Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 14 de marzo de 1995 Páx. 1.944

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 73/1995, do 24 de febreiro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 199/1994, do 16 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica do Servicio Galego de Saúde.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 33, atribúelle á Comunidade Autónoma de Galicia competencias para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, podendo organizar e administrar para tal fin e dentro do seu territorio, tódolos servicios relacionados coas materias expresadas.

A Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, do Servicio Galego de Saúde, establece no seu artigo 1 que a súa finalidade, baixo a dirección e control da Consellería de Sanidade, consiste na xestión dos servicios sanitarios de carácter público dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia e a coordinación integral de tódolos recursos sanitarios e asistenciais existentes no seu territorio.

O Decreto 199/1994, do 16 de xuño, polo que se establecía a estructura orgánica do Sergas supuxo unha nova configuración del debido ó establecemento dun novo cadro de relacións coa Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que viña potencia-lo seu carácter de prestador de servicios sanitarios.

Dado o exposto e as funcións que neste novo marco estructural se lle atribúen á Secretaría Xeral do organismo, é preciso reforzar esta cos medios para o mellor desenvolvemento da tarefa de avaliación e seguimento dos obxectivos e accións das distintas unidades do organismo así como do control dos resultados.

Consecuentemente é preciso reforma-lo Decreto 199/1994, do 16 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica do Servicio Galego de Saúde.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, logo de informe das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de febreiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-No artigo 5 do Decreto 199/1994, do 16 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica do Servicio Galego de Saúde, engádese un novo apartado co seguinte texto:

5.2. Servicio de Avaliación.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-O seguimento e avaliación do cumprimento dos obxectivos e accións das distintas unidades do organismo, así como do control dos resultados.

-A elaboración da memoria anual do organismo os demais informes e estudios de carácter xeral.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A modificación que na estructura orgánica se produce polo presente decreto non suporá aumento de gasto.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Terceiro.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de febreiro de mil novcentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José M. Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

e presidente do Servicio Galego de Saúde