Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 15 de febreiro de 1995 Páx. 1.271

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO DOUS DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

EDICTO de poxa (117/1993).

Eu, Salvador P. Sanz Crego, maxistrado xuíz do Xulgado de Primeira Instancia número dous de Santiago de Compostela, fago saber que neste xulgado se seguen autos de procedemento de xuízo executivo, baixo, o número 117/1992, por instancia de Financiera Seat, S.A., representada polo procurador Sr. García-Piccoli, contra José Hortas Román, nos cales se acordou sacar a pública poxa, por termo de vinte días, os bens que logo se dirán, coas seguintes condicións:

Primeira.-Sinalouse para que teña lugar o remate na primeira poxa o próximo día 31 de marzo, ás 11.30 horas, na sala de audiencia deste xulgado polo tipo de 6.300.000 pesetas.

Segunda.-Para o suposto de que resultase deserta a primeira, sinalouse para a segunda poxa o próximo día 26 de abril, ás 11.30 horas, na sala de audiencia deste xulgado, coa rebaixa do 25 por cento do tipo que o foi para a primeira.

Terceira.-Se resultar deserta a segunda, sinalouse para a terceira poxa o próximo día 22 de maio, ás 11.30 horas, na sala de audiencia deste xulgado, sen suxeición a tipo.

Cuarta.-Nas poxas primeira e segunda non se admitirán ofertas que non cubran o tipo correspondente.

Quinta.-Para tomar parte en calquera das tres poxas, tódolos licitadores -coa excepción do acredor demandante- deberán consignar previamente o 20 por cento do tipo para seren admitidos a licitación, calculándose esta cantidade na terceira poxa respecto ó tipo da segunda, suma que deberá consignarse na conta de depósitos e consignacións deste xulgado aberta no Banco de Bilbao Vizcaya, S.A., oficina principal desta cidade; deberá facilita-lo número do expediente ou procedemento seguinte: 1584-17-0117/1993, presentando o resgardo de ingreso.

Sexta.-Os títulos de propiedade dos inmobles poxados atópanse suplidos polas correspondentes certificacións rexistrais, que constan en autos, ó dispor do público na secretaría do xulgado, para que poidan examinalos os que desexen tomar parte na poxa, e enténdese que todo licitador os acepta como bastante, sen que poida esixir ningún outro, e que as cargas e gravames anteriores e os preferentes ó crédito do demandante, se os houber, continuarán subsistentes e sen cancelar, entendendo que o adxudicatario os acepta e queda subrogado na necesidade de satisfacelos, sen destinarse á súa extinción o prezo do remate.

Sétima.-Poderán facerse ofertas en prego pechado.

Oitava.-No caso de que se tivese que suspender calquera das tres poxas, trasládase a súa celebración á mesma hora para o día seguinte hábil dentro da semana en que se sinalase a poxa, suspendida.

Novena.-Devolveranse as consignacións efectuadas polos participantes á poxa, agás a que corresponda ó mellor ofertante, que se reservará en depósito como garantía do cumprimento da obrigación e, de se-lo caso, como parte do prezo da venda.

Décimo.-Se ata o mesmo momento da celebración da poxa o acredor o pedise, tamén poderán reservarse en depósito as consignacións dos participantes que así o acepten e que cubrisen coas súas ofertas os prezos da poxa, por se o primeiro adxudicatario non cumprise coa súa obrigación e desexasen aproveita-lo remate os outros ofertantes, sempre pola orde delas.

Décimo primeira.-O sinalamento do lugar, día e hora para o remate notificarase ó debedor no predio ou predios poxados e, de se-lo caso, a publicación dos presentes edictos serve como notificación dos sinalamentos.

Bens obxectos de poxa:

Vivenda, sita na planta sexta letra «B» do inmoble número 60 da rúa Julio Rodriguez Soto da vila do Carballiño (Ourense), denominado Los Cipreses, fai esquina a unha rúa sen rotular, por onde se sitúa o portal de entrada e acceso ás plantas altas destinadas a vivendas. O inmoble está composto por unha planta de soto, unha planta baixa, unha entreplanta e seis plantas altas. Figura inscrita no Rexistro da Propiedade do Carballiño, libro 76, tomo 387, folio 183, predio número 10.639, inscrición segunda. Importe da valoración: 6.300.000 ptas.

Dado en Santiago de Compostela, dous de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco.

Rubricado