Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 25 de xaneiro de 1995 Páx. 798

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 16 de xaneiro de 1995 pola que se establecen axudas para dotacións e adquisición de equipos e maquinaria para a defensa contra incendios forestais durante o ano 1995.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, coa colaboración de tódolos sectores e axentes socioeconómicos implicados, e co fin de minorar ó máximo as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais provocan sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e producción dos nosos montes, así como sobre a fauna, a flora e a paisaxe de Galicia, considera necesario continua-la súa política de defensa contra os incendios forestais.

Por todo isto, e de acordo co establecido no artigo 30.I.3. do Estatuto de autonomía para Galicia e no Real decreto 1.535/1984, do 20 de xuño, polo que se transfiren á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servicios en materia de conservación da natureza, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 12/1989, do 4 de outubro,

DISPOÑO:

Obxecto, órgano competente e conxunto de axudas

Artigo 1º.-Establécense as axudas que os distintos axentes sociais e institucionais poderán percibir para a defensa contra os incendios forestais, de acordo coas seguintes liñas:

Liña I.-Contratación de persoal para cuadrillas, vixilancia móbil e funcionamento de vehículos motobomba. Dotación de equipos de persoal, de medios complementarios para cuadrillas de extinción de incendios e para vixilancia móbil.

Liña II.-Adquisición de maquinaria e os seus complementos para rozas.

Artigo 2º.-Condicións xerais:

Para o conxunto de axudas, os interesados solicitarán a súa concesión baixo as seguintes condicións:

lª) Deberán presenta-la solicitude antes de comeza-lo servicio ou de merca-los equipos ou maquinaria.

2º) En caso de ser concedida a subvención, o seu pagamento será feito unha vez realizado o servicio, e a compra de equipos ou maquinaria, sen prexuízo dos anticipos que para cada caso se establecen nos artigos que seguen.

3º) Cando as axudas consistan nunha porcentaxe do orzamento do servicio, ou subministración, o total da axuda calcularase segundo o orzamento apreciado e aprobado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

4º) O persoal e medios incluídos na liña I, deberán estar en perfecto funcionamento na data que se estableza pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, no escrito de aprobación que se remita.

5º) A maquinaria que se subvenciona deberá estar mercada antes do día 15 de agosto de 1995.

Liña I. Subvención para contratación de persoal para cuadrillas, vixilancia móbil e funcionamento de vehículos motobomba. Dotación de equipos de persoal e de medios complementarios para cuadrillas de extinción de incendios e para vixilancia móbil.

Artigo 3º.-Actividades subvencionables.

As actividades, accións ou materiais que se subvencionarán e os importes das axudas sobre orzamento aprobado serán as seguintes:

1. Vixilancia móbil e cuadrillas de extinción. Comprende:

-Contratación de persoal, incluída seguridade social. Subvención: ata o 70%.

-Alugueiro de vehículos «todo terreo» de transporte. Subvención: ata o 70%.

-Adquisición de equipo de radio-comunicación. Subvención: ata o 70%. (Para aqueles solicitantes que non recibiran subvención por este concepto anteriormente).

-Compra de ferramenta e material de equipo. Subvención: ata o 50%.

-Batelumes. Subvención: ata o 100%.

-Vestiario ignífugo e equipo de seguridade persoal. Subvención: ata o 50%.

2. Funcionamento de vehículos motobomba.

Comprende tanto a contratación do persoal necesario para o manexo dos vehículos operativos en accións contra incendios, como a dispoñibilidade do propio vehículo. Subvención: ata o 100%.

Artigo 4º.-Anticipos.

Por petición dos solicitantes, poderanse conceder anticipos nos termos previstos na lexislación aplicable.

Artigo 5º.-Colaboración e ámbito de actuación.

1. As cuadrillas de extinción que se formen ó abeiro desta orde quedarán funcionalmente á disposición do Servicio de Defensa contra Incendios Forestais (SDCIF) da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, no seu municipio, e integraranse no despregue previsto polo citado servicio, debendo estar convenientemente dotadas de medios de comunicación por radio integrables no sistema de comunicacións do Servicio.

Ó mesmo tempo, estarán obrigadas a colaborar na extinción en calquera ámbito territorial cando sexan requiridas polo SDCIF.

O incumprimento desta esixencia será motivo de anulación parcial ou total da subvención, mediante resolución razoada do mesmo órgano que a concedeu.

2. A concesión de axudas para patrullas móbiles e cuadrillas de extinción, estará concidionada por unha distribución territorial adecuada ós recursos, sexan do Servicio de Defensa contra Incendios Forestais ou sexan de terceiros.

3. As cuadrillas de extinción terán que estar localizadas en lugares previamente acordados polo bene

ficiario e o SDCIF. Así memo deberá acordarse, previamente, o horario de traballo.

4. Os concellos que soliciten a subvención para o funcionamento de vehículos motobomba deberán poñe-los vehículos ó dispor do Servicio de Defensa contra Incendios Forestais, integrándoos no dispositivo provincial de loita contra os incendios forestais, de acordo co plan INFOGA-95, nunha quenda de traballo de polo menos 8 horas diarias. Esta subvención aplicarase soamente os días nos que o vehículo estea operativo.

5. A actividade subvencionada comezará na data que determine a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural ó aproba-la subvención, para as axudas que contemplen a contratación de persoal: cuadrillas de extinción, vixilancia móbil e funcionamento dos vehículos motobomba.

6. Calquera modificación na localización ou composición do persoal contratado deberá ser comunicada ó Servicio de Defensa contra Incendios Forestais para o seu coñecemento.

Artigo 6º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas:

1.-Concellos e entidades locais menores (ELM).

2.-Comunidades de veciños (CV), comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC), sociedades agrarias de transformación (SAT), cooperativas, asociacións forestais (AF) legalmente constituídas, agrupacións de defensa forestal (ADF), persoas físicas e empresas con personalidade xurídica; nestes dous últimos casos os interesados deberán acreditar documentalmente a súa participación na actividade forestal. A subvención, nestes casos, virá condicionada pola existencia de, polo menos, unha superficie de monte a defender de 250 ha. En todo caso os solicitantes deberán acreditar documentalmente a representación que ostentan.

Cando os citados beneficiarios non alcancen, por si mesmos, a superficie mínima esixida, poderán solicita-la subvención en agrupación.

3.-No caso de que os beneficiarios estean legalmente constituídos en agrupacións, asociacións, xuntas, etc., deberán achegar certificado do acordo; tomado en asemblea, no que soliciten as axudas económicas para executa-las accións propostas.

Liña II. Subvención para adquisición de maquinaria e os seus complementos para rozas.

Artigo 7º.-Maquinaria e complementos subvencionables.

1. A maquinaria que se subvencionará e os importes das axudas sobre orzamento aprobado, será:

-Rozadoras remolcadas de cadeas, de martelos ou de coitelos, excluído tractor. Subvención: ata o 50%.

-Rozadoras de martelos, cadeas, etc. de mando hidráulico sobre tractor ou arrastradas, excluído tractor. Subvención: ata o 50%.

2. Poderán ser beneficiarios desta subvención os mesmos que figuran sinalados no artigo 6º.

3. Homoxeneidade e integración:

-A compra dos equipos, materiais e maquinaria deberá facerse previa presentación ós Servicios de defensa contra Incendios Forestais, de polo menos tres ofertas ou facturas proforma.

-A natureza, marco e modelo dos equipos, materiais e maquinaria que se vaian mercar deberá te-la conformidade da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, baseada en criterios de eficacia, coordinación, homoxeneidade e integración.

Primas, prezos, solicitudes, prazos e obrigas dos solicitantes.

Artigo 8º.-Cando o solicitante teña aprobado pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural un plan de defensa contra incendios forestais, a axuda incrementarase nun 10%.

A porcentaxe final da subvención total con cargo a esta ou outra normativa non poderá supera-lo 100% do orzamento aprobado para as axudas que se establecen na presente orde.

No anexo desta orde figura unha relación de prezos que se aplicará para valora-las accións, equipos ou subministracións. Estes prezos son indicativo para o titular da solicitude e obrigatorios como tope máximo na aplicación polos Servicios de Defensa contra Incendios Forestais para a aprobación dos orzamentos.

Artigo 9º.-As solicitudes deberán presentarse en impreso normalizado que facilitarán os Servicios de Defensa contra Incendios Forestais nas súas oficinas provinciais ou comarcais, utilizando o modelo adxunto a esta orde. A presentación das solicitudes poderá realizarse en calquera lugar dos previstos polo artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes.

Artigo 10º.-O prazo de presentación de solicitudes para a concesión das axudas será de 60 días naturais contados a partir da entrada en vigor da presente orde.

Mediante resolución motivada da Dirección Xeral de Montes e M.A.N., da que se dará publicidade no DOG, poderán ser ampliados os citados prazos.

Artigo 11º.-A aprobación da subvención implicará o compromiso dos solicitantes de executa-las accións indicadas nas condicións propostas. A execución das actividades obxecto de axuda deberán realizarse na extensión e co orzamento indicado no impreso de solicitude. Unha realización da acción subvencionada un 50% inferior á proposta, suporá a anulación da subvención concedida, logo da valoración dos técnicos dos Servicios de Defensa contra Incendios Forestais.

Artigo 12º.-A organización e materialización das actividades subvencionadas será responsabilidade exclusiva do beneficiario.

Artigo 13º.-Os gastos de execución das accións subvencionadas serán debidamente xustificadas polo beneficiario, mediante a presentación de facturas, documentos TC da Seguridade Social, contratos e demais documentos acreditativos da xustificación do investimento. O prazo para a aportación de xustificantes das accións realizadas, obxecto da subvención, rematará o 30 de novembro.

O órgano xestor poderá rebaixa-la contía das subvencións se non se adaptasen ós prezos de mercado ou á calidade prevista.

Artigo 14º.-As accións previstas nesta orde financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 09.04.422-C-760.00 e 09.04.422-C-770.00, dotadas nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995 con seiscentos setenta millóns de pesetas (670.000.000 de ptas.) e oitenta millóns de pesetas (80.000.000 de ptas.), respectivamente.

Disposicións adicionais

Primeira.

As axudas contidas nesta orde son compatibles con outras subvencións de calquera Administración pública para as mesmas finalidades, agás as concedidas ó amparo do Real decreto 1.887/1991, modificado polo Real decreto 62/1994, do 21 de xaneiro, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total do orzamento aprobado.

A concesión doutra subvención compatible, distinta da regulada pola presente orde, obriga ó beneficiario a facer declaración dela perante a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, independentemente da fase na que se atope o trámite da solicitude presentada á citada consellería.

Segunda.

As solicitudes formuladas ó amparo da Orde do 24 de marzo de 1994, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, ás que non lles foi concedida a subvención solicitada por falta de crédito, poderán ser tidas en conta na presente convocatoria, sempre que así o faga consta-lo interesado.

Terceira.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural realizará a aprobación, se é o caso, do orzamento e do importe da correspondente subvención e comunicaralle ó peticionario a oportuna resolución. A aprobación deberá realizarse, se é o caso, nun prazo máximo de tres meses a partir da data límite para a presentación das solicitudes.

O beneficiario, unha vez recibida a resolución de aprobación citada no anterior parágrafo, e trala realización das accións, ou das adquisicións correspondentes, comunicaralle ó Servicio Provincial de Defensa contra Incendios Forestais que corresponda o seu remate.

Realizadas as comprobacións oportunas polos citados servicios, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes procederá ó pagamento do importe da subvención executada. Con independencia da súa contía, e antes de proceder ó seu cobramento, os beneficiarios das subvencións terán que acreditar, se é o caso, que se encontran ó día das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñan pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Cuarta.

No caso de non recaer resolución expresa nun prazo máximo de tres meses a partir da data límite para

a presentación das solicitudes, entenderase desestimada a solicitude.

Quinta.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar cantas disposicións fosen precisas para o desenvolvemento e execución da presente orde.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 1995.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

ANEXO

PREZOS MÁXIMOS QUE SE APLICARÁN PARA

VALORAR ORZAMENTOS DE PERSOAL,

EQUIPOS E MAQUINARIA

Unidade

Descrición

Prezo máximo

aplicable

en pesetas

XornalContratación por xornada de 8 ho-

ras e con dedicación plena durante

elas para cuadrillas de extinción

e patrullas móbiles, incluído se-

guros:

Concellos.-Réxime xeral

Resto.-Réxime xeral

5.170

5.170

DíaAlugueiro de vehículo todo terreo

de 9 prazas para cuadrillas de ex-

tinción ó día

3.950

DíaPuncionamento vehículo moto-

bomba só conductor

9.650

DíaFuncionamento vehículo moto-

bomba conductor e axudante

13.850

UnidadeEquipo de radio-comunicación160.000

UnidadeBatelumes de caucho con mango2.625

UnidadeFerramenta forestal3.150

UnidadeEquipamento completo individual

de protección (camisa, pantalón,

botas, casco, máscara, gafas)

24.250

UnidadeCaixa de urxencias de primeiros

auxilios

4.510

UnidadeRozadora remolcada360.000

UnidadeRozadora de mando hidráulico e

brazo sobre tractor

2.300.000