Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 27 de xaneiro de 1995 Páx. 860

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 11 de xaneiro de 1995 pola que se regulan as axudas para a reestructuración do viñedo en Galicia.

A necesidade de mellora-los viños galegos obriga a dispoñer de viñedos constituídos por variedades de calidade adecuada, e en atención a aquelas explotacións ás que polas súas condicións de dimensións lles é dificil acollerse a plans de mellora de carácter integral e que constitúen a gran maioría dos viticultores galegos, é preciso arbitrar unha liña de axuda que cubra estas necesidades.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30º 1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente.

DISPOÑO:

Artigo 1.

Poderán acollerse ás axudas que regula a presente orde aqueles agricultores que, cumprindo a lexislación vixente en materia de plantacións, substitucións e replantacións, desexen substituí-los seus viñedos constituídos por variedades non preferentes por variedades autóctonas ou preferentes.

Así mesmo, poderán acollerse os agricultores que teñan por obxectivo renova-los seus viñedos envellecidos ou os que pretendan cambia-lo marco de plantación mellorando a súa productividade.

Artigo 2.

Serán subvencionables as seguintes actividades:

Preparación do terreo incluíndo a arrinca de cepas. Considerarase así mesmo a fertilización de fondo, a desinfección e as emendas.

Adquisición da planta, que deberá realizarse en viveiro autorizado.

Instalacións de postes, arames e demais material necesario para a plantación.

Artigo 3.

Teren preferencia á hora de solicitar estas axudas os seguintes agricultores:

Os que teñan a actividade agraria como actividade principal.

Os que teñan a súa explotación en zonas de denominación de orixe ou productoras de viña da terra.

Artigo 4.

A porcentaxe máxima de subvención será do 40% do investimento auditable. Esta porcentaxe incrementarase en 10 puntos se a explotación radica en zona desfavorecida.

Artigo 5.

No caso de que o solicitante non sexa agricultor a título principal, o importe máximo da subvención

será do 30% ou do 24% do investimento segundo a explotación radique ou non en zona desfavorecida.

A superficie máxima subvencionable corresponderá a unha plantación de 2 hectáreas e 500 metros cadrados será o mínimo de superficie atendible.

As solicitudes para acollerse ás axudas que inclúe a presente orde presentaranse en impreso normalizado, nas oficinas locais ou provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes antes do 30 de agosto de 1995, utilizando o modelo do anexo I.

A solicitude deberá ir acompañada da correspondente autorización da plantación.

O Servicio Provincial de Axudas Estructurais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes proporalle á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias a aprobación das subvencións.

As solicitudes formuladas ó amparo da Orde do 17 de marzo de 1994, de axudas para a restructuración do viñedo en Galicia ás que non lles foi concedida a subvención solicitada serán tidas en conta na presente convocatoria, salvo indicación do interesado en sentido contrario dirixida ó Servicio Provincial de Axudas Estructurais. A tramitación dos expedientes continuará desde o trámite no que se atopaba ó termo do exercicio anterior.

Artigo 6.

As melloras aprobadas deberán estar realizadas antes do 30 de novembro de 1995. O beneficiario comunicará esta circunstancia, antes da citada data, nas oficinas da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes xuntando as facturas e xustificantes do investimento, para que, efectuadas as comprobacións oportunas, a delegación provincial proceda a efectua-la correspondente proposta de aboamento.

Artigo 7.

Este programa financiarase con cargo ós conceptos orzamentarios 09.03.614-A.776.00 e 09.03.614A.776.03, «Reestructuración e reconversión do viñedo», dotados con 19.250.000 e 50.750.000 ptas., respectivamente, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agraria e Industrias Agroalimentarias para dicta-las normas precisas para a aplicación da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 1995.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes