Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 13 de febreiro de 1995 Páx. 1.184

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 1 de febreiro de 1995 pola que se clasifica como científico-sanitaria a fundación Instituto Galego de Oftalmoloxía.

Visto o expediente de clasificación da fundación Instituto Galego de Oftalmoloxía, con domicilio en Santiago de Compostela, no edificio do antigo Hospital Provincial, na rúa Galeras, sede hoxe do Hospital Xeral de Galicia.

Supostos de feito.

1. Que José Manuel Romay Beccaría, en nome e representación da Comunidade Autónoma de Galicia, en escrito do 17 de xaneiro de 1995, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2.-Que a fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o día 23 de decembro de 1994 ante o notario do Colexio da Coruña Juan José Ecenarro y Anzorandia, co número tres mil catrocentos seis do seu protocolo, por José Manuel Romay Beccaría, en nome e representación da Comunidade Autónoma de Galicia.

3.-Que, segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, a fundación ten xenericamente por obxecto a prestación de servicios especializados de consultoría, planificación, avaliación e prestación de servicios oftalmolóxicos de alta complexidade, docencia e investigación.

4.-Que o padroado da fundación estará constituído polo presidente, vicepresidente-director executivo, dez vocais, o director-técnico da fundación e o secretario.

5.-Que a comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevou ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como científico-sanitaria da fundación Instituto Galego de Oftalmoloxía, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1 e 2 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como científico-sanitaria e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1.-Que o artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e que o artigo 27.26 do

Estatuto de autonomía para Galicia lle outorga competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2.-Que, de acordo co disposto no artigo 32.2.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e, a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3.-Que, á vista do que antecede, se poden considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 30 de xaneiro de 1995.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como centífico-sanitaria a fundación Instituto Galego de Oftalmoloxía, adscribíndoa á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública