Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 15 de febreiro de 1995 Páx. 1.236

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 41/1995, do 3 de febreiro, de creación da Comisión Galega de Obxección de Conciencia para a prestación social substitutoria do servicio militar.

A Constitución española sinala no seu artigo 30.2 que a lei regulará, coas debidas garantías, a obxección de conciencia, así como as demais causas de exención do servicio militar obrigatorio, podendo impoñer, se é o caso, unha prestación social substitutoria. Este dereito dos cidadáns, que vén especialmente protexido pola vía do artigo 53.2 da propia Constitución, desenvólvese na Lei 48/1991, do 26 de decembro, reguladora da obxección de conciencia e da prestación social substitutoria. O artigo 7 desta lei establece que a dita prestación social substitutoria se realizará preferentemente en entidades dependentes das administracións públicas, aínda que tamén se poderá levar a cabo en entidades privadas que reúnan certas condicións.

A Xunta de Galicia, que é competente segundo o Estatuto de autonomía nas materias en que se desenvolvan os programas de prestación social substitutoria coa única excepción dos programas de cooperación internacional, quere dar resposta á demanda social, especialmente no que atinxe ós mozos galegos que obxectaron ou queiran facelo e estean interesados en realiza-la prestación social en Galicia.

Conseguintemente, a presente disposición ten por obxecto establecer unha mínima estructura da Administración autonómica na materia, de tal xeito que, respectando as competencias que a Constitución lle outorga á Administración do Estado en relación coa obxeción de conciencia, se poida consegui-la debida colaboración entre ámbalas administracións e destas coa Administración local, tal e como vén sostendo a xurisprudencia do Tribunal Constitucional.

Xa que logo e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de febreiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1

1.-Créase a Comisión Galega de Obxección de Conciencia, adscita á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

2.-A Comisión Galega de Obxección de Conciencia realizará a avaliación e seguimento da prestación social substitutoria no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2

Son funcións da comisión:

a) Propoñerlle á Administración xeral do Estado as actividades e programas que sexan de interese preferente dentro de Galicia, para os efectos de que aquela determine os sectores en que prioritariamente deba desenvolverse a prestación social substitutoria.

b) Elabora-lo proxecto de concerto da Xunta de Galicia como entidade colaboradora, así como realiza-lo seu seguimento unha vez subscrito este.

c) Exame e aprobación, para a súa posterior remisión á Administración xeral do Estado, dos proxectos e programas que realicen as entidades públicas ou privadas que, tendo o seu ámbito de actuación no territorio de Galicia, pretendan recibir obxectores como colaboradores sociais para realiza-la prestación social substitutoria.

d) Cooperar coa Administración local e coas entidades colaboradoras en materia de prestación social substitutoria.

e) Impulsa-la información e asesoramento ós mozos sobre a forma de exerce-lo dereito á obxección de conciencia e sobre a realización da prestación social substitutoria.

f) Aquelas outras que lle poidan asignar en relación co obxecto do presente decreto.

Artigo 3

A comisión estará composta polos seguintes membros:

a) Presidente: o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

b) Vicepresidente: o director xeral de Xustiza e Interior.

c) Vocais:

-O secretario xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente.

-Un representante das seguintes consellerías da Xunta de Galicia, con rango de director xeral:

* Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

* Educación e Ordenación Universitaria.

* Agricultura, Gandería e Montes.

* Cultura.

* Sanidade e Servicios sociais.

* Familia, Muller e Xviventude.

-Un representante da Federación Galega de Concellos e Provincias.

-Un representante da Federación de Concellos Galegos.

-Un representante das universidades galegas, elixido por elas conforme as súas propias normas.

-Un representante do Consello Galego da Xuventude.

-Un representante da organización de obxectores de conciencia con maior implantación en Galicia.

d) Secretario: actuará como tal, con voz pero sen voto, o xefe do Servicio de Obxección de Conciencia da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

2.-Os membros da comisión serán nomeados polo conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, por proposta das consellerías e entidades respectivas.

Artigo 4

En razón dos asuntos a tratar, poderán convocarse para que asistan ás reunións da comisión, con voz pero sen voto, especialistas nas materias a que estes se refiran.

Artigo 5

1.-A comisión reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez ó semestre.

2.-Con carácter extraordinario poderá reunirse cando a convoque o presidente, ben a iniciativa propia ou por petición de polo menos un tercio dos vocais que a compoñen.

Artigo 6

A comisión poderá, por acordo dos seus membros, constituír grupos de traballo para o estudio e elaboración de propostas de materias ou aspectos determinados. A estes grupos asistirán os técnicos que sexan convocados pola comisión a través da secretaría.

Artigo 7

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais facilitaralle á comisión os medios persoais e materiais necesarios para o seu funcionamento a través do Servicio de Obxección de Conciencia, adscrito á Dirección Xeral de Xustiza e Interior.

Disposición adicional

Créase o Servicio de Obxección de Conciencia, adscrito á Dirección Xeral de Xustiza e Interior, ó que lle corresponde o exercicio das seguintes funcións:

1.-Elaborar e presentar propostas sobre as actividades e programas que sexan de interese preferente para Galicia, para os efectos da prestación social substitutoria.

2.-Elabora-lo borrador de concerto da Xunta de Galicia como entidade colaboradora e realiza-lo seu seguimento puntual unha vez subscrito este, cos labores de xestión e inspección que o mesmo supoña.

3.-Emitir informe sobre os proxectos e programas presentados polas entidades públicas ou privadas que, tendo o seu ámbito de actuación no territorio de Galicia, pretendan recibir obxectores como colaboradores sociais.

4.-Realizar labores de información, colaboración e apoio ás administracións locais así como ó resto das entidades colaboradoras.

5.-Informa-los mozos sobre a forma de exerce-lo dereito á obxección de conciencia e á realización da prestación social substitutoria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-No non previsto neste decreto, o réxime de funcionamento da comisión será o establecido para os órganos colexiados pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Xustiza, Inte

rior e Relacións Laborais para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Santiago de Compostela, tres de febreiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Relacións Laborais