Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 03 de marzo de 1995 Páx. 1.712

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de xaneiro de 1995 pola que se anuncia e regula a celebración de probas de avaliación de ensinanzas non escolarizadas para a obtención do título de formación profesional de primeiro grao (técnico auxiliar).

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía de Galicia, e o Real decreto 1.763/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, atribúenlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as competencias en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado.

O Decreto 232/1994, do 14 de xullo, establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Por outra parte, a Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, implica a progresiva implantación de novos plans, segundo o calendario previsto. En consecuencia, durante o período de transición, algúns alumnos poden requirir facilidades para completa-los seus estudios de formación profesional de primeiro grao por un réxime de estudios distinto do presencial.

Esta necesidade acentúase pola situación de crise económica existente nestes momentos, que está tendo unha incidencia especial no caso dos xoves e, moi especialmente, entre aqueles que non dispoñen de ningunha titulación profesional que lles facilite o tránsito ó mundo do traballo.

O acceso a unha titulación de carácter profesional pode ser, así mesmo, de interese para as persoas adultas, tanto se exercen xa actividades laborais e pretenden progresar na súa cualificación, coma se se atopan en situación de desemprego.

Así pois, vistas as ordes do 8 de marzo de 1977 (BOE do 12), do 8 de marzo de 1978 (BOE do 17) e do 22 de marzo de 1990 (BOE do 27), que regulan as probas de avaliación de ensinanzas non escolarizadas para a obtención do título de técnico auxiliar de formación, profesional de 1º grao, e de acordo co artigo 16.2 do Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario da nova ordenación do sistema educativo modificado polo Real decreto 1.487/1994, do 1 de xullo, procede fixa-lo prazo de convocatoria, inscricións, constitución de comisións avaliadoras e, en xeral, as normas sobre o desenvolvemento das probas durante o ano 1995. Na súa virtude, esta consellería

DISPÓN:

1º.-Anuncia-la celebración de probas de avaliación de ensinanzas non escolarizadas para a obtención do título de técnico auxiliar nas ramas e profesións actualmente regradas e experimentais de formación profesional de 1º grao, segundo os cuestionarios vixentes oficialmente aprobados polas respectivas ordes ministeriais.

2º.-As probas de cada unha das dúas convocatorias ordinarias correspondentes ó ano 1995 comezarán os días 20 de abril e 8 de novembro respectivamente, e axustaranse ó disposto nesta orde.

As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán solicita-la celebración de convocatorias especiais á Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos. A devandita solicitude será tramitada cunha antelación de polo menos dous meses á data proposta de celebración.

3º.-Cada delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta do respectivo servicio de inspección, proporalle á Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, polo menos con dez días hábiles de antelación á apertura do prazo de inscrición, os institutos de formación profesional da provincia nos que se poderán realiza-las inscricións, indicando en cada caso as profesións que poderán ser obxecto das probas de avaliación de ensinanzas non escolarizadas. Entenderase aceptada a proposta se non existe notificación contraria polo menos catro días antes da data inicial do prazo de inscrición.

4º.-Esta relación de institutos nos que se poderá formaliza-la inscrición será exposta no taboleiro de anuncios da respectiva delegación provincial, indicando as profesións que, en cada caso, correspondan. Así mesmo, remitirase a cada instituto de formación profesional da provincia unha copia da mencionada relación para que se faga pública.

5º-A inscrición en cada convocatoria efectuarase nos prazos comprendidos entre o 13 e o 24 de marzo para a primeira e do 6 ó 17 de outubro para a segunda, ambos inclusive, utilizándose para tal efecto o modelo do anexo I desta orde.

6º.-Poderán inscribirse para a realización destas probas as persoas non escolarizadas en réxime ordinario nas que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que estean en posesión dun diploma ou certificado de ensino de carácter profesional, homologado polo Ministerio de Educación e Ciencia, de conformidade co disposto nos artigos 36 e 37 do Decreto 707/1976, do 5 de marzo (BOE do 12 de abril).

b) Que estean en posesión do certificado de escolaridade e formación profesional de primeiro grao.

c) Que acrediten terse presentado anteriormente ás probas de madurez para a obtención do título de oficialía industrial ou de 1º grao de formación profesional.

d) Que acrediten como mínimo un ano de actividade laboral e sexan bachareis elementais, graduados escolares ou posúan o certificado de estudios primarios.

e) Os profesionais que sen cumprir ningunha das circunstancias citadas nos parágrafos anteriores, acrediten máis de un ano de actividade laboral e posúan suficiente madurez.

Para os únicos efectos do previsto no parágrafo anterior tamén se considerará como período de actividade laboral o tempo de permanencia no servicio militar ou de prestación social substitutoria, así como o período de permanencia como demandante de emprego, inscrito nos organismos oficiais corres

pondentes.

A madurez será estimada polos servicios de inspección, de acordo coa documentación que aporte o interesado no momento de efectua-la inscrición; cando á vista desta documentación se coide oportuno, a inspección nomeará unha comisión de valoración integrada por profesores do centro no que o interesado efectuase a súa inscrición, que procederá a entrevistalo. Non será preciso recorrer á comisión de valoración cando o interesado acredite estar en posesión dalgún diploma de formación profesional ocupacional expedido pola Administración pública correspondente.

7º.-Para efectua-la inscrición, os aspirantes deberán presentar:

-Solicitude de matrícula segundo modelo normalizado que figura no anexo 1 desta orde.

-Documento nacional de identidade, pasaporte, ou fotocopia de calquera deles debidamente compulsada.

Segundo o apartado do punto 6º no que estea comprendido, o aspirante deberá achegar ademais a documentación seguinte:

a) Diploma ou certificado de ensino de carácter profesional homologado polo Ministerio de Educación e Ciencia.

b) Certificado de escolaridade de formación profesional de 1º grao.

c) Certificado acreditativo de terse presentado anteriormente ás probas de madurez para a obtención do título de oficialía industrial ou de primeiro grao de formación profesional.

d) Título de bacharel elemental, graduado escolar ou certificado de estudios primarios e, en todo caso, documento acreditativo de un ano, como mínimo, de actividade laboral.

e) Documento acreditativo de máis de un ano de actividade laboral, e/ou certificado de inscrición na oficina de emprego, e documentación complementaria.

O período de permanencia no servicio militar acreditarase mediante certificación do xefe da correspondente unidade ou, en caso de telo rematado, fotocopia compulsada da cartilla militar. O período de desenvolvemento da prestación social substitutoria acreditarase mediante certificación do organismo competente.

As amas de casa e empregadas de fogar xustificarán a actividade laboral da forma que se establece na resolución do 5 de agosto de 1977 (BOE do 27) da Dirección Xeral de Ensinanzas Medias, ou mediante calquera outro documento que se considere válido. Para este efecto considerarase suficiente a delaración de dúas testemuñas ante notario, da realización de actividades laborais por parte de quen solicita a inscrición por este concepto.

Así mesmo, considérase válida a actividade laboral realiza nos talleres de institucións penitenciarias, sendo suficiente a certificación expedida polas autoridades do centro penitenciario.

En caso de existir expediente académico do solicitante noutro instituto de formación profesional distinto daquel no que se efectúa a inscrición, este

último solicitará de oficio ó centro de orixe o oportuno traslado de expediente.

8º.-Quen solicite a súa inscrición acolléndose ó que dispón o apartado 6º e) deberá ser advertido, no momento de formalizala, da obriga de estar pendente da posible convocatoria para a entrevista á que alí se alude, a cal se publicará no taboleiro de anuncios do instituto.

9º-A realización e cualificación das probas estará a cargo de comisións avaliadoras integradas polos seguintes membros:

-Un presidente.

-Un vocal correspondente á área formativa común.

-Un vocal correspondente á área de ciencias aplicadas.

-Un vocal da correspondente área tecnolóxico-práctica por cada unha das profesións para as que se celebren probas no centro.

As devanditas comisións estarán integradas por funcionarios docentes dos institutos nos que se imparta formación profesional. Os presidentes serán membros dos servicios provinciais de inspección ou directores dos citados institutos. Actuará como secretario o vocal de menor antigüidade e, no caso de igualdade por este concepto, o de menor idade.

Estas comisións avaliadoras poderán solicita-los asesoramentos docentes que coiden necesarios.

O servicio de inspección proporalle á correspondente delegación provincial o nomeamento do presidente e vocais que constituirán as comisións avaliadoras, procurando sempre que sexa posible que pertenzan á mesma localidade do instituto onde se vaian realiza-las probas. Estas comisións serán as necesarias para que o número de examinados correspondentes a cada unha delas non sexa inferior a cincuenta nin superior a cen, ou o sexa en mínima medida, salvo excepcións debidamente xustificadas. Cando por calquera causa non fose posible nunha provincia organiza-las comisións avaliadoras correspondentes, seralle comunicado á dirección xeral para os efectos oportunos.

10º.-Os institutos receptores de inscricións comunicaranlle á inspección o número de admitidos en cada profesión, dentro dos tres días hábiles seguintes ó da finalización do prazo de inscrición.

Á vista destes datos, estableceranse as comisións avaliadoras que sexan precisas, podéndose agrupa-los inscritos nos distintos institutos da provincia, para os efectos de pasa-la proba perante unha mesma comisión avaliadora, cando o número deles e o de profesións que se van incluír así o aconsellen.

A delegación provincial comunicaralle mediante fax á Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, antes do día 31 de marzo respecto da primeira convocatoria e antes do 24 de outubro para a segunda, a relación de institutos en que actuarán as comisións avaliadoras, expresando o número destas e as profesións correspondentes a cada unha delas. De non recibirse, nas setenta e

dúas horas seguintes, contestación da dirección xeral, entenderanse aceptadas as comisións establecidas.

11º.-Con sete días hábiles de antelación, como mínimo, ó comezo das probas, a delegación provincial comunicaralles ós institutos o lugar onde actuará cada unha das comisións avaliadoras designadas, así como a relación de alumnos que corresponden a cada unha delas.

Estas relacións faranse públicas na propia delegación provincial e en cada un dos institutos receptores de inscricións, polo menos catro días antes do comezo das probas.

12º.-O contido das probas adecuarase ós vixentes cuestionarios oficiais de formación profesional de 1º grao aprobados polas respectivas ordes ministeriais. As materias serán agrupadas nas tres áreas de coñecementos:

-Formativa común.

-Ciencias aplicadas.

-Coñecementos técnicos e prácticos.

A dirección xeral remitirá os exercicios ós institutos onde deban realizarse as probas para a súa custodia e posterior entrega, en sobre pechado, ó presidente da comisión avaliadora correspondente.

13º.-Os institutos que reciban as inscricións terán a disposición das comisións avaliadoras os expedientes dos aspirantes para facilitar cantos datos sexan necesarios.

14º.-O calendario das probas deberá ser anunciado no taboleiro de anuncios do instituto no que se realicen estas, sinalándose expresamente o lugar de celebración e os utensilios con que deberán acudi-los aspirantes (material de debuxo, táboas, máquinas de escribir, etc.)

As probas axustaranse á orde e horario que se indica a continuación:

Primeira xornada.

-Ás nove horas: constitución das comisións avaliadoras dando lectura a esta orde.

O presidente procederá á apertura do sobre dos exercicios, a partir do que quedarán baixo a súa custodia.

Á vista dos enunciados correspondentes ós exercicios prácticos, adoptaranse as medidas oportunas que garantan a organización e desenvolvemento destes, de acordo coas dispoñibilidades do instituto; para este efecto contarase co asesoramento do profesorado de prácticas.

Cando por razóns das instalacións ou dos locais existan dificultades para desenvolve-lo exercicio práctico no propio instituto onde actúe a comisión avaliadora, a inspección provincial poderá autoriza-la realización deste noutros locais que se consideren máis idóneos, expresándose neste caso o lugar e enderezo no calendario das probas, que se fará público inmediatamente despois de rematar esta sesión constitutiva.

