Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 13 de marzo de 1995 Páx. 1.896

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 71/1995, do 10 de marzo, polo que se modifica o Decreto 261/1994, do 29 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica dos centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

O Decreto 310/1992, encomenda á Secretaría Xeral para o Deporte as funcións das oficinas de supervisión de proxectos respecto daquelas obras a realizar por ela, co fin de axiliza-la tramitación dos seus expedientes de contratación de obras, e tendo en conta a existencia entre o seu persoal de técnicos especializados.

O volume constante de contratación de obras, que require un cualificado estudio e supervisión previos dos proxectos técnicos e un posterior e adecuado seguimento das obras na súa fase de execución, esixen a creación dunha unidade administrativa con nivel orgánico de servicio, capaz de satisface-las necesidades que se lle pretenden atribuír a este.

Por outra banda, no que respecta á Secretaría Xeral para o Turismo, resulta necesario para a boa xestión dos expedientes de obra a creación dun Servicio de Contratación e Supervisión de Proxectos que, incardinado na Subdirección Xeral de Xestión de Turismo, leve a cabo a supervisión dos proxectos de obra, e control e seguimento da súa execución, así como a xestión dos expedientes de contratación de obra.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, logo de informe da Consellería de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de marzo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo primeiro:

Engádese un novo punto ó artigo 7.Dous.2. do Decreto 261/1994, do 29 de xullo. O dito artigo queda redactado da forma seguinte:

«Artigo 7.-A Secretaría Xeral para o Deporte.

Un.-A Secretaría Xeral para o Deporte desenvolverá, entre outras, as seguintes funcións:

a) A Colaboración coas administracións locais na promoción e difusión da cultura fisica e do deporte.

b) O apoio e promoción das asociacións deportivas, sempre que o seu ámbito de actuación non exceda do propio da Comunidade Autónoma.

c) A elaboración e execución dos plans de construcción de instalacións deportivas propias.

d) A promoción das actividades físico-deportivas.

e) A xestión das instalacións deportivas propias, así como a do INEF de Galicia.

f) A organización de congresos, coloquios e cursos, así como a convocatoria de bolsas e axudas en materia deportiva.

g) A preparación de convenios en materia propia da secretaría xeral e en xeral a realización de todas aquelas accións encamiñadas á mellora da actividade físico-deportiva e da infraestructura deportiva galega.

Dous.-Para o cumprimento dos seus fins a Secretaría Xeral para o Deporte estructúrase nas seguintes unidades administrativas:

1. Subdirección Xeral de Deportes.

1.1. Servicio de Coordinación Deportiva.

2. Subdirección Xeral de Infraestructura Deportiva.

2.1. Servicio de Contratación e Xestión Económica.

2.2. Servicio de Supervisión de Proxectos e Seguimento de Obras.

1. Subdirección Xeral de Deportes.

Exercerá as seguintes funcións:

a) A elaboración e execución de plans de tecnificación deportiva e realización de estudios sobre competicións e deportistas federados.

b) O rexistro de entidades deportivas.

c) Fomento e promoción do deporte, deporte extraescolar e de tempo libre.

1.1. Servicio de Coordinación Deportiva.

Dependente da Subdirección Xeral de Deportes, o Servicio de Coordinación Deportiva realizará a coordinación e supervisión da Escola Galega do Deporte e dos centros de tecnificación deportiva.

2. Subdirección Xeral de Infrastructura Deportiva.

Correspóndelle a esta subdirección xeral:

a) Executa-los plans de construccións, equipamento e acondicionamento de instalacións deportivas.

b) A elaboración do antoproxecto de orzamento e a xestión económico-administrativa.

c) A xestión de persoal, asuntos de carácter xeral e de réxime interior.

d) A xestión das instalacións deportivas propias.

2.1. Servicio de Contratación e Xestión Económica.

Correspóndelle a este servicio a realización dos seguintes cometidos:

a) A xestión dos expedientes de Contratación administrativa que sexan competencia da secretaría xeral, cando se trate de obras, servicios e subministracións, asistencias técnicas e outros análogos.

b) A xestión dos expedientes de outorgamento e seguimento de subvencións destinados ó fomento de investimento, en materia de infraestructura e equipamento deportivos.

c) A confección dos anteproxectos de convenios de cooperación con outras administracións que demande a actividade de investimento ou fomento da Secretaría Xeral para o Deporte.

d) A execución, coordinación e control interno da xes tión orzamentaria dos capítulos de gastos encomendados á Subdirección Xeral (VI e VII).

2.2. Servicio de Supervisión de Proxectos e Seguimento de Obras.

Correspóndelle a este servicio a realización dos seguintes cometidos:

As funcións das oficinas de supervisión de proxectos a que fan referencia os artigos 23 da Lei de contratos do Estado e 74 do seu regulamento, respecto das obras que realizará a Secretaría Xeral, así como o seu seguimento.

Dependendo da Secretaría Xeral para o Deporte, o xerente do INEF de Galicia encargarase da xestión e administración do devandito organismo».

Artigo segundo:

Engádese un novo punto ó artigo 8.Dous do Decreto 261/1994, do 29 de xullo. O dito artigo queda redactado da forma seguinte:

«Artigo 8.Dous:

Para o exercicio das súas funcións e competencias, a Secretaría Xeral para o Turismo estructúrase nas seguintes unidades administrativas:

1. Subdirección Xeral de Xestión do Turismo.

1.1. Servicio de Xestión Administrativa e de Persoal.

1.2. Servicio de Ordenación e Inspección.

1.3 Servicio de Fomento e Promoción.

1.4. Servicio de Formación, Cooperación Institucional e Documentación.

1.5. Servicio de Contratación e Supervisión de Proxectos.

1. Subdirección Xeral de Xestión do Turismo.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A planificación, programación, xestión e execución de tódalas funcións que exerce a Secretaría Xeral.

b) A coordinación dos servicios de turismo.

c) A proposta dos gastos da Secretaría Xeral.

1.1. Servicio de Xestión, Administración e de Persoal.

Realizará as seguintes funcións:

a) Xestión de persoal e habilitación.

b) Xestión de control orzamentario.

c) Contratación administrativa.

1.2. Servicio de Ordenación e Inspección.

Realizará as seguintes funcións:

a) O estudio e maila preparación dos regulamentos administrativos do sector turístico.

b) A tramitación dos expedientes administrativos relacionados coas empresas e actividades turísticas.

c) A comprobación e vixilancia do cumprimento das disposicións legais en materia de turismo.

d) A coordinación do labor inspector dos servicios provinciais.

1.3. Servicio de Fomento e Promoción.

Realizará as seguintes funcións:

a) Preparación dos proxectos das ordes das axudas e subvencións.

b) A tramitación de tódolos expedientes de axudas e subvencións, co apoio dos servicios provinciais.

c) A elaboración de informes por instancia doutros organismos que teñan instrumentalizadas liñas de apoio ó turismo.

d) Descrición daa características que rexerán en cada contratación de estudios e traballos técnicos.

e) Outras actuacións encamiñadas a potenciar e promociona-los recursos turísticos de Galicia.

1.4. Servicio de Formación, Cooperación Institucional e Documentación.

Exercerá os seguintes cometidos:

a) Organización e mantemento dos fondos documentais.

b) Tramitación de solicitudes de declaración de interese turístico.

c) Tramitación de proxectos de convenios de cooperación ou colaboración con entes públicos ou privados.

d) Participación nas actividades de cooperación institucional e realiza-la súa coordinación.

e) Coordinación e realización de accións de formación de recursos dirixidas á mellora dos recursos humanos no sector.

1.5. Servicio de Contratación e Supervisión de Proxectos.

Correspóndelle a este servicio a realización dos seguintes cometidos:

As funcións das oficinas de supervisión de proxectos a que fan referencia os artigos 23 da Lei de contratos do Estado e 74 do seu regulamento, respecto das obras que realizará a Secretaría Xeral, así como o seguimento delas.

Disposicións derradeiras

Primeira:

A estructura orgánica prevista no presente decreto non supón incremento de gasto.

Segunda:

Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para o desenvolvemento do presente decreto.

Terceira:

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de marzo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública