Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 21 de febreiro de 1995 Páx. 1.460

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 1994, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente número 295 que afecta os montes Gatiñeiras, San Bartolomeu, Campo Dombalo, Petón do Sobrado, Fonte do Barro, Brañas das Eguas, Chan do Cornado e Pedralonga, dos lugares de Tedín e Trasouteiro, parroquia de Vimianzo, concello de Vimianzo, desta provincia.

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento de aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 28 de xuño de 1994, adoptou o seguinte acordo:

Reunido na data 28 de xuño de 1994 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, coa asistencia do vicepresidente, José Luis Núñez Vide, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais, Federico Sánchez Rodríguez, xefe do Servicio de Montes e I.F., Ramón Olano Calleja, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común, e do secretario, Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolve-lo

Expediente nº 295.

Monte: Gatiñeiras, San Bartolomeu, Campo Dombalo, Pelón do Sobrado, Fonte do Barro, Brañas das Eguas, Chan do Cornado e Pedralonga.

Sito en: Lugares de Tedín e Trasouteiro.

Concello: Vimianzo.

Con data 1 de decembro de 1994 reúnese o Xurado para, entre outros temas da orde do día, darlle a redacción definitiva ó acordo do 28 de xuño.

1º Resultando que por medio de escrito de data 4-5-1992 diversos veciños dos lugares de Tedín e Trasouteiro, parroquia de Vimianzo, concello de Vimianzo, solicitaron deste Xurado que se retome o expediente nº 223, iniciado con data 26-4-1982, a resolución do cal foi anulada parcialmente en virtude de sentencia do Tribunal Supremo.

No citado expediente solicitábase a declaración como veciñais dos expresados lugares dos montes arriba citados e que teñen as seguintes características:

Superficie: 150,20 hectáreas.

Lindeiros:

Norte: monte veciñal e parcelas particulares dos veciños de Reboredo na parroquia de Salto de Vimianzo; sur: predios particulares dos veciños de Sansobre, na parroquia de Vimianzo, e monte dos veciños de Rasamonde, na parroquia de Cambeda, ámbalas dúas do concello de Vimianzo; leste: pista construída por repoboación, montes dos veciños de Reboredo e parcelas particulares dos veciños de Tedín; oeste: parcelas particulares de veciños da vila de Vimianzo.

2º Resultando que á vista de tal solicitude o Xurado, en sesión celebrada o día 16-9-1992, acordou retoma-lo oportuno expediente, nomeándose como instructor del a Ramón Olano Calleja, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librouse mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Corcubión e oíronse tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos con tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Vimianzo, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 133, do 14-7-1993), taboleiro de anuncios do concello, lugares de costume e parroquia.

3º Resultando que con data 26-4-1982 o Xurado acorda inicia-lo expediente nº 223 de clasificación dos mencionados montes a favor das comunidades dos lugares de Tedín e Trasouteiro, sendo declarados como veciñais en man común con data 7-3-1983. Mediante sentencia de data 9-4-1988, a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña estima en parte o recurso 530/1983 interposto contra a dita clasificación, declarando a nulidade da resolución ó non considerar suficientemente probada a pertenza veciñal nin o aproveitamento consuetudinario e exclusivo en réxime de comunidade polos veciños. Interposto recurso de apelación 2.232/1988 pola representación procesual da Xunta de Galicia, é desestimado pola Sala Terceira do Tribunal Supremo con data 20-3-1991.

4º Resultando que, segundo o informe do xefe do Servicio de Montes e I.F., os ditos montes non teñen relación de consorcio ou convenio coa administración, non están deslindados nin repoboados por esta non figuran no C.U.P e están poboados con Eucaliptus globulus, non constando ocupacións, permutas ou apropiacións neles, aínda que si se fai mención á existencia de preitos por cuestións de aproveitamentos e propiedade.

5º Resultando que a xunta promotora fundamenta a súa petición ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común na posesión pública, pacífica e ininterrompida desde tempos inmemoriais, mediante o aproveitamento dos seus productos, toxos, leñas, madeiras, etc., facendo estivadas e cultivándoos á forma e modo que por costume o fan os labregos, xustificando a alegación da condición de monte comunal con diferente documentación.

6º Reultando que durante a tramitación compareceron en forma a Empresa Nacional de Celulosas, S.A. (ENCE), alegando dereitos de explotación en parcelas solicitadas polas comunidades veciñais citadas, orixinados mediante consorcio establecido nos anos 1959 e 1961 entre SNIACE e os titulares das mesmas Manuel Romero Osende e a familia Aguiar (Poch y Díaz de Rábago) e cedidos en novembro de 1982 a ENCE; e Andrea Consuelo Gándara Pérez, reclamando a propiedade dun predio incluído no dito monte; dándoselles parte no expediente como titulares de dereitos e intereses lexítimos.

7º Resultando que na tramitación das presentes actuacións se cumpriron as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables ó caso.

Vistos os preceptos das disposicións citadas e demais de xeral aplicación.

1º Considerando que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente, en virtude do disposto nos arts. 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2º Considerando que, de conformidade co contido do art. 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños dos lugares de Tedín e Trasouteiro, parroquia de Vimianzo, municipio de Vimianzo, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3º Considerando que as argumentacións expostas polos solicitantes xa foron examinadas e tidas en conta cada unha na resolución obxecto de recurso do expediente nº 223; facendo especial fincapé e formulando reiteradas consideracións ó dominio ou propiedade ademais doutras relativas a unha posesión inmemorial que o Xurado non estima suficientemente probadas dada a realidade da plantación e sucesivas cortas de arboredo realizadas polas empresas titulares do consorcio e as presuncións

posesorias, contraditas pola oposición, non demostrada, aínda que si alegada, polos veciños solicitantes.

Véxase o informe emitido polo secretario do Concello de Vimianzo, que consta no correspondente expediente, e no que se deixa constancia de que «D) Non aparecen datos nin antecedentes sobre reclamacións xudiciais correspondentes ós expresados montes, na súa totalidade ou en parte, nos que teña intervido esta corporación municipal».

4º Considerando que a xunta promotora puxo de manifesto o interese social da actual Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, para a cal o posuidor real prevalecería sobre o titular rexistral que non tivera a posesión efectiva.

5º Considerando que os usos ou aproveitamentos dos veciños sobre os montes para os que se insta a clasificación repoboados polo propietario rexistral mediante consorcio con SNIACE e despois substituída esta empresa por ENCE, só se constatan a partir da declaración como veciñal en man común polo Xurado, coa data que se determina no 3º dos resultandos; usos que non foron nunca consentidos e si denunciados, carecendo polo tanto de ningún efecto posesorio de acordo co disposto nos artigos 441, 444, 445 e 446 do Código Civil conforme os cales as vías de feito non consentidas non afectan a posesión.

Estas consideracións veñen determina-lo cambio de criterio deste Xurado en canto á súa cualificación, deixando sen valor o que no seu día determinou na resolución do 7-3-1983.

6º Considerando que, conforme o 4º considerando, letras C e D, da sentencia do Tribunal Supremo do 20-3-1991, se pon de relevo que o Xurado «debe resolver en contemplación ou previo coñecemento dos datos e probas que aporte o actor, dada a trascendencia da clasificación e sen prexuízo de que estea reservada á xurisdicción ordinaria a competencia para decidir sobre a propiedade», e que «a posesión dos veciños alegada choca frontalmente coa presunción establecida no artigo 38 da Lei hipotecaria»; cousa que neste caso se reforza coa presunción «iures et de iure» do artigo 35 do mesmo corpo legal ó afirmar que «para os efectos da prescrición adquisitiva no favor do titular inscrito será xusto título a inscrición»; o cal, unido ó feito da plantación e cortas realizadas polas empresas coas que consorciaron os titulares, moi ben puidera dar lugar á «usucapio secundum tabulas» con anterioridade á entrada en vigor da primeira Lei de montes en man común.

Vistas as disposicións legais citadas, Lei 13/1989, do 10 de outubro, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais de xeral aplicación.

Por todo iso, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, nesta data, logo de votación de tódolos seus membros, coa salvidade do vocal representante das comunidades veciñais, José Manuel Caramés Franco, que manifesta a súa abstención.

Acorda que non hai lugar a pronunciarse sobre a cualificación como veciñais en man común dos montes Gatiñeiras, San Bartolomeu, Campo Dombalo, Pelón do Sobrado, Fonte do Barro, Brañas das Eguas, Chan do Cornado e Pedralonga, afectados polo presente expediente, por implica-lo neste formulado cuestión relativa ó dominio e situación posesoria de tales montes da competencia dos tribunais da xurisdicción ordinaria, a substanciar polos trámites do xuízo declarativo ordinario que corresponda.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó de publicación da presente resolución, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 1 de decembro de 1994.

Manuel Puente Araújo

Secretario

Vº Bº

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña