Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 08 de marzo de 1995 Páx. 1.801

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 20 de febreiro de 1995 pola que se convoca a novena edición dos Premios Xunta de Galicia de Xornalismo sobre Drogodependencias.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, dentro da programación establecida no marco do Plan Autonómico sobre Drogodependencias, elaborou as bases do Programa de Prevención do Consumo de Drogas e o Documento Marco de Prevención de Drogodependencias. Nelas recollíase a necesidade de potenciar un xornalismo cun tratamento da problemática do consumo de drogas que incidise positivamente na súa prevención, tendo en conta a influencia da prensa, a radio e a televisión na poboación, xa que modulan a percepción social que esta ten sobre a realidade na que vive a persoa. Sinalábase como fin último conseguir que cando un medio informe sobre algún aspecto relacionado coas drogas, o faga proporcionando unha información veraz sobre as dimensións da problemática das drogas e facendo especial fincapé no esclarecemento dos mitos e estereotipos creados.

Como unha das accións comprendidas na área da prevención e cos obxectivos antes sinalados, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais decidiu crea-los Premios Xunta de Galicia de Xornalismo sobre Drogodependencias de acordo co documento das bases do Programa de Prevención do Consumo de Drogas e o documento marco antes sinalados e aprobados no seu día pola Comisión Galega de Prevención e Loita contra a Drogodependencia.

Trala oitava edición dos premios, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais considera conveniente convocalos de novo para mante-la dita liña de actuación.

En consecuencia, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único:

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais convoca a novena edición dos Premios Xunta de Galicia de Xornalismo sobre Drogodependencias nas modalidades de prensa escrita, radio e televisión, de acordo coas seguintes

BASES:

Primeira: o tema versará sobre a problemática do consumo de drogas e a drogodependencia. Teñen preferencia os traballos referidos a Galicia.

Segunda: poderán optar a estes premios tódolos profesionais dos medios de comunicación de España nas modalidades de prensa, radio e televisión.

Terceira: os orixinais que se presenten a concurso deberán utiliza-lo galego normativizado ou o castelán.

Cuarta: os traballos terán que ser publicados ou emitidos desde o 15 de outubro de 1994 ata o día 16 de outubro de 1995, ámbolos dous inclusive, e terán como data tope de entrada no rexistro da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais o 31 de outubro do presente ano.

Quinta: os traballos enviaranse en sobre lacrado ó rexistro da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais co seguinte enderezo: Premios Xunta de Galicia de Xornalismo sobre Drogodependencias, Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, Plan Autonómico sobre Drogodependencias, edificio administrativo San Caetano, bloque 2-2º, Santiago de Compostela. No sobre no que se inclúa o traballo figurará un lema ou pseudónimo e noutro sobre, tamén lacrado, figurará no exterior o mismo lema ou pseudónimo e no seu interior conterá o/os nome/s do/s autor/es así como o medio no que foi publicado ou emitido.

Sexta: no caso de prensa escrita, remitiranse tres orixinais do xornal ou revista completa. No caso de radio, enviaranse tres cintas de casete coa correspondente certificación do director da emisora, onde constará a data e hora de emisión. No caso de televisión, enviaranse tres copias en sistema VHS coa correspondente certificación do director da emisora, onde constará a data e hora da emisión.

Sétima: a contía do primeiro premio para calquera das modalidades descritas será de 400.000 ptas. e placa acreditativa.

A contía do segundo premio para calquera das modalidades descritas será de 300.000 ptas. e placa acreditativa.

A contía do terceiro premio para calquera das modalidades descritas será de 200.000 ptas. e placa acreditativa.

Estes premios irán con cargo a aplicación orzamentaria 11.01.313A.640.1 existindo crédito orzamentario suficiente.

Oitava: os premios poderán ser declarados desertos nunha ou en tódalas súas modalidades.

Novena: o xurado estará integrado por:

Presidente: o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

Vicepresidente: o comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias.

Vocais:

-Un representante da Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas.

-O xefe do Gabinete do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

-O xefe do Gabinete de Prensa da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

O xefe do Servicio de Saúde Mental e Programas Especiais do Servicio Galego de Saúde.

Secretario: un técnico do Plan Autonómico sobre Drogodependencias.

A decisión do xurado será inapelable.

Décima: a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais reserva para si o dereito de publicar tanto os traballos premiados coma os non premiados.

Undécima: a presentación dos traballos supón a plena aceptación de tódalas bases desta convocatoria.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 1995.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais