Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 27 de xaneiro de 1995 Páx. 867

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 19 de xaneiro de 1995 pola que se convocan unhas xornadas de estudio sobre a Unión Europea, as Comunidades Autónomas e o principio de subsidiariedade.

Dentro das actividades da Escola Galega de Administración Pública para 1995 figura a realización dunhas xornadas de estudio sobre «A Unión Europea, as Comunidades Autónomas e o principio de subsidiariedade», en colaboración coa Asociación Galega de Estudios Europeos (AGEE) e a Fundación Galicia-Europa.

1.-Obxecto.

Os días 16 e 17 de febreiro de 1995 terán lugar no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública unhas xornadas de estudio sobre «A Unión Europea, as Comunidades Autónomas e o principio de subsidiariedade».

Nesta actividade trataranse, entre outros, os seguintes temas:

-Orixe, significado e campo de aplicación do principio de subsidiariedade.

-O principio de subsidiariedade no dereito e a práctica da UE. Posición da Comisión e do Parlamento.

-Subsidiariedade e poderes comunitarios.

-Os estados fronte ó principio de subsidiariedade: a posición española.

-As entidades locais e rexionais fronte ó principio de subsidiariedade.

-Subsidiariedade e descentralización política.

-O principio de subsidiariedade e a Administración única.

2.-Destinatarios.

Persoal ó servicio de calquera das administracións públicas de Galicia e interesados na materia obxecto desta actividade.

3.-Desenvolvemento e duración.

As xornadas abriranse o xoves, día 16 de febreiro, ás 16.15 horas, e rematarán ás 18.15 horas da tarde, do 17 de febreiro de 1995.

4.-Inscrición.

-Prazo: remata o martes, día 13 de febreiro de 1995.

-Lugar de presentación: no Rexistro Xeral da EGAP (Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15703 Santiago de Compostela). Telf. 57 08 00. Telefax 57 15 40.

-Forma: as solicitudes de inscrición faranse por escrito, no modelo oficial que figura ó final destas bases.

Serán rexeitadas todas aquelas peticións que non reúnan o dito requisito.

As peticións de admisión poderanse enviar por correo ordinario ou por telefax ó número consignado.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán de quedaren prazas baldeiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

O número de prazas para asistir a estas xornadas é limitado e darase preferencia ó persoal vinculado á Administración pública, que, no seu traballo, teña relación directa co obxecto desta actividade.

A partir do 14 de febreiro, os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono en días laborables, de 11.30 a 14.45 horas, ó seguinte número: (981) 57 08 00 (ext. 229), ou ben consultando a lista de admitidos que se expoñerá no taboleiro de anuncios da EGAP 24 horas despois do remate do prazo de presentación de solicitudes.

5.-Certificación de asistencia.

Entregaráselles ó remate destas xornadas a aqueles asistentes que concorresen asiduamente a elas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 1995.

Xaime Rodríguez-Arana Munoz

Director da Escola Galega de Administración Pública