Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 20 de febreiro de 1995 Páx. 1.416

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de febreiro de 1995 pola que se anuncia procedemento para cambio de destino e reingresos a resultas do mesmo por profesores especiais de institutos técnicos de ensinanzas medias «a extinguir».

Vacantes os postos que se determinan no anexo I adxunto da presente orde, procede ofrecelos ós profesores especiais de institutos técnicos de ensinanzas medias, integrados no dito corpo por Real decreto 1.467/1988, do 2 de decembro, e que se atopan prestando servicios en centros situados no ámbito de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Por todo iso,

Esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria resolveu:

Primeiro.-Facer pública a relación de postos vacantes que se indican no anexo I desta orde, que poden ser cubertos polos profesores especiais de institutos técnicos de ensinanzas medias que reúnen os requisitos previstos na presente orde.

Asi mesmo, convócanse as vacantes que resulten da resolución do concurso de traslados.

Segundo.-Para os efectos de petición de centro, utilizaranse os códigos publicados nos anexos da orde do 6 de outubro de 1994 (DOG do 17), pola que se convoca concurso de traslados entre funcionarios docentes pertencentes ós corpos de profesores de ensinanza secundaria, profesores técnicos de formación profesional, profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos de música e artes escénicas, profesores de música e artes escénicas, profesores de artes plásticas e deseño e mestres de taller de artes plásticas e deseño.

Poderán optar voluntariamente ás prazas anunciadas nesta convocatoria dirixindo a súa instancia á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nos termos indicados na base décimo segunda, os funcionarios que se atopen nalgunha das situacións que se indican a continuación:

a) Os funcionarios que estean en situación de servicio activo con destino definitivo en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

b) Os funcionarios que se atopen en situación de servicios especiais.

c) Os funcionarios que estean en situación de excedencia voluntaria. Se se tratase do suposto de excedencia voluntaria por interese particular recollida no apartado c) do artigo 55 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública galega, só poderán participar se ó finaliza-lo curso escolar en que se realicen as convocatorias transcorresen dous anos desde que pasaron a esta situación.

Terceiro.-Para participar no presente proceso, os interesados deberán cubri-la instancia no modelo

que se xunta como anexo II da presente orde, consignando nela os centros que soliciten por orde de preferencia, especificando o código de centro, localidade e nome do centro, así como cantos datos se requiren nela. Xunto á instancia deberán achega-la documentación acreditativa dos méritos alegados na forma especificada no anexo III.

Cuarto.-As instancias, así como a documentación á que se refire o punto anterior, poderán presentarse no Rexistro Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e nos rexistros das súas delegacións provinciais ou en calquera das dependencias a que alude o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se optase por presenta-la solicitude ante unha oficina de correos, farase en sobre aberto, para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

O prazo de presentación de solicitudes e documentos será de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte á publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Non serán tidos en conta, nin por conseguinte valorados, aqueles méritos que os aspirantes aleguen e non acrediten suficientemente no prazo previsto de presentación de solicitudes.

Quinto.-A Dirección Xeral de Persoal baremará os méritos e procederá á adxudicación dos destinos, expoñendo a resolución provisional no taboleiro de

tódalas delegacións provinciais, na mesma data. As ditas adxudicacioóns realizaranse segundo as puntuacións obtidas polos participantes e tendo en conta a orde por eles establecida na súa petición de postos.

No caso de que se producisen empates no total das puntuacións, estas resolveranse atendendo sucesivamente á maior puntuación en cada un dos apartados do baremo, pola orde en que aparecen nel, e, se é o caso, pola maior puntuación nos subapartados seguindo igualmente a mesma orde.

Sexto.-Os participantes poderán presentar reclamacións á resolución provisional, a través do órgano en que presentaron a súa instancia de participación, no prazo de cinco días hábiles, contados a partir da data de exposición da dita resolución.

Sétimo.-Resoltas as reclamacións ás que se refirre o apartado anterior, a Dirección Xeral de Persoal procederá a elevar a definitiva a resolución provisional e á súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Os destinos obtidos na dita resolución serán irrenunciables, debendo os interesados incorporarse a eles ó comezo do curso 1995/96.

Oitavo.-Para a avaliación das solicitudes de reingreso, teranse en conta os méritos que en tempo e forma aleguen e xustifiquen dos especificados no anexo III da presente orde.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria