Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 20 de febreiro de 1995 Páx. 1.400

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 31 de xaneiro de 1995 pola que se aproba un programa rexional de axudas ás accións de desenvolvemento e ordenación dos bosques nas zonas rurais.

O Regulamento CEE nº 1610/1989 do Consello, do 29 de maio de 1989 establece unha serie de normas de desenvolvemento do Regulamento (CEE) nº 4256/1988 no relativo á acción de desenvolvemento e aproveitamento dos bosques nas zonas rurais da Comunidade.

A Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigos 27.10 e 27.30 do Estatuto de autonomía ten competencia exclusiva en materia de montes e aproveitamentos forestais, así como para dicta-las normas adicionais sobre protección do medio ambiente e da paisaxe.

Neste senso a Xunta de Galicia elaborou un programa de accións de desenvolvemento e ordenación de bosques nas zonas rurais da Comunidade Autónoma, co fin de consegui-los seguintes obxectivos:

a) Acadar unidades de explotación de tamaño viable que se consoliden como alternativa de renda á agricultura.

b) Conseguir unha estructurada equilibrada de masas arborizadas que permitan a continuidade do seu adecuado aproveitamento.

c) Consegui-la restauración de superficies desarborizadas ou con espesuras moi defectivas por efecto do lume forestal.

d) Mellora-las condicións de conservación da fauna e flora, de regulación do ciclo de auga e de recarga dos acuíferos.

e) Obter bosques con producción elevadas que posibiliten o desenvolvemento da industria de transformación da madeira e a consolidación e aproveitamentos complementarios.

Para a aplicación do regulamento citado e tras publicarse o R.D. 378/1993, do 12 de marzo, e Decreto 250/1993, do 24 de setembro, da Xunta de Galicia, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e a Secretaría Xeral de Estructuras Agrarias do MAPA subscribiron un convenio destinado ó financiamento de medidas de desenvolvemento de ordenación de bosques nas zonas rurais.

A aparición con posterioridade do Real decreto 2.086/1994, do 20 de outubro, polo que se modifican determinados preceptos do citado R.D. 378/1993, supón a alteración dos importes e algúns conceptos das axudas.

En consecuencia, do acordo co disposto na Lei 1/1993, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1.-Programa rexional.

De conformidade co disposto no Regulamento CEE nº 1610/1989 do Consello, do 29 de maio, e co artigo 4.1 do Regulamento CEE 2.080/1992 do Consello, do 30 de xuño, apróbase o Programa Rexional de Accións de Desenvolvemento e Ordenación de Bosques en Zonas Rurais para a Comunidade Autónoma de Galicia, tendentes a consegui-los obxectivos mencionados.

Artigo 2.-Ámbito de aplicación.

O disposto na presente orde será de aplicación para todo o territorio forestal da Comunidade Autónoma.

Artigo 3.-Programas de zona.

Establécense no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia dezanove zonas forestais tamén denominadas distritos. A delimitación e concellos que inclúe cada un veñen determinados no Plan Forestal de Galicia.

En cada distrito establécese un programa de zona segundo a fracción de bisbarras xeoforestais que conteña, no que as especies forestais que se empregarán en función productiva preferente, «especies índice», aparecen acompañadas dunhas series alternativas de especies forestais.

As especies índice e as series alternativas que corresponden a cada bisbarra xeoforestal detállanse nos anexos V e VI do Decreto 250/1993, do 24 de setembro, da Xunta de Galicia.

As axudas de reforestación recollidas neste programa concederanse en cada zona ás especies índice ou da serie alternativa correspondente. Excepcionalmente e de acordo co proxecto de repoboación forestal que ampare a solicitude, poderanse usar especies diferentes, sempre que se xustifique técnica, económica ou ambientalmente a súa utilización.

Artigo 4.-Actuacións obxecto de axuda.

1) Proxectos de ordenación, plans técnicos e proxectos de repoboación.

2) Creación e mellora de viveiros forestais.

3) Repoboación forestal en zonas rasas e con fracción de cabida cuberta menor do 30%.

4) Coidados culturais do solo (emendas, fertilización), e voo (roza, rareos, primeira clara, poda), tratamentos fitosanitarios e outros traballos silvícolas de mellora.

5) Restauración de masas arborizadas destruídas por lume ou outras causas naturais.

6) Construcción, conservación e mellora de vías de saca, devasas e puntos de auga.

7) Contribuír ós gastos de posta en marcha e xestión das agrupacións de empresarios forestais e silvicultores constituídas co fin de mellora-la súa estructura productiva e as condicións de explotación e comercialización da madeira.

8) Medidas de sensibilización e divulgación forestal.

9) Medidas de mellora das canles de comercialización de productos forestais.

Artigo 5.-Beneficiarios.

Poderán beneficiarse das axudas establecidas no presente programa:

1) Titulares de explotacións forestais, ben sexan persoas físicas ou xurídicas de dereito público ou privado.

2) Agrupacións formadas por titulares de explotacións forestais, xa sexan empresarios forestais, propietarios de montes ou silvicultores.

Para estes efectos requirirase como mínimo que cinco titulares de explotacións forestais se agrupen, sen necesidade de constituírse con personalidade xurídica, para a realización en común das seguintes actividades forestais:

a) Plantación se é o caso.

b) Mantemento e xestión da plantación ou masa preexistente.

c) Prevención e extinción do lume forestal.

d) Coidados culturais e tratamentos fitosanitarios.

e) Outros traballos silvícolas de mellora.

3) As comunidades titulares de montes veciñais en man común clasificados segundo a lexisiación vixente, terán a consideración de agrupacións forestais para os efectos de prioridade recollidas neste programa.

Artigo 6.-Prioridades.

Cando as solicitudes presentadas na Comunidade Autónoma de Galicia superen as dispoñibilidades orzamentarias, atenderanse as primeiras 50 ha por solicitante e ano de acordo coa seguinte orde de prioridades:

1) Solicitudes de agrupacións forestais para a mellora da estructura productiva a través da reordenación da propiedade en unidades agrupadas viables e da aplicación dun proxecto de ordenación.

2) Solicitudes de agrupacións forestais que inclúan reforestación de o menos dez ha.

3) Solicitudes individuais que inclúan reforestación de polo menos dez ha.

4) Solicitudes de agrupacións forestais que inclúan coidados culturais do voo ou restauración da estructura de masa e bosques queimados, para superficies de polo menos dez has.

5) Solicitudes individuais que inclúan coidados culturais do voo ou restauración da estructura de masa e bosques queimados, para superficies de polo menos dez ha.

6) Creación e mellora de viveiros forestais.

7) 0 resto das solicitudes adecuaranse de acordo co seguinte baremo de puntuación:

-Petición individual: 1 punto.

-Petición agrupación forestal: 2 puntos.

-ha de repoboación: 1 punto.

-ha de coidados culturais voo: 1 punto.

-ha de coidados culturais solo: 0,25 puntos.

-ha de tratamento fitosanitario: 0,5 puntos.

-km de construcción ou adecuación vías de saca: 1,5 puntos.

-km de construcción ou adecuación de devasa: 0,5 puntos.

-Unidade punto de auga con capacidade mínima de 50 metros cúbicos: 3 puntos.

As solicitudes de axuda para a posta en marcha e xestión das agrupacións de empresarios forestais, propietarios de montes e silvicultores, así como as de realización de campañas de sensibilización, divulgación e comercialización, tramitaranse logo de aprobación do programa pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, a través dun convenio de colaboración.

Artigo 7.-Superficies forestais excluídas.

1) A superficie mínima de actuación para os efectos da presente orde será de 1 ha en couto redondo, con independencia da superficie total da petición.

Poderá admitirse a solicitude conxunta de dous ou máis propietarios que teñan predios estremeiros, sempre que entre estas teñan unha superficie igual ou superior a unha hectárea e realicen os traballos cun mesmo criterio. Cando se trate de repoboacións, o compromiso de xestión conxunta durará polo menos seis anos.

Excepcionalmente poderán admitirse superficies maiores de 5.000 m cando as condicións estacionais do solo, clima, orientación e demais parámetros do medio físico aconsellen realizar plantacións con castiñeiro, nogueira, cerdeira e outras especies de madeira de calidade, explotadas a roldas medias ou longas.

Igualmente poderán admitirse solicitudes para realizar traballos en varios predios, maiores de 5.000 m cada un, non estremeiros sempre que pertenzan

ó mesmo propietario, estean situados na mesma parroquia, o conxunto deles sexa superior a tres hectáreas e sexan estremeiros con masa forestal xa creada.

2) En zonas cun procedemento de concentración parcelaria en execución soamente serán aprobables as axudas solicitadas para repoboación forestal en terreos xa adxudicados.

3) Os terreos cun proceso de expropiación iniciado non poderán beneficiarse das presentes axudas.

Artigo 8.-Importe das axudas.

O importe máximo das axudas, expresado en porcentaxe do orzamento aprobado de investimento será:

1.-Ata o 50% do orzamento aprobado cando se trate de actuacións comprendidas nas alíneas 1) e 3), do artigo 4 da presente orde.

2.-Ata o 75% cando se trate de actuacións comprendidas nas alíneas 4), 5) e 6) do artigo 4º.

3.-Ata o 40% cando se trate de actuacións comprendidas nas alíneas 2), 7) e 8) do artigo 4º.

4.-Cando se trate de masas forestais con máis do 75% de especies incluídas nos anexos II e III da presente orde, sumaranse dez puntos porcentuais.

5.-Cando as axudas estean incluídas nun proxecto de ordenación ou plan técnico do monte, sumaranse outros cinco puntos porcentuais.

6.-Cando se trate de terreos forestais desarborizados ou con fracción de cabida cuberta menor do 30%, engadiranse outros cinco puntos porcentuais.

7.-Cando as axudas estean acollidas ó punto 9 do artigo 4 da presente orde, o importe das axudas fixarase segundo proxecto técnico ou convenio subscrito coas agrupacións ou asociacións forestais.

Artigo 9.-Importe máximo dos investimentos.

Os importes máximos dos investimentos que poden ser obxecto das axudas previstas serán os seguintes segundo o tipo de acción:

1.-Proxectos de ordenación e plans técnicos.

Deberán obrigatoriamente ser asinados por técnico forestal competente e visado polo correspondente colexio oficial.

A axuda consistirá nunha prima por hectárea que dependerá da superficie do monte que se ordene, conforme a seguinte escala e cun máximo de 2.500.000 pesetas.

Pesetas por hectárea

-Menos de 200 ha 3.000

-De 200 a 400 ha 2.500

-De 401 a 1.000 ha 2.000

-Máis de 1.000 ha 1.500

2.-Repoboación forestal.

Nos seguintes máximos en función da especie empregada, poderanse incluí-los importes de redacción de proxectos de repoboación.

Pesetas por hectárea

-Especies de crecemento rápido 175.000

-Especies do anexo I:

* Na súa totalidade ou menos dun 25%

dos anexos II e III 210.000

* Cun mínimo dos anexos II e III

dos 25% 240.000

* Cun mínimo dos anexos II e III

dos 50% 270.000

* Cun mínimo dos anexos II e III

dos 75% 300.000

-Especies do anexo II 360.000

-Especies do anexo III 390.000

-Forestación de espacios protexidos con

especies dos anexos II e III de acordo

cos respectivos PORN ou PRUG

se é o caso 480.000

3.-Coidados culturais, tratamentos fitosanitarios e outros: 200.000 pesetas/ha.

4.-Construcción, conservación e mellora de vías de saca, devasas e puntos de auga.

-Vías de saca: 500.000 pesetas/quilómetro. En terreos accidentados pódese chegar a 1.500.000 pesetas/quilómetro, mediante xustificación en proxecto.

-Devasas: 20.000 pesetas por ha protexida dotada de creación ou conservación de devasas. O prezo máximo por ha construída ou conservada será de 100.000 pesetas.

-Puntos de auga: 100.000 por punto con capacidade igual ou superior a 50 metros cúbicos. Se é necesario a construcción de depósito de formigón a cantidade elevarase a 500.000 pesetas.

5.-Gastos de posta en marcha e xestión de agrupacións de empresarios forestais, propietarios de montes ou silvicultores, para mellora da estructura productiva: ata 10.000.000 de pesetas para programas anuais cun máximo de 5 anos.

6.-Programas de sensibilización e divulgación forestal: ata 10.000.000 de pesetas para programas anuais cun máximo de 5 anos.

Nestes dous últimos puntos, as cantidades mencionadas poderán ser incrementadas, no caso de poder acollerse ó artigo 16 do Decreto 250/1993, do 24 de setembro, da Xunta de Galicia.

Artigo 10.-Condicións técnicas dos investimentos.

1.-A concesión das axudas estará condicionada cando o orzamento aprobado de investimento sexa superior a 1.000.000 de pesetas á presentación do proxecto subscrito por técnico forestal competente e visado polo correspondente colexio oficial.

2.-Para orzamentos de investimento inferiores a 1.000.000 de pesetas, presentarase memoria técnica

na que se definan as accións obxecto de axuda, co rigor necesario para garanti-lo bo fin das accións, especificándose ademais do orzamento desagregado:

-Descrición do medio físico e vexetación actual.

-Titularidade da superficie e número de parcelas.

-Extensión, límites de actuación e localización.

-Método de repoboación forestal, de realización de coidados culturais, e descrición dos traballos.

-Densidade de plantación e tipo de planta que se vai utilizar.

-Garantía de orixe da planta forestal.

-Accións complementarias necesarias.

-Cartografía ou planos da superficie de actuación.

3.-Os proxectos de ordenación e plans técnicos deberán ser redactados por técnico forestal competente, visados polo correspondente colexio oficial e axustarse ó establecido na Lei de montes do 8 de xuño de 1957 e regulamento para a súa aplicación, así como as ordes ministeriais do 29 de decembro de 1970 e do 29 de xullo de 1971.

Así mesmo deberán ser aprobados pola Direccion Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

4.-Para orzamentos aprobados de execución superior a 5.000.000 de pesetas será necesaria a dirección de obras e certificación final por técnico forestal competente.

5.-Os proxectos de repoboación que afecten a unha superficie continua igual ou superior a dez hectáreas deberán incluír un plan de infraestructuras viarias e de defensa contra o lume que garanta a persistencia da masa a crear.

6.-Tódolos proxectos teñen que incluír planos oficiais a escala 1:10.000, con indicación da folla, para situa-los lindeiros dos eidos, sen prexuízo da utilización de escalas maiores máis adecuadas para a descrición dos traballos, na forma de planos municipais, catastrais ou calquera outro que permita identificar fidedignamente a localización, superficie, lindeiros, accesos e demais características dos terreos obxecto da subvención.

7) Nas memorias ou proxectos realizados para agrupacións forestais sen personalidade xurídica deberán constar de forma individualizada os traballos e orzamentos para cada un dos asociados.

8) As axudas destinadas á creación e mellora de viveiros forestais sen personalidade xurídica deberán obrigatoriamente presentar un proxecto no que consten as accións que se realizarán e en virtude do cal se valorará o orzamento de execución material.

Artigo 11.-Outras condicións técnicas.

1) As densidades mínimas de plantación, salvo xustificación en proxecto ou memoria técnica deberán se-las seguintes:

a) Resto coníferas: 800 plantas/ha.

b) Chopo híbrido: 200 plantas/ha.

c) Castiñeiro e nogueira: 200 plantas/ha.

d) Resto frondosas: 500 plantas/ha.

Tódolos labores de fertilización deberán realizarse para os efectos da presente orde con fertilizantes de aplicación localizada e liberación gradual, adaptados ás características edafolóxicas da zona de plantación, co fin de evita-la contaminación dos acuíferos e adecua-lo labor ás necesidades forestais, salvo xustificación en proxecto ou memoria técnica.

2) Especies que se utilizarán:

En cada zona forestal poderán ser obxecto de axuda as plantacións coas especies índice e series alternativas sinaladas nos anexos V e VI do Decreto 250/1993, do 24 de setembro.

3) Características da planta que se utilice.

Deberán observa-las normas de calidade exterior dos materisis forestais de reproducción, regulamentadas na Orde do 21 de xaneiro de 1989 do MAPA así como a Orde do 3 de agosto de 1994 da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. En calquera caso cumprirán os seguintes puntos:

a) Non será admisible a utilización de plantas con feridas non cicatrizadas, en mal estado fitosanitario, parcial ou totalmente desecadas, talo con varias guías ou insuficientemente lignificado, sistema radical enrolado ou deteriorado.

b) As coníferas e eucalipto deberán ter unha altura superior a 15 cm con 1-2 saibas. As frondosas terán polo menos 30 cm de altura e 1-2 saibas (salvo xustificación en proxecto ou memoria técnica).

c) Os viveiros e empresas comercializadoras deberán estar dados de alta no Rexistro Oficial de Productores, Comerciantes e Importadores de productos e vexetais forestais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, debendo figurar o seu número nas facturas correspondentes así como a orixe da semente.

4) As pistas forestais deben ter un largo mínimo de plataforma de 3 metros cun máximo de 5 metros e estaren dotadas de canos e foxos. A densidade máxima de pista a alcanzar con estas axudas será de 40 metros por hectárea, salvo xustificación en proxecto.

5) En canto ós puntos de auga que se instalen en superficies forestais non incluíbles en proxectos de repoboación para superficies superiores a 10 ha deberá xustificarse a súa necesidade e conveniencia mediante o correspondente informe favorable de viabilidade do Servicio Provincial de Defensa Contra Lumes Forestais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

6) Os tratamentos fitosanitarios en masas forestais afectadas por pragas e outras patoloxías deberán acadar unha superficie mínima de 25 ha formando masa continua ou rodais menores se estivesen suficientemente illados doutras masas arbóreas. Serán tramitadas as axudas para patoloxías concretas que requiran un tratamento específico de pés individuais con sinalamento previo.

Artigo 12.-Avaliación e control das repercusións sobre o medio ambiente.

As repoboacións forestais deben someterse a un estudio de avaliación do impacto ambiental cando sexan primeiras repoboacións que poidan entrañar riscos de graves transformacións ecolóxicas negativas.

No caso do eucalipto, será de aplicación o Decreto 81/1989 da Xunta de Galicia.

Para o resto das repoboacións, deberase cubri-lo cuestionario sobre as características básicas a referenciar nos proxectos e o cuestionario de avaliación de impacto ecolóxico en xeral, que se inclúen como anexo VII do Decreto 250/1993, do 24 de setembro.

Artigo 13.-Solicitudes e documentación.

1.-As solicitudes das axudas deberán ser cubertas nos modelos formalizados para o efecto e facilitados polos órganos periféricos da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. As devanditas solicitudes presentaranse nas oficinas daquela, nas súas delegacións provinciais ou na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e irán dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes.

2.-As carátulas debidamente cubertas deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

2.1.-En todo caso e para todo tipo de beneficiarios:

a) Documentos acreditativos da condición de beneficiario reflectidos no artigo 5º da orde:

a.1.-No caso de ser propietario dos terreos: fotocopia do título de propiedade ou declaración xurada do titular da propiedade. Na referida declaración farase constar: nome, apelidos e DNI do propietario, nome dos predios, superficie e lindeiros.

No suposto de que o terreo obxecto dos traballos sexa propiedade de varios copropietarios:

-Fotocopia dos títulos de propiedade ou declaración xurada de ser titular do terreo de cada copropietario e documento privado no que se acredite o consentimento de tódolos copropietarios e a representatividade do solicitante para realiza-la acción obxecto de subvención.

-No caso de que os terreos pertenzan a unha sociedade de gananciais: documento privado no que conste o consentimento de ámbolos cónxuxes para realiza-la acción obxecto da subvención.

a.2.-No caso de ser arrendatario: fotocopia compulsada do documento acreditativo do arrendamento. Se se tratase dunha repoboación, este habería de permitir tal actividade e ser por un período igual ou superior ó da rolda de corta da especie ou especies obxecto da repoboación.

a.3.-No caso de ser titular doutros dereitos compatibles coa plantación ou melloras. Documentación acreditativa:

-Documento notarial de cesión de uso e desfrute a favor do solicitante dos terreos obxecto da acción. Deberá consta-la duración da cesión e o seu obxecto.

b) Fotocopia do DNI, NIF ou CIF.

c) Memoria técnica ou proxecto, segundo as condicións reflectidas no artigo 12 do Decreto 250/1993 da Xunta de Galicia.

d) Croquis de situación dos predios, con indicación dos seus lindeiros, accesos e superficie.

e) Plano das superficies a traballar a escala 1:10.000, ou escala superior en forma de planos municipais, catastrais ou calquera outro que permita identificar fidedignamente a localización, superficie, lindeiros e demais características dos terreos obxecto da subvención.

f) Certificación bancaria na que figuren os datos da conta a nome do beneficiario; en caso de agrupacións informais, a referida certificación será a correspondente á agrupación e irá referida ó representante acreditado con sinatura recoñecida.

2.2.-Documentación complementaria segundo a natureza do beneficiario.

a) Comunidades de montes veciñais en man común e outras entidades con personalidade xurídica (SAT, SA, SL, UTM, etc.).

a.1.-Certificado de que os terreos nos que se vaian realiza-los traballos non son obxecto de consorcio ou convenio coa Administración forestal.

a.2.-Certificado do acordo tomado en asemblea xeral conforme autorizan a Xunta Rectora a solicitar axudas á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

a.3.-Certificado do secretario da Xunta de Montes de estaren os estatutos da comunidade en regra e acta de composición da Xunta Rectora actualizada.

b) Agrupacións forestais sen entidade xurídica.

b.1.-Acordo constitutivo da agrupación forestal informal, con mención expresa dos fins da dita agrupación, asinado por tódolos compoñentes, debendo esta-la sinatura recoñecida, no que se designe o representante e se faculte para exerce-la dita representación.

3.-Soamente poderá presentarse unha solicitude por beneficiario e ano para os terreos que se encontren nun mesmo concello. Non se admitirán a trámite os casos de varias peticións dun mesmo beneficiario ou de distintos membros dunha mesma explotación agraria cando os predios sobre os que se pretenda actuar se encontren situados no mesmo concello, salvo o expresado no punto 1 do artigo 7º da presente orde.

4.-No caso de agrupacións forestais sen entidade xurídica a responsabilidade do cumprimento dos compromisos establecidos no Decreto 250/1993, do 24 de setembro, será individual para cada membro.

5.-O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ó da publicación no DOG da presente orde e rematará ós cinco meses da referida data.

Artigo 14.-Tramitación.

1.-O conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes resolverá sobre a aprobación das axudas solicitadas, logo de proposta da Dirección Xeral de Montes e M.A.N., de acordo cos termos da presente orde.

2.-A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes comunicará no prazo de 90 días a aprobación e contía das axudas ou a denegación razoada da solicitude. A falta de comunicación no citado prazo entenderase desestimatoria da petición de axuda.

3.-O cambio de destino do investimento ou a súa modificación deberá ser xustificada e esixirá autorización previa da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

4.-Nos proxectos e memorias técnicas que, unha vez revisados polo persoal facultativo da Dirección Xeral de Montes e M.A.N., conteñan prezos de unidades de obra superiores ós habituais, ou non se correspondan co nivel de dificultade real, ou non estean debidamente xustificados será realizada a correspondente inspección previa, para a cal será citado o técnico asinante da memoria ou proxecto. En caso de que non queden fidedignamente demostradas as citadas alteracións, serán devoltos ó solicitante, para a súa modificación en prazo non superior a dez días hábiles. No caso de non modificarse nese prazo, procederase ó arquivo do expediente.

5.-Unha vez aprobado un proxecto, se a súa execución é plurianual, as peticións en anos sucesivos de axudas para accións previstas nel, bastará con que fagan referencia ó citado proxecto aprobado.

6.-A axuda definitiva será a resultante da certificación final por parte de persoal da Dirección Xeral de Montes e M.A.N.

Coa certificación poderase modificar á baixa a cantidade aprobada inicialmente, en caso de que os traballos non se axusten ós previstos en natureza ou intensidade, ou ás normas dictadas pola Dirección Xeral de Montes e M.A.N.

Artigo 15.-Comprobacións.

1.-Os gastos de execución das accións subvencionadas serán debidamente xustificados polo beneficiario, podendo tamén ser calculados mediante a valoración do número de unidades de obra realizadas e os prezos unitarios aprobados.

2.-En todo caso presentaranse facturas detalladas da planta utilizada e dos fertilizantes empregados. Así mesmo, serán necesarias facturas desagregadas en caso de axudas para a construcción ou mellora de devasas e construcción de pistas forestais e puntos de auga.

3.-Os traballos xa iniciados con anterioridade á inspección previa do terreo serán excluídos da proposta de aprobación.

A solicitude non implica ningún dereito para o peticionario, mentres non exista resolución favorable á petición.

4.-Os traballos xa iniciados con anterioridade á aprobación das axudas serán excluídos da certificación final.

5.-Os expedientes que non sexan aprobados por falta de dispoñibilidade económica serán arquivados, sendo precisa unha nova solicitude en anos sucesivos.

6.-O beneficiario comprométese en todo momento a facilita-las tarefas de inspección ó persoal da Con

sellería de Agricultura, Gandería e Montes en materia relacionada coa presente orde.

Artigo 16.-Prórrogas e anulacións.

1.-O prazo máximo de execución dos traballos será de seis meses a partir da data de aprobación. En casos xustificados, e logo de petición por escrito do interesado nos trinta días anteriores á finalización do prazo, poderase conceder unha prórroga non superior a dous meses, sempre que a normativa orzamentaria o permita.

2.-A axuda poderá anularse se se dá algún dos seguintes supostos:

a) Execución de menos do 40% das accións previstas, sen autorización previa ou causa xustificada de forza maior.

b) Prazo de execución superior a 6 meses desde a aprobación da axuda, sen prexuízo do expresado na alínea 1).

c) Modificacións graves das accións previstas, de forma que desvirtúen os obxectivos descritos na presente orde.

d) Por incumprimento das disposicións legais de aplicación, ocultar ou falsear datos ou destina-las axudas a fins distintos ós sinalados na solicitude.

Nestes supostos, a consellería reclamará directamente a devolución das cantidades aboadas en concepto de axudas, sen prexuízo das responsabilidades a que houber lugar.

3.-Nos casos de anulación ou minoración por certificación final das cantidades inicialmente aprobadas, as dotacións orzamentarias resultantes poderán ser adxudicadas a outros peticionarios de acordo coa relación de prioridades e orde establecida.

Artigo 17.-Financiamento.

As accións previstas na presente orde financiaranse por parte da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes con cargo á aplicación orzamentaria 09.09.614C.770 por un importe máximo de 449 millóns de pesetas que se desagregan do seguinte xeito: 399 millóns de fondos propios, aplicación orzamentaria 09.04.614C.770.00 e 50 millóna FEOGA, aplicación orzamentaria 09.04.614C.770.03. Os créditos FEOGA incorporaranse a medida que se xere crédito en virtude do convenio mencionado no preámbulo da presente orde.

Disposicións adicionais

Primeira.-As axudas concedidas na presente orde son incompatibles con outras subvencións de calquera Administración pública para as mesmas finalidades.

Segunda.-As solicitudes formuladas ó amparo da Orde do 16 de maio de 1994 ás que non lles foi concedida a subvención peticionada por falta de crédito poderán ser tidas en conta na presente convocatoria, sempre que así o faga consta-lo interesado.

Terceira.-As subvemións someteranse en tódolos seus extremos ó previsto no artigo 79 da Lei 11/1992,

do 7 de outubro, do réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Cuarta.-No suposto de que as accións previstas na presente orde non precisen para seren cubertas na súa totalidade o importe total máximo consignado inicialmente para elas, os remanentes de crédito poderán ser utilizados en atender solicitudes presentadas para os efectos establecidos na orde de axudas a medidas forestais na agricultura.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar tódalas disposicións complementarias co obxecto de desenvolve-la presente orde.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 1995.

Tomas Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes