Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 08 de marzo de 1995 Páx. 1.796

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 61/1995, do 24 de febreiro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 198/1994, de 16 de xuño polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 33, atribúelle á Comunidade Autónoma de Galicia competencias para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior e Seguridade Social, podendo organizar e administrar para tales fins e dentro do seu territorio, tódolos servicios relacionados coas materias expresadas.

A Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, do Servicio Galego de Saúde establece no seu artigo 1 que a súa finalidade baixo a dirección e control da Consellería de Sanidade, consiste na xestión dos servicios sanitarios de carácter público dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia e a coordinación integral de tódolos recursos sanitarios e asistenciais existentes no seu territorio.

O Decreto 198/1994, do 16 de xuño, polo que se establecía a estructura orgánica da consellería supuxo unha nova configuración das relacións entre a Consellería e o Servicio Galego de Saúde e recollía a incorporación das competencias en materia de servicios sociais á consellería.

O dito decreto atribuía as tarefas de informatización da consellería ó Servicio de Informática, unidade incardinada na Secretaría Xeral, á que tamén se lle encomendaba a coordinación e supervisión das tarefas de informatización do Sergas, así como o apoio e asesoramento técnico a este. A estructura establecida era a mesma que existía con anterioridade ó traspaso do INSALUD en 1991 e que supuxo un incremento notable da actividade do Servicio de Informática que xunto ás tarefas propias da consellería tivo que asumi-la coordinación e supervisión da informatización dos centros asistenciais que conforman o Servicio Galego de Saúde.

A incorporación das competencias en materia de servicios sociais, veu a agravar, se cabe, a carga de traballo en unha soa unidade, pois ó xa sinalado engadíronse as tarefas de informatización derivadas da xestión dos expedientes competencia da nova dirección xeral. Isto supón a tramitación dos expedientes de pensións non contributivas (30.000 na actualidade) ou das 10.000 solicitudes realizadas desde a entrada en vigor da Lei de renda de integración social de Galicia (RISGA).

O dito fai necesario, para unha adecuada e eficiente prestación das súas funcións, desdobra-las tarefas informáticas en senllos servicios que desenvolvan os procesos de informatización da consellería e do Sergas respectivamente.

Por outra banda a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais estableceu entre os seus obxectivos, dentro do marco da planificación sanitaria, o deseño e desenvolvemento de programas específicos de alto interese estratéxico que en relación co sistema sani

tario faciliten a xestión eficiente dos recursos existentes, permitindo ampliar e mellora-los servicios que ofrece actualmente, tanto no referente á prevención de enfermidades como á prestación de coidados, proporcionando, ademais, novas bases para levar a cabo unha serie de accións encamiñadas á contención do gasto sanitario.

Neste sentido, un destes proxectos é a implantación da tarxeta sanitaria individualizada que suporá unha ferramenta imprescindible para eleva-lo nivel de saúde e mellora-la atención sanitaria que se lle presta á poboación protexida polo Servicio Galego de Saúde, considerando as particularidades da nosa Comunidade Autónoma.

Dado o exposto, preséntase a necesidade de contar cun órgano específico que se encargue do deseño e desenvolvemento dos sistemas e novas iniciativas de servicios sanitarios sinalados, que melloren a optimización dos recursos, a súa calidade e a eficacia das prestacións, correspondéndolle en particular culmina-lo proxecto de tarxeta sanitaria individual, levando a cabo a súa xestión e avaliación permanente.

Consecuentemente é preciso reforma-lo Decreto 198/1994, do 16 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, logo do informe das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de febreiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.-O apartado 4 do artigo 4º do Decreto 198/1994, do 16 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais queda redactado como segue:

4. Do secretario xeral dependerán directamente, con nivel orgánico de servicio, as seguintes unidades:

4.1. Servicio de Inspección Sanitaria.

4.2. Servicio de Informática Área Administrativa.

4.3. Servicio de Informática Área Asistencial.

Artigo segundo.-

1.-O apartado 2 do artigo 6º do Decreto 198/1994 queda redactado como segue:

6.2. Servicio de Informática Área Administrativa.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-Planificar, impulsar e mecaniza-los sistemas de información das áreas administrativas dos servicios centrais e periféricos da consellería e do organismo autónomo SERGAS, sen prexuízo das competencias reservadas ás Comisións de Informática e Central de Racionalización e a Consellería da Presidencia e Administración Pública.

2.-Así mesmo, engádese un novo apartado ó artigo 6º do Decreto 198/1994, co seguinte texto:

6.3. Servicio de Informática Área Asistencial.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A coordinación e supervisión dos plans de informatización de tódolos centros asistenciais do organismo autónomo SERGAS, o apoio e asesoramento técnico sobre eles, así como o estudio, seguimento, informe e, se é o caso, proposta sobre plans xerais de informatización que lle afecten.

Artigo terceiro.-Engádese un novo apartado ó artigo 9º do Decreto 198/1994, co seguinte texto;

9.4. Servicio de Programas Especiais.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-O deseño e desenvolvemento de sistemas e de novas iniciativas de servicios sanitarios que optimicen a dotación de recursos, a súa calidade e a eficacia das prestacións.

-A xestión de programas específicos de interese estratéxico para a consellería, incluído o proxecto de tarxeta sanitaria individual, levando a cabo a súa avaliación permanente, en coordinación coas distintas unidades e centros competentes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A modificación que na estructura orgánica se produce polo presente decreto non suporá aumento de gasto.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Terceira.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de febreiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José M. Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais