma das novas emisións. Non obstante, ó estar no cinto industrial da Coruña, ademáis dun rigoroso control dos sistemas de depuración dos gases e das emisións, sería desexable que se establecese unha rede de vixilancia dos niveis de inmisión, en tempo real, comunicando calquera incidencia á Administración autonómica e local.

A Asemblea de Grupos Ecoloxistas e Naturalistas de Galiza (A.G.E.N.G) indica que a climatoloxía e orografía da zona de localización, non só da planta senón de todo o complexo de refinería, é altamente desfavorable. Está situada nunha depresión xeográfica con dúas «portas»: unha moi estreita na cala de Bens, e outra máis ampla orientada cara á Silva e á Grela, barrios nos que se desenvolve unha intensa actividade humana. Esta situación favorece a acumulación de gases en episodios de inversión térmica que, dado as compoñentes dominantes do vento, tenden a desprazarse en dirección á poboación. É, polo tanto, desancosellable calquera tipo de instalación que eleve o grao de contaminación atmosférica da zona.

Subliñan así mesmo que, á vista dos datos manexados no E.I.A. sobre emisións globais, produciríase un aumento nas emisións de óxidos de nitróxeno e xofre á atmosfera coa súa correspondente incidencia negativa no medio natural e na poboación, que no estudio os datos son incompletos e que a P.T.A.R. actualmente en uso non funciona correctamente, considerando inadmisible calquera incre

mento no volume tratado en tanto a mencionada planta non reduza a cero os seus vertidos contaminantes, así como rexeitan a instalación dun emisario.

Citan a necesidade do correcto tratamento respecto ós xofres, en canto ó seu destino final, así como dos catalizadores e lodos. Rematan as apreciacións no sentido da necesidade de adecua-las emisións de xofre á Directriz 93/12/CEE, que debemos cumprir no prazo máis curto posible, pero non trasladando o problema dos gasóleos a outros ámbitos menos controlables.

ALEGACIÓNS PRESENTADAS NO

PERÍODO DE INFORMACIÓN PÚBLICA

Durante o período de información pública, de trinta días hábiles a partir da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia, establecido no artigo 5º punto 2 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, non consta a presentación de alegacións ó proxecto e estudio de avaliación de impacto ambiental.