Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 27 de xaneiro de 1995 Páx. 852

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 25 de xaneiro de 1995 pola que se establecen as condicións da emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 21.000 millóns de pesetas.

O Consello da Xunta, polo Decreto 152/1994, do 2 de xuño, autorízalle ó conselleiro de Economía e Facenda a formalización durante 1994 de operacións de endebedamento ata un importe que non supere o límite máximo do artigo 24.1 da Lei de

orzamentos para ese ano. Estas operacións poderanse formalizar de maneira fraccionada en función das necesidades de financiamento da Comunidade Autónoma e poderán levarse a cabo mediante a emisión de débeda pública, a concertación de créditos ou calquera outro instrumento financeiro dispoñible no mercado, de natureza semellante. O Consello así mesmo, dispón que o conselleiro de Economía e Facenda fixará o tipo de xuros e as demais características ás que terán que axustarse as citadas operacións de endebedamento e facúltano para que dicte as disposicións necesarias para tal efecto.

De acordo coa habilitación legal anteriormente mencionada e unha vez obtida a autorización establecida no artigo 14 apartado 3 da Lei, orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, mediante acordo do Consello de Ministros do 16 de setembro de 1994 formalizouse o 21 de decembro de 1994 unha operación de préstamo sindicado con opcións de mobilización en obrigacións por importe máximo de 21.000 millóns de pesetas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo un:

Dar publicidade ás condicións das obrigacións que se poñen en circulación como consecuencia da primeira mobilización do préstamo convertible do 21 de decembro de 1994.

Artigo dous:

Esta emisión realízase baixo a forma de obrigacións da Xunta de Galicia representada mediante anotacións en conta, ó amparo do artigo 55 da Lei 24/1988, de xullo, do mercado de valores e terá as seguintes características:

-Importe nominal das obrigacións emitidas: 10.000 millóns de pesetas.

-Nominal dos títulos: 100.000 pesetas.

-Tipo de emisión: á par, libre de gastos para o subscritor.

-Data da emisión: 2 de febreiro de 1995.

-Prezo de emisión: 100% do valor nominal para as obrigacións emitidas nesta primeira opción de mobilización.

-Data de desembolso da primeira mobilización: 2 de febreiro de 1995. As obrigacións que se emitan nas subseguintes mobilizacións engadiranse ás emitidas nesta primeira mobilización para formar unha única emisión.

-O tipo de xuro nominal anual, pagadoiro por anualidades vencidas, será o 12,20% e será o mesmo para tódalas restantes opcións de mobilización. Os cupóns anuais vencerán o 2 de febreiro de cada ano, baseándose nun ano de 365 días. O primeiro

cupón liquidarase o 2 de febreiro de 1996 polo número de días naturais realmente transcorridos desde a data de desembolso das diferentes mobilizacións e sobre os seus importes correspondentes.

-Data da amortización, á par coincidindo co quinto aniversario da data da emisión, con posibilidade para os posuidores de optar pola renovación da subscrición por outros cinco anos, e nas condicións que se determinarán nese momento por orde desta consellería, tomando como referencia a TIR da débeda pública do Estado máis próxima ó prazo de 5 anos.

-Subscrición: directamente polas entidades aseguradoras, actuando no nome propio ou por conta de terceiras persoas.

-Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións cá débeda pública do Estado.

-Pago de xuros: a Xunta de Galicia pagará ó seu vencemento os xuros polo seu importe líquido. Se o posuidor é un investidor non residente que non opere en España mediante establecemento permanente, procederase á devolución de oficio das retencións practicadas, segundo procedemento establecido na resolución da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro desta consellería, do 22-10-1993 (DOG 8-11-1993).

-Cotizacións: solicitarase a inscrición desta débeda pública á Central de Anotacións de Débeda Pública do Banco de España na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, Lei do mercado de valores, Reais decretos 505/1987, do 3 de abril e 1009/1991, do 21 de xuño, O.O.M.M. do 19 de maio de 1987 e 31 de decembro de 1991 e os demais preceptos legais que as desenvolven.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 1995.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda