Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 03 de marzo de 1995 Páx. 1.709

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 21 de febreiro de 1995 pola que se regula a concesión de subvencións ás corporacións locais encamiñadas á dotación de equipos para o desenvolvemento dos medios de comunicación municipais.

A Secretaría Xeral de Comunicación, co fin de que as corporacións locais teñan cobertura radiofónica de carácter local que lles facilite ós cidadáns uns medios de comunicación que amplíen o marco da pluralidade informativa, vén establecendo con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma unha liña de subvencións de capital.

Neste sentido, a Lei 6/1994, do 29 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1995, inclúe a oportuna consignación para a finalidade sinalada.

A concesión de subvencións e axudas con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega deberán someterse ó cumprimento dos requisitos de publicidade, concorrencia e obxectividade, a teor do sinalado no artigo 78.1 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, o que esixe a realización na correspondente orde reguladora, así como a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Polo exposto, e en uso das facultades que me atribúen os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo primeiro

A Secretaría Xeral de Comunicación poderá conceder subvencións encamiñadas á dotación de equipos para o desenvolvemento dos medios de comunicación municipais ás corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia, ata o límite sinalado no artigo noveno desta orde.

Artigo segundo

O obxectivo é incentiva-la iniciativa local para a dotación de estudios e equipamento de sistema de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia.

Artigo terceiro

1) Poderán ser beneficiarias dunha subvención as corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia que solicitasen ou soliciten a concesión do servicio de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia para emisoras municipais.

2) As solicitudes de subvención serán formuladas polo presidente da entidade local respectiva, segundo o modelo que se xunta como anexo á presente orde e a ela uniranse os seguintes documentos:

-Memoria descritiva dos investimentos que se van realizar.

-Orzamento ou valoración económica das actuacións para as que se solicita a subvención, con indicación da cantidade que se pide como axuda.

-Compromiso de dotación orzamentaria suficiente para o mantemento do servicio.

3) As peticións de subvención presentaranse no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela) ou nos das súas delegacións provinciais. Tamén se poderán remitir en calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4) O prazo de presentación de solicitude será de 30 días naturais, contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo cuarto

Os acordos de concesión de subvencións serán adoptados polo secretario xeral de Comunicación.

Para as resolucións teranse en conta os seguintes criterios:

-O fomento dos valores e da identidade cultural e social de Galicia e, en especial, o emprego do galego na programación.

-Horario de emisión, porcentaxe de producción propia e porcentaxe de programas informativos, culturais ou educativos.

Artigo quinto

A resolución respecto da presente liña de subvencións seralles notificada a tódolos solicitantes transcorridos tres meses desde o remate do prazo de presentación de solicitudes. Esgotado o devandito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente (artigo 43-2º C), en sentido contrario, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo sexto

Os concellos ós que se lles conceda unha subvención ó amparo do disposto nesta orde estarán obrigados a efectua-lo investimento que serviu de base para a concesión, debendo xustificar isto antes do 30 de outubro mediante certificación na que se fará consta-la realización do investimento e a contía do gasto realizado.

A dita certificación será requisito necesario para proceder ó pagamento da subvención.

Artigo sétimo

A Secretaría Xeral de Comunicación poderá realiza-las inspeccións e comprobacións que considere necesarias co fin de asegura-lo cumprimento das normas e requisitos cos que se concederon as subvencións.

Artigo oitavo

1.-As entidades receptoras das subvencións quedarán obrigadas:

a) A non altera-lo destino da subvención.

b) A admiti-las inspeccións e o control que estableza a Secretaría Xeral de Comunicación.

c) A efectua-la xustificación do gasto na forma preceptuada, facultándose a citada secretaría xeral para determina-lo correcto cumprimento desta esixencia.

2.-O incumprimento de calquera das obrigas mencionadas será causa determinante da revogación da subvención, así como do reintegro, se é o caso, da subvención percibida e dos xuros de demora correspondentes.

Artigo noveno

As subvencións que se concedan en execución da presente orde faranse efectivas con cargo á aplicación 04.07.361.A.760.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1995, no que existe un crédito para este efecto por importe de 24.000.000 de pesetas.

Disposición derradeira

Nos aspectos non contidos na presente orde haberá que aterse ó disposto nos artigos 78 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e 35 da Lei 6/1994, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1995.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 1995.

P.D. (Orde 26-3-1992)

Jesús Pérez Varela

Secretario xeral de Comunicación