Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 09 de febreiro de 1995 Páx. 1.129

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 1995, da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, pola que se incoa expediente para a delimitación do contorno da igrexa de Santa María de Pesqueiras, concello de Chantada (Lugo).

Polo Decreto do 16 de outubro de 1950, Boletín Oficial del Estado do 15 de novembro, foi declarado ben de interese cultural con categoría de monumento histórico artístico a igrexa de Santa María de Pesqueiras, concello de Chantada (Lugo).

Sendo a devandita declaración anterior á entrada en vigor da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, cómpre na actualidade concreta-la delimitación do seu contorno.

En consecuencia, e vistos os informes dos servicios técnicos e órganos consultivos, favorables á incoación do expediente para a delimitación do contorno da igrexa de Santa María de Pesqueiras, concello de Chantada (Lugo), esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Ter por incoado expediente para a delimitación do contorno da igrexa de Santa María de Pesqueiras, concello de Chantada (Lugo).

Protexer este monumento e a zona afectada pola incoación, sendo a súa delimitación a seguinte:

«O punto 1 da liña de delimitación do contorno da igrexa de Santa María de Pesqueiras queda definido na desembocadura do regato de Barcelos.

Continúa, seguindo ladeira arriba, a canle de regato ata o punto 2, situado sobre o eixe dun camiño.

Tomando sobre ese eixe dirección norte, chégase ó punto 3, encontro do camiño mencionado con outro que conduce á igrexa.

Desde o punto 3 a liña percorre un sinuoso camiño que salva a pronunciada pendente desta parte de terreo, ata chegar ó punto 4, situado no encontro deste co camiño que conduce á aldea de Vidal.

A partir deste punto toma dirección sur e percorre o eixe do camiño ata a aldea de Outeiro no encontro do eixe desta estrada cun camiño que se dirixe ó Leste.

Segue nesta dirección polo eixe do camino ata o punto 6, no que o abandona para discorrer polas estremas sur das parcelas catastrais 776 e 1.619 ata atopa-lo punto 7 situado no eixe dun camiño, eixe polo que continúa a liña de delimitación, tomando dirección leste ata o punto 8.

A partir deste punto volve a percorrer estremas de parcelas catastrais: estremas sur das 848, 847, 846, 845 e 844; estremas leste das 844, 843, 818, 317, 812 e 810; ata chegar ó punto 9, situado no punto de máximo nivel de represa.

A liña de delimitación cérrase unindo este punto co 1 seguindo a liña de máximo nivel das augas da represa de Belesar.

Segundo.-Segui-la tramitación do expediente segundo as disposicións vixentes.

Terceiro.-Dar traslado da resolución ó alcalde de Chantada (Lugo) e notificarlle que o outorgarnento das novas licencias de obras e a execución das xa concedidas antes de incoarse o expediente precisarán resolución favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental.

Cuarto.-Notifica-la presente resolución ó arcebispo de Lugo, ó Rexistro de Bens de Interese Cultural do Ministerio de Cultura, e ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

Quinto.-Que a presente resolución sexa publicada no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, abríndose un período de información pública de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte á súa publicación, no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 1995.

Ángel Sicart Giménez

Director xeral do Patrimonio Histórico e

Documental