Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 14 de febreiro de 1995 Páx. 1.221

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 1995 pola que se adxudican as aportacións de capital privado na empresa xestora da Planta de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia.

Por resolución da Consellería de Industria e Comercio do 15 de novembro de 1994 convocouse o concurso público para a adxudicación das aportacións de capital privado na empresa xestora da Planta de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia.

Vistas as ofertas presentadas por Técnicas de Protección Ambiental, S.A. (T.P.A.), Técnicas Medioambientais, S.A. (TECMED); da agrupación de empresas constituída por Cubiertas y MZOV, S.A., RWE Ibérica de Saneamento, S.A. e Consulting Técnico do Noroeste, S.A. (COTECNO); da agrupación de empresas constituída por Abengoa, Borg Service, S.A., José Malvar Gonstruccións, S.A. e Terraire, S.A. e da agrupación de empresas constituída por Macovit Sociedade de Investimentos, S.A., Protección Medioambiental, S.L. e Waste Management España, S.A.

Vistos os informes emitidos pola Dirección Xeral de Industria para a resolución do concurso,

RESOLVO:

Adxudicar á agrupación de empresas constituída por Waste Management España, S.A., Protección Medioambiental, S.L. e Macovit Sociedade de Investimento, S.A. o citado concurso público.

As empresas adxudicatarias comprométense conxunta e solidariamente a subscribi-lo 90% do capital reflectido no artigo 5º dos estatutos sociais (cen millóns de pesetas) da empresa mixta Sociedade Galega de Residuos Industriais, S.A. e a levar a cabo a xestión da Planta de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia.

Conforme a oferta presentada e seguindo o punto 7 das bases polas que se rexe o concurso que agora se resolve, a adxudicación das aportacións na citada empresa mixta distribúese da seguinte forma:

Waste Management España, S.A.: 51%

Protección Medioambiental, S.L.: 14%

Macovit Sociedade de Investimentos, S.A.: 25%

Total: 90%

No prazo de 30 días contados desde a notificación da presente resolución, deberase proceder á constitución e inscrición no Rexistro Mercantil da sociedade de xestión Sociedade Galega de Residuos Industriais, Sociedade Anónima.

Para asegura-lo cumprimento das obrigas contractuais, a empresa xestora deberá constituír, no prazo de 15 días contados desde a súa constitución, unha fianza de 15 millóns de pesetas en metálico, títulos de débeda pública ou mediante aval bancario. Dentro deste mesmo prazo, deberase solicita-la correspondente autorización de xestor de residuos tóxicos e perigosos.

No prazo de 30 días contados desde a obtención da correspondente autorización procederase á formalización do contrato entre a empresa Sociedade Galega de Residuos Industriais, S.A. e a Consellería de Industria e Comercio, conforme o disposto no artigo 70 da Lei de contratos do Estado.

O incumprimento do establecido nos apartados precedentes ou de calquera outra obriga contida nas bases polas que se rexe o concurso público que agora se resolve por causas imputables á agrupación de empresas adxudicatarias, a Consellería de Industria

e Comercio declarará resolto o concurso con perda da fianza depositada.

Contra a presente resolución, que é definitiva en vía administrativa, poderá interponerse, se é o caso, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á súa publicación, logo de comunicación a esta consellería, conforme o establecido no artigo 57.2 da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 27 de decembro de 1956.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 1995.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio