Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 31 de xaneiro de 1995 Páx. 901

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 21/1995, do 27 de xaneiro, polo que se concede autorización á Escola de Negocios Caixavigo para imparti-los estudios correspondentes ó título «Bachelor in Business Administration» conforme o sistema vixente noutro país e conducente á obtención de títulos non homologados cos do sistema educativo español.

A constitución española do 27 de decembro de 1978, (BOE do 29 de decembro de 1978), no seu artigo 27.6 recoñece ás persoas físicas e xurídicas a liberdade de creación de centros docentes dentro do respecto ós principios constitucionais.

No ámbito da Administración estatal e polo que afecta ós estudios universitarios, regúlase esta materia a través do Real decreto 557/1991, do 12 de abril (BOE nº 95, do 20 de abril), desenvolvida pola Orde do 26 de maio de 1993 (BOE nº 130, do 1 de xuño).

Pola súa banda, os artigos 9 e 10 do Decreto 259/1994, do 29 de xullo (DOG do 16 de agosto de 1994), polo que se establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorizacións de estudios na Comunidade Autónoma de Galicia, teñen en conta a posibilidade de concede-la autorización para o establecemento dun centro estranxeiro e a de autorización de estudios de nivel universitario conducentes á obtención de títulos conforme a sistemas vixentes noutros países e non homologados cos títulos do sistema educativo español.

Para concede-la autorización para impartir estes estudios, comprobouse que o expediente presentado pola entidade promotora Escola de Negocios Caixavigo cumpre os requisitos precisos esixidos polo Decreto 259/1994, do 29 de xullo, téndose comprobado, en particular, que a citada entidade garante e xustifica eses requisitos e os niveis de calidade esixibles respecto da ratio profesor/alumno, dos espacios, e da continuidade dos estudios, sendo posible, por tanto, considerar que o nivel de cumprimento neste expediente é suficiente para os efectos de concede-la autorización.

Na súa virtude, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG nº 23, do 21 de marzo de 1983), reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG nº 208, do 28 de outubro de 1988), por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe do Consello Universitario de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1. Autorización de estudios.

Concédese autorización á Escola de Negocios Caixavigo, con sede social na Avda. de Madrid nº 60, de Vigo (Pontevedra), para que ó abeiro do Decreto 259/1994, do 29 de xullo, e de acordo co convenio

de compromiso académico asinado pola Escola de Negocios Caixavigo e a Universidade de Gales, se impartan a partir do curso 1994-1995, na cidade de Vigo e dentro dos locais establecidos para o efecto na sede social da escola, os estudios correspondentes ó título «Bachelor in Business Administration», conforme o sistema educativo vixente noutro país e que conduce á obtención de título superior non homologado academicamente cos títulos universitarios do sistema educativo español.

Artigo 2. Validez dos estudios.

Tal como consta no convenio de compromiso académico asinado entre a Escola de Negocios Caixavigo e a Universidade de Gales, os estudios autorizados terán a validez académica da citada universidade. O título de «Bachelor in Business Administration» que se obteña non terá nin o carácter oficial nin a validez en todo o territorio nacional que o artigo 28.1 da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, atribúe ós títulos universitarios españois establecidos polo Goberno por proposta do Consello de Universidades.

Artigo 3. Implantación progresiva.

Autorízase a efectiva impartición do primeiro curso dos estudios ós que se refire o artigo primeiro deste decreto. A implantación progresiva dos seguintes cursos esixirá, antes do comezo do respectivo curso, a autorización mediante orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; para este fin, a entidade promotora deberá xustificar e especificar previamente, ante a consellería, a contratación de profesores mantendo as ratios de calidade e de profesor/alumno sinalado no expediente así como os requisitos relativos ós espacios.

Artigo 4. Tempo de funcionamento.

A Escola de Negocios Caixavigo deberá manter en funcionamento o programa de estudios aprobado pola Universidade de Gales, polo menos durante o período mínimo necesario que permita remata-los seus estudios ós alumnos que, con aproveitamento normal, iniciaron o «Bachelor in Business Administration» ó abeiro desta autorización.

Artigo 5. Inspección.

1. Para os efectos previstos no artigo 31 do Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria inspeccionará o cumprimento, por parte da Escola de Negocios Caixavigo, das normas que sexan de aplicación e das obrigas que teñen que sumir.

2. A Escola de Negocios Caixavigo colaborará cos órganos competentes da devandita consellería na tarefa de inspección, facilitando a documentación e o acceso ás súas instalacións que lles sexan requiridos.

3. A Escola de Negocios Caixavigo comunicará e solicitará da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a autorización para todas cantas modificacións puideran producirse respecto dos estudios autorizados, nas normas de organización e funcionamento ou na súa situación patrimonial, respecto ó establecido no expediente de solicitude. Así mesmo, a escola comunicará a regulamentación

específica de bolsas de investigación e ó estudio que poña en marcha.

4. Se pola súa conta, logo do inicio das ensinanzas autorizadas, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria apréciase que a Escola de Negocios Caixavigo incumpre os requisitos esixidos polo ordenamento xurídico, e en especial polo decreto 259/1994, do 29 de xullo, ou os compromisos adquiridos ó solicita-la autorización, requirirá á escola para que se normalice a situación. Transcorrido o prazo concedido sen que a devandita Escola de Negocios Caixavigo atenda o requirimento, e logo de audiencia á entidade, logo do informe do Consello Universitario de Galicia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá revoga-la autorización.

Disposición adicional

A autorización de estudios quedará sen efectos no caso de que a súa efectiva impartición non tivera a validez académica de primeiro curso completo para a Univesidade de Gales. Igualmente caducará a autorización, se se revogara esta, por ausencia do cumprimento dos requisitos previstos legalmente.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemto do presente decreto.

Segunda.

O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria