Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 25 de xaneiro de 1995 Páx. 795

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 11/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regula o réxime de percepción do complemento específico para o persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde e se establecen os prazos para formular solicitudes e renuncias.

O complemento específico establécese, no ámbito do persoal estatutario, a través do Real decreto-lei 3/1987, do 11 de setembro. A súa percepción lígase, pola normativa vixente de incompatibilidades e sempre que o seu importe supere o trinta por cento das retribucións básicas, excluída a antigüidade, ó exercicio ou non da prestación de servicios en réxime de exclusividade ó sector público.

No ámbito da Comunidade Autónoma e con respecto ó persoal funcionario ó servicio dela o Decreto 165/1989, do 17 de xullo, permite optar entre prestar servicios en réxime de dedicación exclusiva ou dedicación normal, renunciando, polo tanto, á percepción do complemento específico.

Por contra, en relación co persoal estatutario, trala transferencia do Insalud á Comunidade Autónoma, operada en virtude do Real decreto 1.679/1990, do 28 de decembro, non se dictou resolución ningunha que, con carácter permanente, permita a renuncia ou solicitude do complemento específico en función das concretas circunstancias concorrentes en cada suposto, o que determina a oportunidade de dictar unha normativa que habilite a mencionada opción.

A presente disposición, sen pretender esgota-la regulación desta materia, supón un avance necesario de cara á consecución dunha normativa definitiva do complemento retributivo sobre o que agora se incide.

Este decreto posibilitará, ademais, o logro dunha mellor correspondencia entre a percepción do complemento específico e o réxime de dedicación, para o cal tódolos órganos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Servicio Galego de Saúde velarán pola súa estricta observancia.

Finalmente, subliñar que a renuncia e a solicitude de percepción do complemento específico non depende só da opción unilateral do interesado, senón que, como acto xurídico bilateral, necesita da aceptación da Administración para a súa efectividade; debendo, polo tanto, aceptarse por parte desta a solicitude ou a renuncia de percepción para que produza os efectos que postulan.

Polo tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro, logo de consulta coas organizacións sindicais no seo da Mesa Sectorial de Negociación do persoal sanitario e por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, logo dos informes das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión

do día vinte de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. O persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde que perciba as súas retribucións conforme o establecido no Real decreto 3/1987, do 11 de setembro, e preste os seus servicios en réxime de dedicación exclusiva, poderá pasar a prestalos en réxime de dedicación normal, deixando de percibir o complemento específico, sempre que se cumpran os requisitos establecidos neste decreto e dos demais que, con carácter xeral, establece o ordenamento xurídico.

2. Igualmente, o devandito persoal, que preste os seus servicios en réxime de dedicación normal, poderá solicita-lo paso ó réxime de dedicación exclusiva, coa conseguinte percepción do complemento específico, sempre e cando o posto de traballo que vén ocupando o teña asignado regulamentariamente.

Artigo 2º

As solicitudes para a percepción ou renuncia do complemento específico deberán efectuarse, necesariamente, nos modelos normalizados que se xunta como anexos I e II ó presente decreto.

Artigo 3º

As solicitudes, dirixidas ó director-xerente respectivo, poderán presentarse no centro sanitario, na dirección provincial do Servicio Galego de Saúde correspondente ou por calquera dos procedementos que establece con carácter xeral o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, durante o primeiro trimestre de cada ano, sendo inoperantes, para os efectos que soliciten, tanto as presentadas con anterioridade á apertura do devandito prazo como as presentadas unha vez rematado este, agás o previsto na disposición adicional.

Artigo 4º

1. Finalizado o período de presentación de solicitudes, estas serán resoltas polo director-xerente do respectivo centro sanitario no prazo máximo de dous meses. Os efectos económicos produciranse desde o día primeiro do mes seguinte ó da súa resolución.

2. Non obstante o anterior, a falta de resolución expresa dentro do prazo sinalado de dous meses, terá efectos estimatorios, producindo efectos económicos desde o día primeiro do mes seguinte a aquel no que deba entenderse estimada a solicitude.

Artigo 5º

Dentro do mes seguinte á finalización do prazo resolutorio sinalado no artigo anterior, os centros de xestión remitirán ás dirección provinciais do Servicio Galego de Saúde para o seu traslado á Dirección Xeral de Recursos Humanos, relación actualizada do persoal estatutario na que se indique o réxime de dedicación en que prestan os servicios.

Disposicións adicionais

Primeira.

Non obstante o prazo previsto no artigo 3º, o persoal que acceda a un novo posto de traballo que regulamentariamente teña asignado o complemento específico poderá exerce-la opción no momento da toma de posesión, entendéndose, de non facelo, que opta por presta-los seus servicios en réxime de dedicación exclusiva para o Servicio Galego de Saúde.

Segunda.

Sen prexuízo do establecido no artigo 4º, cando as necesidades de servicio así o aconsellen, o director-xerente poderá resolve-las solicitudes con anterioridade á finalización do prazo da súa presentación.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Autorízase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las disposicións que procedan para a aplicación e desenvolvemento do disposto no presente decreto.

Segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO I

SOLICITUDE DE PERCEPCIÓN DO

COMPLEMENTO ESPECÍFICO

Apelidos e nome:

Categoría estatutaria:

Centro sanitario:

EXPÓN:

Primeiro.-Que, de acordo co establecido no Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro, opta por desempeña-los seus servicios para o Servicio Galego de Saúde en réxime de dedicación exclusiva.

Segundo.-Que non desempeña ningunha outra actividade pública ou privada pola que perciba retribución ningunha que, de acordo coa Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades, resulte incompatible coa percepción do complemento específico previsto no Real decreto-lei 3/1987, do 11 de setembro.

Por todo o anterior

SOLICITA:

Que lle sexa aceptada a opción de prestación dos seus servicios en réxime de dedicación exclusiva,

coa conseguinte percepción do complemento específico que corresponda de acordo co sistema retributivo vixente.

En...................., ..... de ................. de 199

Asdo.:

Sr. Director-xerente do:

ANEXO II

SOLICITUDE DE RENUNCIA Á PERCEPCIÓN

DO COMPLEMENTO ESPECÍFICO

Apelidos e nome:

Categoría estatutaria:

Centro sanitario:

EXPÓN:

Primeiro.-Que vén prestando os seus servicios para o Servicio Galego de Saúde en réxime de dedicación exclusiva, percibindo o complemento específico legalmente previsto.

Segundo.-Que, de acordo co establecido no Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro, e dentro do prazo establecido, opta por desempeñar os seus servicios para o Servicio Galego de Saúde en réxime de dedicación normal.

Por todo o anterior

SOLICITA:

Que lle sexa aceptada a súa renuncia á percepción do complemento específico.

En ...................., ..... de ................. de 199

Asdo.:

Sr. Director-xerente do: