Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 10 de marzo de 1995 Páx. 1.888

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CAMBRE

CONVOCATORIA de concurso-oposición para a provisión en réxime laboral fixo da praza de administrador do sistema informático.

O Pleno da Corporación municipal, en sesión extraordinaria do 13 de febreiro do ano que andamos, aprobou as bases para a convocatoria dun concurso-oposición, co fin de prever en réxime laboral fixo unha praza de administrador de sistema informático, vacante no cadro de persoal deste concello, e incluída na oferta de emprego público de 1994, que a continuación se sinala:

BASES

1.-Obxecto.

É obxecto da presente convocatoria a provisión mediante contrato laboral indefinido, polo sistema de concurso-oposición, da praza de administrador de sistema informático que figura na oferta pública de emprego de 1994, consonte dispoñen a Lei 7/1985, do 2 de abril, Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, Real decreto 896/1991, do 7 de xuño, e demais disposicións concordantes de aplicación.

2.-Requisitos.

Para participar no concurso os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser cidadán español.

b) Ter cumpridos os 18 anos de idade e non exceder daquela na que falten menos de dez anos para a xubilación forzosa por idade determinada pola lexislación básica en materia de función pública.

c) Estar en posesión do título de formación profesional de segundo grao de técnico especialista en informática de xestión.

d) Non ter enfermidades ou eiva física que impida ou dificulte o desempeño das tarefas correspondentes.

e) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servicio en calquera Administración pública do Estado, comunidade autónoma ou entidades locais, nin atoparse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

f) Non estar incursos nos supostos de incompatibilidades previstas na lexislación vixente.

Os anteriores requisitos deberanse reunir con referencia ó último día de prazo de presentación das solicitudes, e será nula a contratación dos aspirantes que estean incursos en causas de incapacidade conforme a normativa vixente.

3.-Solicitudes.

As persoas que desexen participar na presente convocatoria deberano facer constar en solicitude dirixida ó alcalde-presidente do Concello de Cambre, na que farán constar que reúnen tódolos réquisitos sinalados na base dúas anterior, e presentarase no rexistro xeral do concello (directamente ou a través de calquera das formas previstas polo artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común), e no prazo de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado; xunto coa solicitude deberase achegar recibo que acredite o pagamento da cantidade de mil cincocentas pesetas (1.500 ptas.) en concepto de dereitos de exame na Tesourería municipal (directamente ou por xiro postal ou transferencia, achegando, nestes casos, copia do resgardo).

Xunto coa solicitude presentarase unha relación dos méritos que aleguen os aspirantes, así como os documentos orixinais, fotocopias compulsadas ou testemuños notariais de cantos documentos acrediten os méritos alegados e puntuables no concurso.

4.-Admisión de aspirantes.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a presidencia da corporación dictará resolución no

prazo de un mes na que aprobará a lista provisional de aspirantes admitidos/as e excluídos/as, que se publicará mediante a inserción do edicto correspondente no Boletín Oficial da provincia e taboleiro de edictos da casa do concello, concedendo un prazo de dez días para reclamacións.

O alcalde resolverá, se as houber, as reclamacións e aprobará a lista definitiva e maila composición do tribunal cualificador, e lugar, hora e data do comezo das probas, o que se publicará, así mesmo, mediante o correspondente edicto no BOP e taboleiro de edictos do concello.

5.-Tribunal cualificador.

A) Composición:

O tribunal cualificador estará composto polos seguintes membros:

-Presidente: o da corporación ou membro desta no que delegue.

-Secretario: o do concello.

-Vocais: o concelleiro-delegado de Perscal, o xefe da Unidade Xurídica de Urbanismo e Persoal, o graduado social da corporación, un representante da Administración autonómica.

B) A designación nominal de cada un dos membros do tribunal incluirá a dos seus respectivos suplentes, e será publicada na forma indicada na base anterior.

Os membros do tribunal deberán absterse de intervir e notificarllo á autoridade convocante, cando concorran as circunstancias previstas polo art. 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou preparasen aspirantes ás probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria. Os aspirantes, nos termos previstos polo art. 29 da antedita Lei 30/1992, do 26 de novembro, poderán recusar a aquel/aqueles membro/s do tribunal, cando concurran as circunstancias previstas no art. 28 antecitado.

C) O tribunal non se poderá constituír nin actuar sen a presencia de, como mínimo, tres dos seus membros, e do secretario, titulares ou suplentes, indistintamente.

D) O tribunal resolverá cantas dúbidas poidan xurdir en aplicación das presentes normas, así como as presentadas nos casos non previstos naquelas.

O tribunal, se así o xulgase pertinente, poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes dos exercicios, limitándose os asesores a presta-la correspondente colaboración nas súas especialidades técnicas.

6.-Sistema de selección: concurso-oposición libre.

A) Fase de concurso: avaliaranse os méritos que a seguir se indican e consonte a acreditación sinalada.

1.-Por experiencia, dentro da Administración local, na elaboración de programas de xestión informática: 0,2 puntos por cada mes de traballo, ata un máximo de 4 puntos.

2.-Por coñecementos acreditados de contabilidade: 1 punto se é a nivel de F.P. de 2º grao e 2 puntos se é a nivel superior.

3.-Outros méritos alegados e acreditados polos aspirantes e valorables a xuízo do tribunal pola súa relación coas funcións específicas a desenvolver no posto de traballo e sobre as linguaxes COBOL/400,

QUERY/400, OFIVISION/400 e do sistema operativo OS/400: de 0 a 2 puntos.

Entrevista persoal.-O tribunal cualificador realizará unha entrevista curricular persoal que puntuará de 0 a 2 puntos, chamándose os opositores por orde alfabética.

Para a súa avaliación, os méritos acreditaranse:

1.-Para o apartado 1, mediante certificación dos servicios prestados expedida pola Administración local na que prestou os servicios, con indicación precisa das funcións realizadas no campo da informática.

2.-Para o apartado 2, título oficial ou certificación de estudios acreditativa deles. Documentos orixinais, fotocopias compulsadas ou testemuños notariais.

3.-Para o apartado 3, mediante documentos orixinais ou fotocopias compulsadas acreditativa dos méritos alegados.

B) Fase de oposición: consistirá na realización dos dous seguintes exercicios de carácter obrigatorio:

-Primeiro: de carácter eliminatorio, consistente en contestar por escrito un cuestionario de 50 preguntas tipo test, relacionadas coas materias contidas no programa anexo ás presentes bases (durante un tempo de trinta e cinco minutos). As contestacións erróneas valoraranse negativamente, descontándose unha resposta válida por cada dúas erróneas.

-Segundo: de carácter eliminatorio, será de carácter práctico e consistirá en realizar unha proba práctica relacionada coa actividade específica da convocatoria (durante un tempo máximo de dúas horas).

7.-Desenvolvemento dos exercicios.

A entrevista persoal e os exercicios non poderán comezar ata transcurridas dous meses desde a data na que apareza publicada a presente convocatoria no BOP, anunciándose, como mínimo, quince días antes no mesmo medio oficial, o día, hora e local en que terá lugar.

As actuacións dos aspirantes naqueles exercicios que non se poidan realizar conxuntamente realizarase por orde alfabética segundo a primeira letra do seu apelido, comezando pola letra que resulte do sorteo ó que se refire o artigo 16 do Real decreto 2.223/1984, do 19 de decembro.

Os aspirantes convocaranse para cada exercicio en chamamento único, sendo excluídos da oposición os que non comparezan, salvo nos casos debidamente xustificados e apreciados discrecionalmente polo tribunal.

Os aspirantes deberán acredita-la súa personalidade coa exhibición do DNI.

8.-Cualificación do concurso-oposición.

A) Na fase de concurso os méritos serán avaliados conforme a documentación acreditativa que presenten os aspirantes e de acordo coa puntuación para cada caso indicado.

As puntuacións obtidas na fase de concurso serán publicadas no taboleiro de edictos do concello, polo menos con 24 horas de antelación á fase de opo

sición. En ningún caso poderá ser aplicada a puntuación na fase de oposición.

B) Na fase de oposición, cada un dos exercicios será avaliado de 0 a 10 puntos, sendo necesario acadar un mínimo de 5 puntos para superar cada un deles.

Os puntos que poderán ser outorgados por cada membro do tribunal serán de 0 a 10, sendo a cualificación final a suma das puntuacións outorgadas dividida polo número de membros do tribanal.

C) Puntuación definitiva: a puntuación definitiva será o resultado da suma das puntuacións outorgadas polo tribunal en cada un dos exercicios que compoñen a fase de oposición maila puntuación resultante da fase de concurso.

As cualificacións dos aspirantes aprobados en cada un dos exercicios publicaranse o mesmo día en que se acorden no taboleiro de edictos do concello.

9.-Relación de aprobados, documentación e formalización do contrato.

Rematada a cualificación dos aspirantes, o tribunal publicará a relación de aprobados pola orde de puntuación. Dado que o número de aprobados non pode supera-lo número de prazas convocadas a relación definitiva de aprobados/as confeccionarase cos aspirantes que, superados tódolos exercicios obrigatorios, obteñan a maior puntuación. Esta relación constituirá a proposta de nomeamento que se lle elevará ó alcalde-presidente.

No prazo de vinte días naturais desde o seguinte ó da publicación da lista co aspirante aprobado, este deberá presentar no rexistro xeral do concello a documentación seguinte:

a) Copia autenticada do DNI.

b) Titulación esixida para tomar parte nas probas selectivas.

c) Declaración xurada de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración pública.

d) Declaración xurada de non estar incurso en causa de incapacidade ou incompatibilidade referida á data da sinatura do contrato.

e) Certificación acreditativa de non padecer enfermidade ou eiva física que impida ou dificulte o normal desenvolvemento da súa función.

Cumpridos os requisitos anteriormente indicados, o presidente da corporación, no prazo de 15 días, procederá á formalización do oportuno contrato, no que poderá especificarse un período de proba consonte dispón o art. 14 do Estatuto dos traballadores.

10.-O tribunal queda autorizado para resolve-las dúbidas que se presenten e adopta-los acordos necesarios para a boa orde do proceso selectivo en todo o non previsto nestas bases.

11.-Norma final.

A presente convocatoria e tódolos actos administrativos que dela se deriven poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma previstos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cambre, 15 de febreiro de 1995.

O alcalde

Rubricado

ANEXO

1.-A Constitución española de 1978: estructura e contido. A reforma da Constitución.

2.-Dereitos e deberes fundamentais: a súa garantía e suspensión.

3.-Órganos dependentes das Cortes Xerais: o Tribunal de Contas e o Defensor do Pobo.

4.-O Tribunal Constitucional: organización, composición e atribucións.

5.-A Xefatura do Estado: a Coroa. Funcións constitucionais do Rei. Sucesión e rexencia. O referendo.

6.-As Cortes Xerais. Composición e atribucións do Congreso dos Deputados e do Senado.

7.-O Goberno e as administracións: relacións entre o Goberno e as Cortes Xerais.

8.-O poder xudicial. O principio da unidade xurisdiccional. O Consello Xeral do Poder Xudicial. O Tribunal Supremo. O Ministerio Fiscal. A organización xudicial española.

9.-A Administración central do Estado. O Consello de Ministros. O presidente do Goberno. Os ministros, secretarios de Estado, subsecretarios, secretarios xerais e directores xerais.

10.-A Administración institucional. Conceptos e clasificación dos entes públicos non institucionais. Os organismos autónomos.

11.-As comunidades autónomas. Os estatutos de autonomía, natureza e tipoloxía. Órganos e funcións.

12.-O Estatuto de autonomía de Galicia. O Parlamento de Galicia. O presidente da Xunta de Galicia e o Consello de Goberno.

13.-As fontes do dereito comunitario europeo. Dereito orixinario. Dereito derivado: regulamentos, directivas e decisións.

14.-As fontes do dereito administrativo. Concepto, clases de fontes. Leis constitucionais: concepto, caracteres e valor xurídico formal. As leis ordinarias.

15.-O regulamento: concepto, clases e límites.

16.-O acto administrativo: concepto, clases e elementos. Eficacia e validez dos actos administrativos.

17.-Principios xerais do contrato administrativo. Dereitos e deberes do contratista e da administración.

18.-O dominio público: concepto, características e clases de dominio.

19.-Modos de xestión do servicio público. Xestión directa, indirecta e mixta.

20.-O municipio: evolución, concepto e elementos esenciais.

21.-Organización municipal. Competencias.

22.-Ordenanzas e regulamentos das entidades locais. Clases e procedemento de elaboración.

23.-O persoal laboral ó servicio das administracións públicas. O seu réxime xurídico.

24.-A facenda local. Ordenanzas fiscais. Clasificación dos ingresos.

25.-Os orzamentos locais. Contabilidade e contas.

26.-Réxime xuridico do gasto público local. Ordenación de gastos e pagos: órganos competentes.

27.-A función pública local: ideas xerais, concepto de funcionario e clases de funcionarios.

28.-Dereitos económicos dos funcionarios. Retribucións básicas. Retribucións complementarias.

29.-A responsabilidade na Administración pública.

30.-Principios de actuación da Administración pública: eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación.

31.-Representación da información. Sistema de numeración. Conversión entre os sistemas de numeración. Formato de coma fixa. Formato de coma flotante. Conceptos xerais de ficheiros. Rexistro físico e rexistro lóxico. Rexistro de lonxitude fixa e de lonxitude variable. Operacións sobre ficheiros e rexistros. Organización dos ficheiros. Organización secuencial e organización aleatoria.

32.-As memorias. Definición. Clasificación tecnolóxica. Memorias estáticas de propagación, dinámicas. Características das memorias. Direccionamento. Modo e tempo de acceso. Xerarquía. As pilas e colas de espera. Memorias externas. O direccionamento. Diferentes clases de direccionamento. Direccionamento normal, inmediato, indirecto, relativo e indexado.

33.-Multiproceso. Características esenciais dos sistemas de multiproceso. Sistemas multiplex. Sistemas multiproceso. Sistemas de tempo compartido. Proceso por lotes. Funcionamento en modo conversacional. Reparto de tempo de proceso. Reparto da memoria de traballo.

34.-Multiprogramación. Concepto. Prioridade de particións. Memoria virtual. Reubicación de programas. Fragmentación de programas. Compartición de recursos. Tamaño das particións.

35.-Estructura da información. Listas lineais. Listas circulares. Matrices ou táboas. Árbores. Estructuras complexas e aneis. Outras organizacións. Creación dos ficheiros.

36.-Fluxo de información. Introducción ó concepto de simultaneidade entre proceso e entradas-saídas. Canles selectores. Canles multiplexoras. Análise da operación canle. Noción de multiplaxe. Interrupcións prioritarias.

37.-Redes locais. Concepto. Topoloxía e tipos. Medios de transmisión. Funcionamento. Comunicacións. Arquitectura.

38.-Orixes do AS/400. Arquitectura. Hardware e software. Sistema operativo OS/400. Conectividade.

39.-Centro de proceso de datos. Tipoloxías organizativas. Especialidades e funcións informáticas. Funcións do centro de proceso de datos. As relacións do centro de proceso de datos co resto da organización.

40.-Automatización de oficinas. Sistemas físicos máis empregados. Os ordenadores persoais. Loxicais específicos para a automatización de oficinas. Repercusións organizativas da automatización de oficinas.