Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 16 de marzo de 1995 Páx. 1.992

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 14 de febreiro de 1995 pola que se modifica a composición e funcións da Comisión Asesora sobre Diabete en Galicia creada por Orde do 30 de marzo de 1987.

Pola Orde do 30 de marzo de 1987 (DOG nº 82, do 11 de maio de 1987) creouse a Comisión Asesora sobre Diabete en Galicia establecéndose a súa composición e funcións.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais plasmou, no seu Plan de Saúde, a necesidade de pór en marcha un programa sobre diabete, que permita acada-los obxectivos dispostos nel: retarda-la aparición de complicacións, aumenta-la supervivencia e mellora-la calidade de vida dos diabéticos.

Neste contexto, é preciso reactiva-las actividades da Comisión Asesora sobre Diabete en Galicia, así como modifica-la súa composición e funcións, en prol de mellora-la súa capacidade de planificación e xestión e favorece-la coordinación entre a Dirección Xeral de Saúde Pública e os expertos e asociacións científicas e de usuarios que, nestes momentos están a traballar en diabete na nosa Comunidade.

En consecuencia, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro,

DISPOÑO

Artigo 1º

Modifícase a composición e as funcións da Comisión Asesora sobre Diabete en Galicia de acordo co establecido nos artigos seguintes.

Artigo 2º

Son funcións da Comisión Asesora sobre Diabete en Galicia:

a) Estudiar e avalia-los resultados obtidos nos proxectos e actividades desenvolvidas na Comunidade Autónoma acadando, para iso, a información dispoñible.

b) Potenciar e asesora-los estudios epidemiolóxicos que permitan coñece-la incidencia e prevalencia da diabete en Galicia.

c) Elabora-lo Programa Galego de Prevención e Control da Diabete a partir das propostas presentadas ou elaboradas no seo da comisión.

d) Desenvolver e coordina-las accións que, no marco do Programa Galego de Prevención e Control da Diabete, se determinen.

Artigo 3º

A Comisión Asesora sobre Diabete en Galicia comporase dos seguintes membros:

Presidente:

O director xeral de Saúde Pública do Servicio Galego de Saúde ou persoa en quen delegue.

Vocais:

-Un representante da Dirección Xeral de Organización Sanitaria da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

-Un representante da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servicio Galego de Saúde.

-Un representante da Sociedade Galega de Endocrinoloxía e Nutrición.

-Un representante do Instituto Galego de Oftalmoloxía.

-Un representante da Federación Galega de Educadores en Diabete.

-Dous representantes das asociacións de diabéticos existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

-Un experto no tema da Atención Primaria de Saúde nomeado polo director xeral de Asistencia Sanitaria.

-Un ATS ou ATS-DUE experto no tema da diabete nomeado polo director xeral de Asistencia Sanitaria.

-Un experto no tema da diabete nomeado polo director xeral de Saúde Pública.

-Un representante da Dirección Xeral de Saúde Pública, nomeado polo director xeral, que actuará como secretario.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados os artigos 2º e 3º da Orde do 30 de maio de 1987, pola que se crea a Comisión Asesora sobre Diabete en Galicia.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Saúde Pública para o desenvolvemento e execución do establecido nesta orde.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 1995.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais