Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 25 de xaneiro de 1995 Páx. 817

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ANUNCIO do 20 de decembro de 1994, da Delegación Provincial da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de declaración de urxente ocupación de bens e dereitos afectados polas instalacións eléctricas que se indican, a prol da entidade mercantil Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. (Expediente número 52.887).

De conformidade co disposto no artigo 31 do Regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2.619/1966, do 20 de outubro, sométese a información pública a solicitude de Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con enderezo na rúa Fernando Macías nº 2, 15004 A Coruña, de declaración de urxente ocupación para a expropiación forzosa e imposición de servidumes de paso, sobre os bens e dereitos que se afectan pola instalación da liña eléctrica a 15/20 kV e centro de transformación en Braña da Serra, no concello de Santa Comba.

A declaración de utilidade pública, en concreto, das devanditas instalacións, que foi outorgada con data do 17 de xuño de 1994, leva implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens ou a adquisición dos dereitos afectados, así como a imposición

da servidume de paso de enerxía eléctrica, segundo o artigo 14.1 do Decreto 2.619/1966.

En consecuencia, calquera persoa, dentro dos quince días seguintes ós da publicación deste anuncio, que se inserirá no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da provincia, no xornal El Correo Gallego e no taboleiro de edictos do concello de Santa Comba, e os interesados propostos como titulares dos predios afectados contidos na relación que se xunta, ós que se lles practicará notificación individual, cos que non foi posible o mutuo acordo, en igual prazo, conforme o artigo 16 do Decreto 2.619/1966, poderán aportar por escrito os datos oportunos para rectificar posibles erros na devandita relación, así como formula-las alegacións en razón do disposto nos artigos 25 e 26 do decreto. Para tal efecto estará exposto o expediente cos planos de situación e parcelario das instalacións nesta delegación, sita no edificio administrativo de Monelos, 15071 A Coruña, en horas de oficina.

Cando os interesados neste procedemento sexan descoñecidos, se ignore o lugar da notificación ou o medio que permita ter constancia da recepción, a notificación farase conforme dispón o artigo 59.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (Lei 30/1992, do 26 de novembro).

En todo caso os propietarios afectados poderán solicitar a través deste organismo expropiante que o peticionario lles facilite os demais datos que consideren precisos para a identificación dos seus bens, segundo o artigo 15 do Decreto 2.619/1966.

A Coruña, 20 de decembro de 1994.

Juan I. Lizaur Otero

Delegado provincial da Coruña