Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 14 de marzo de 1995 Páx. 1.950

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 17 de febreiro de 1995 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Instituto Galego de Oftalmoloxía.

Con data do 13 de febreiro de 1995 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 1 de febreiro de 1995, pola que se clasifica como científico-sanitaria a fundación Instituto Galego de Oftalmoloxía adscribíndoa á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 4 dos seus estatutos, ten xenericamente por obxecto a prestación de servicios especializados de consultorio, planificación, avaliación e prestación de servicios oftalmolóxicos de alta complexidade, docencia e investigación.

En particular, a título orientativo, poderán constituí-lo seu obxecto as seguintes actividades:

1.-Servicios especializados e integrais en prestacións oftalmolóxicas de alta complexidade.

2.-A asesoría e consultoría no desenvolvemento de novas prestacións diagnóstica e/ou terapéuticas.

3.-O deseño e implantación de sistemas de corrección ocular.

4.-A docencia e investigación en prestacións oftalmolóxicas e tecnolóxicas afíns.

5.-O control de calidade en prestacións oftalmolóxicas.

Así mesmo, a fundación poderá realizar cantas actividades conexas e consecuentes cos seus obxectivos coide necesarias.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a fundación Instituto Galego de Oftalmoloxía, ó cumpri-los seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da fundación Instituto Galego de Oftalmoloxía no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás suas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a lle render contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundamentais, así como a lle presenta-lo proxecto de orzamento ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 1995.

José M. Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais