Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 26 de xaneiro de 1995 Páx. 825

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 18 de xaneiro de 1995, da Dirección Xeral de Transportes, pola que se convocan probas de constatación da capacitación profesional para o exercicio das actividades de transportistas por estrada, axencia de transporte de mercadorías, transitario e almacenista-distribuidor; e a modalidade excepcional para o transporte internacional de viaxeiros e mercadorías.

A Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 1.211/1990, do 28 de setembro, determinan que para o exercicio das actividades de transportistas de viaxeiros e mercadorías por estrada, de axencia de transporte de mercadorías, transitario e almacenista-distribuidor, será necesario acreditar previamente o cumprimento do requisito de capacitación profesional. Para estes efectos, e de conformidade co establecido na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, pola que se delega na Comunidade Autónoma de Galicia a competencia para a convocatoria, realización e avaliación das probas e posterior expedición do título, procede convocar aquelas, así como determina-las datas de celebración das probas e dos tribunais que as avaliarán.

A Orde ministerial do 7 de outubro de 1992 (BOE nº 249, do 16 de outubro), de desenvolvemento do capítulo primeiro do título II do regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, sobre condicións previas para o exercicio das actividades de transportista e auxiliares e complementarias do transporte, modifican o réxime das probas para a obtención da capacitación profesional, refundindo nun só exercicio as probas específicas para o acceso á capacitación profesional de axencia de transporte, de transitario e de almacenista-distribuidor, e unificando as probas de capacitación de transporte interior e internacional.

Sen embargo, para adecua-lo réxime anterior á normativa actual, é necesario establecer un sistema excepcional, previsto na disposición transitoria primeira da orde, para que poidan acceder á capacitación profesional para transporte internacional aqueles que unicamente a teñan para transporte nacional, de xeito que non se lles obrigue a face-lo novo modelo de exame, que abarca materias propias da capacitación profesional de transporte nacional e internacional.

Por iso a convocatoria prevé o sistema excepcional sinalado, ademais das probas referidas ás tres modalidades actualmente vixentes de acceso á capacitación profesional (1.-Transporte interior e internacional de viaxeiros; 2.- Transporte interior e internacional de mercadorías; e 3.- As distintas actividades auxiliares e complementarias do transporte).

Na súa virtude, de conformidade coas previsións contidas na Lei 16/1987 e Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, Real decreto 1.551/1988, do 23 de decembro (BOE nº 311, do 28 de decembro), Real decreto 1.211/1990, do 28 de setembro (BOE nº 260, do 30 de outubro) e Orde ministerial do 7 de outubro de 1992 (BOE nº 249, do 16 de outubro) e de acordo coa autorización conferida pola orde da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas do 8 de xuño de 1989 (DOG nº 119, do 22 de xuño);

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócanse probas de capacitación profesional para o exercicio das actividades de transportista por estrada, de axencia de transporte de mercadorías, transitario e almacenista- distribuidor, e de transportista na súa modalidade de transporte internacional, de acordo coas seguintes,

BASES

Primeira.-Ámbito das probas.

Convócanse probas de constatación da capacitación profesional para o exercicio das actividades de transportista de viaxeiros e de mercadorías por estrada, común para o transporte interior e internacional; de axencia de transporte de mercadorías, transitario e almacenista-distribuidor; e de transporte de viaxeiros e de mercadorías na súa modalidade de transporte internacional; que se celebrarán na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.- Exercicios.

-Os exercicios de que constarán as probas, a súa estructura e forma de cualificación serán as establecidas na orde do Ministerio de Obras Públicas e Transportes do 7 de outubro de 1992 (BOE nº 249, do 16 de outubro), reguladora das probas citadas.

Os exercicios de capacitación para transportistas de viaxeiros e mercadorías por estrada, axencia de transporte, transitario e almacenista-distribuidor, versarán sobre o coñecemento das materias incluídas no programa que figura como anexo B da Orde ministerial do 7 do outubro de 1992 (BOE nº 249).

Terceira.-Solicitudes.

As instancias nas que se solicita tomar parte nas probas debidamente cubertas, de conformidade cos modelos que se xuntan a esta orde (anexo I-Sistema ordinario e anexo II-Sistema excepcional), presentaranse no Rexistro Xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, sita no edificio administrativo de San Caetano, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios previstos no disposto na vixente Lei de procedemento administrativo, no prazo de un mes a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

As solicitudes deberán xuntarse á fotocopia do DNI e o impreso de taxa auto-liquidación correspondente á Administración da 4ª folla, se é o caso, cando se produzan as circunstancias regulamentariamente previstas que posibiliten presentarse ás probas, nun lugar distinto a aquel en que o solicitante teña o seu domicilio habitual, dos documentos acreditativos das devanditas circunstancias.

Cuarta.-Dereitos de exame.

De conformidade co artigo 21.2 da Lei 13/1991, do 9 de decembro (DOG nº 241, do 13 de decembro) e Lei 6/1994, do 29 de decembro (DOG nº 251, do 30 de decembro de 1994), os dereitos de exame establécense na cantidade de dúas mil duascentas corenta e cinco pesetas (2.245 ptas.), por cada unha das actividades mencionadas ás que cada interesado se presente, e ingresaranse despois de cubri-los impresos de taxas (CONSELLERIA DE: PTOPV, COD.: 06, DELEGACIÓN DE: SSCC COD.: 13, SERVICIO DE: TRANSPORTES-COD. 02, DENOMINACIÓN: DEREITOS DE EXAME CAPACITACIÓN, CLAVE: 31.01.06) que se poderán obter nos servicios centrais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, nos servicios provinciais de Transportes ou nas delegaciones provinciais da citada consellería.

Quinta.-Tribunal, datas e lugar dos exames:

1. O tribunal cualificador das probas estará constituído polos seguintes membros:

Presidente: Juan Carlos Villarino Tejada, director xeral de Transportes.

Presidente suplente: Javier García de Bidegain, subdirector xeral de Ordenación do Transporte.

Vocais:

Juan Girán Astray, subdirector xeral de Inspección e Sancións.

José Ignacio Domínguez Pedrosa, xefe do Servicio Provincial de Transportes de Ourense.

David González Coalla, xefe de Servicio, da Subdirección Xeral de Inspección da Dirección Xeral de Transportes.

Vocais suplentes: Antonio Lage González, xefe do Servicio Provincial de Transportes de Lugo.

Mª Cruz Tomé Navas, xefa do Servicio Provincial de Transportes de Pontevedra.

Gonzalo López González, xefe do Servicio Provincial de Transportes da Coruña.

Secretaria: Mª del Carmen Campos Nuño de La Rosa, xefa de negociado, Dirección Xeral de Transportes.

Secretario suplente: Pilar Méndez Vázquez, xefa de negociado, Dirección Xeral de Transportes.

Para os efectos do disposto no artigo 26 dor Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG nº 106, do 1 de xuño), o tribunal avaliador das probas cualificarase como de primeira categoría.

2. Calendario e horario.

Día 25 de marzo

Axencias de transporte de mercadorías, transitario e almacenista-distribuidor.

09,00 h. Apelidos comprendidos entre os que comezan por «A» ata os que comezan por «Li», ambos inclusive.

11,00 h. Apelidos comprendidos entre os que comezan por «LO» ata os que comezan por «Z», ambos inclusive.

Día 6 de maio

Común interior e internacional de viaxeiros e mercadorías.

9,00 h. Apelidos comprendidos entre os que comezan por «A» e os que comezan por «E», ambos inclusive.

Específico interior e internacional de mercadorías.

10,15 h. Apelidos comprendidos entre os que comezan por «A» e os que comezan por «E», ambos inclusive.

Específico interior e internacional de viaxeiros.

12,15 h. Apelidos comprendidos entre as letras «A» e «E», ambas inclusive.

Día 13 de maio

Común interior e internacional de viaxeiros e mercadorías.

9,00 h. Apelidos comprendidos entre os que comezan por «F» e os que comezan por «Li», ambos inclusive.

Específico interior e internacional de mercadorías.

10,15 h. Apelidos comprendidos entre os que comezan por «F» e os que comezan por «Li», ambos inclusive.

Específico interior e internacional de viaxeiros.

12,15 h. Apelidos comprendidos entre as letras «F» e «Li», ambas inclusive.

Día 21 de maio (domingo)

Común interior e internacional de viaxeiros e mercadorías.

9,00 h. Apelidos comprendidos entre os que comezan por «LO» e os que comezan por «P», ambos inclusive.

Específico interior e internacional de mercadorías.

10,15 h. Apelidos comprendidos entre os que

comezan por «LO» e os que comezan por «P», ambos inclusive.

Específico interior e internacional de viaxeiros.

12,15 h. Apelidos comprendidos entre as letras «LO» e «P», ambas inclusive.

Día 4 de xuño (domingo)

Común interior e internacional de viaxeiros e mercadorías.

9,00 h. Apelidos comprendidos entre os que comezan por «Q» e os que comezan por «Z», ambos inclusive.

Específico interior e internacional de mercadorías.

10,15 h. Apelidos comprendidos entre os que comezan por «Q» e os que comezan por «Z», ambos inclusive.

Específico interior e internacional de viaxeiros.

12,15 h. Apelidos comprendidos entre as letras «Q» e «Z», ambas inclusive.

MODALIDADE EXTRAORDINARIA:

Día 1 de abril

Internacional de mercadorías

10,00 h. Apelidos comprendidos entre as letras «A» e «Li», ambas inclusive.

Internacional de viaxeiros

11,00 h. Apelidos comprendidos entre as letras «A» e «Li», ambas inclusive.

Día 22 de abril

Internacional de mercadorías

10,00 h. Apelidos comprendidos entre as letras «LO» e «Z», ambas inclusive.

Internacional de viaxeiros

11,00 h. Apelidos comprendidos entre as letras «LO» e «Z», ambas inclusive.

3.-Lugar. Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela, r/ Xoán XXIII, s/n, Santiago de Compostela.

Sexta.-Domicilio e requisitos dos aspirantes:

1.-Os aspirantes deberán presentar ó tribunal correspondente no momento do comezo dos exercicios o orixinal do seu documento nacional de identidade, debendo esta-lo domicilio que figure neste incluído no ámbito territorial ó que se estenda a actuación do devandito tribunal.

2.-Cando se produzan cambios de domicilio que non sexa posible reflectir no DNI, o domicilio poderase xustificar mediante un certificado de empadroamento expedido polo correspondente concello. Cando se trate de persoas que estean prestando o servicio militar fóra do seu lugar de residencia poderán presentarse a probas nun lugar distinto deste, se presentan o orixinal do certificado expedido para o efecto polo xefe da súa respectiva unidade.

3.-As persoas que xustifiquen te-lo seu domicilio

en territorio estranxeiro poderán concorrer ás probas perante o tribunal que coiden conveniente, ó presenta-la correspondente solicitude na Dirección Xeral de Transportes da Comunidade Autónoma na que este actúe.

Sétima.-Convocatoria ordinaria:

O solicitante que desexe examinarse de unha das dúas modalidades de transporte (viaxeiros ou mercadorías) e posúa as capacitacións profesionais para o transporte interior e internacional da outra de acordo co réxime anterior, será eximido do exame común para o transporte interior e internacional de viaxeiros e mercadorías, sempre que así o xustifique cumpridamente mediante a presentación de fotocopia compulsada dos seus recoñecementos.

Oitava.-Convocatoria extraordinaria:

1.-As persoas que xa sexan titulares de autorizacións, de transporte deberán xustificar na súa solicitude a titularidade de concesións ou autorizacións de transporte, coa antigüidade requirida na Lei 16/1987, para o recoñecemento da capacitación profesional para o transporte interior.

A xustistificación farase mediante a presentación coa solicitude de fotocopia compulsada de, polo menos, unha das autorizacións de transporte que acredite o cumprimento das condicións esixidas.

2.-As persoas que xa teñan recoñecida a capacitación profesional deberán xustificar na súa solicitude o cumprimento dese requisito, mediante a presentación de fotocopia compulsada do recoñecemento.

3.-As persoas que realizasen a dirección efectiva da empresa de transporte non se lles presumirá a posesión da capacitación profesional mentres non sexa formalmente recoñecida de acordo coa tramitación establecida polo Ministerio de Obras Públicas e Transportes.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 1995.

Juan Carlos Villarino Tejada

Director xeral de Transportes