Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 09 de febreiro de 1995 Páx. 1.125

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 2 de xaneiro de 1995 pola que se convocan bolsas a persoas físicas para proxectos no campo da promoción cultural a creación literaria en galego, as artes escénicas e musicais e as artes da imaxe.

Un dos fins da Consellería de Cultura é a de apoia-los novos creadores galegos na realización de traballos de investigación e na realización de cursos en calquera das diversas manifestacións da creación cultural: música, danza, creación literaria en lingua galega, promoción cultural, artes escénicas e da imaxe.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convócanse bolsas a persoas físicas destinadas a proxectos de investigación e estudio de manifestacións culturais, de creación literaria en lingua galega para novos creadores e cursos de formación non regrada no campo da imaxe, e as artes escénicas e musicais, con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.353.D.480 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

Artigo 2. A contía de cada bolsa non poderá excede-la cantidade de 500.000 (cincocentas mil) pesetas.

Artigo 3. No caso daqueles proxectos que a xuízo da consellería puideran ter carácter plurianual, esta poderá comprometer outras fases da realización do proxecto, ó abeiro do disposto no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 4.

4.1. Poderán optar a estas bolsas as persoas físicas, con residencia en Galicia, que demostren a súa capacidade no campo da creación literaria, a súa actividade investigadora, ou a súa dedicación ás artes escénicas e musicais ou ás artes da imaxe.

4.2. Non poderán solicitar aquelas que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura e non xustificasen o seu investimento.

4.3. No caso daqueles traballos en equipo, terán que ser solicitados polo seu director ou coordinador, indicando na memoria nome e apelidos dos outros compoñentes.

Artigo 5. As persoas ás que se refire o artigo 4 que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, segundo modelo que figura como anexo desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Cultura ou nos rexistros das súas delegacións provinciais, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

-Fotocopia do documento nacional de identidade, tarxeta de identificación fiscal e currículum vitae do solicitante.

-Memoria explicativa do proxecto que se pretenden realizar, acompañado do seu orzamento con expresión das axudas solicitadas ou, concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados indicándose ademais se é un traballo en equipo e membros que o compoñen, reseñando o director ou coordinador do traballo.

-No caso de bolsas para a matrícula nun centro de formación, xuntarase a acreditación de que o solicitante foi aceptado polo centro correspondente.

-Os creadores literarios xuntarán memoria do proxecto que incluirá un fragmento significativo da obra.

Artigo 6. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Cultura e o director xeral de Cultura elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Cultura quen resolverá, dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 7. Na valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

A) Importancia e interese do proxecto presentado.

B) Currículum vitae do solicitante.

C) No caso dos traballos de investigación valorarase a inexistencia doutros traballos similares e a súa repercusión no mundo da cultura.

D) No caso dos proxectos de formación e perfeccionamento valorarase a continuidade do proxecto

e a asistencia a centros de formación de recoñecido prestixio.

E) No caso dos creadores literarios terase en conta a orixinalidade e calidade literaria do proxecto presentado.

F) Valoraranse positivamente os proxectos de interese presentados por equipos de traballo.

Artigo 8.

8.1. Os beneficiarios das bolsas, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

8.2. Unha vez concedida a subvención e aceptada polo solicitante, librarase a cantidade adxudicada, de acordo co establecido na normativa orzamentaria que sexa aplicable.

8.3. Os proxectos subvencionados deberán estar rematados e xustificados antes do 1 de novembro do exercicio orzamentario do que se trate, debendo presenta-lo beneficiario, por duplicado, xustificación do gasto. Cando se trate de proxectos de investigación ou, creación literaria, achegará unha copia do traballo.

8.4. No caso de que os proxectos de creación ou investigación sexan publicados, farase constar que o autor recibiu unha bolsa da Consellería de Cultura, Dirección Xeral de Cultura, utilizando a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia, cumprindo coa normativa vixente esixida para o depósito legal.

Artigo 9. No caso de que o beneficiario da bolsa incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 10. De non notificarse resolución favorable no prazo de tres meses a partir da presentación da solicitude, entenderase desestimada a petición correspondente podendo o solicitante a partir desta data retira-la documentación presentada nos 30 días seguintes. Transcorrido este prazo arquivarase sen máis trámite.

Disposicións derradeiras

Primeira. Facúltase o director xeral de Cultura para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda. Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 1995.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

Sr. Director Xeral de Cultura