Ás 10 horas: exercicio global sobre as materias que constitúen a área de ciencias aplicadas, baseado fundamentalmente no cálculo matemático básico. Duración: 3,5 horas.

Ás 16 horas: exercicio global sobre as materias que constitúen a área formativa común, baseado esencialmente na capacidade de comprensión e expresión lingüística. Duración: 3,5 horas.

Segunda xornada:

Ás 9 horas: exercicio de tecnoloxía e de técnicas de expresión gráfica ou comunicación, da área de coñecementos técnicos e prácticos. Duración: a determinar pola comisión avaliadora, en función da proba e profesión de que se trate; esta duración en ningún caso excederá da xornada de mañá.

Ás 16 horas: segunda parte do exercicio correspondente á área de coñecementos técnicos e prácticos. Duración: a determinar pola comisión avaliadora para cada profesión. Esta duración non excederá da xornada de tarde.

15º.-Nunha terceira xornada as comisións procederán á cualificación das probas e redactarán actas globais para cada área segundo o modelo que figura no anexo III desta orde, acomodándose á escala de sobresaliente, notable, ben, suficiente, insuficiente e moi deficiente. Tendo en conta a idade e circunstancias concretas destes alumnos, convén prestar máis atención á madurez persoal e profesional que ó coñecemento puntual de cuestións concretas de cada materia. A estas actas uniranse os exercicios correspondentes e arquivaranse no centro onde actúe a comisión avaliadora.

As áreas superadas anteriormente ou dispensadas por homologación faranse constar coa expresión de «exento» e debaixo delas, entre paréntese, a cualificación, se constase documentalmente.

l6º.-A cualificación global correspondente a cada alumno obterase da seguinte forma:

a) Se o alumno obtivo cualificación positiva nas tres áreas, a súa cualificación global será a correspondente á área de coñecementos técnicos e prácticos.

b) Se o alumno obtivo cualificación negativa nalgunha das áreas, a súa cualificación global será «insuficiente» ou «moi deficiente».

As actas finais redactaranse por profesións e faranse públicas no centro onde fosen realizadas as probas, quedando arquivados os orixinais no devandito instituto.

Remitirase copia das actas de cada profesión ós institutos nos que se inscribisen aspirantes correspondentes a esa profesión, para efectos de constancia dos resultados nos respectivos expedientes, e ós servicios de inspección técnica.

17º.-Os alumnos que superen algunhas das áreas poderán solicita-la correspondente certificación ó instituto que admitiu a súa inscrición. Esta certificación, entre outros, producirá os efectos de dispensa de realización das correspondentes probas en posteriores convocatorias.

18º.-Aqueles aspirantes que acaden cualificación global positiva poderán solicitar no centro receptor da súa inscrición a expedición do título de técnico auxiliar na profesión respectiva. A tramitación desta solicitude axustarase ó disposto na orde ministerial do 18 de novembro de 1975 (BOE do 6 de decembro).

19º.-En determinadas ramas, cando o número de inscritos ou de grupos en que sexa necesario dis

tribuílos (polas dispoñibilidades de locais, instalacións, material ou calquera outra causa), fagan imposible o desenvolvemento das probas na orde ou nas datas establecidas, a Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos poderá autoriza-la realización destas en dúas fases.

En todo caso, garantirase, por unha parte a homoxeneidade dos exercicios de ámbalas dúas fases e, por outra, que cada aspirante concorra soamente a unha das ditas fases da convocatoria.

20º.-Os profesores que participen nas comisións avaliadoras previstas no artigo 9º terán dereito á

percepción das indemnizacións previstas no Decreto 299/1990. Para tales efectos estas comisións clasifícanse na categoría cuarta.

O asesoramento docente non devengará ningún tipo de indemnización.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Sr. Director Xeral de Ensinanzas

Profesionais e Formación de Adultos