Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 24 de xaneiro de 1995 Páx. 779

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 10/1995, do 12 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Fene (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de apertura e pavimentación da rúa do Penedo (antigo camiño do taller), primeira fase.

O Concello de Fene (A Coruña), en sesión celebrada o día 12 de setembro de 1993, aprobou o proxecto de apertura e pavimentación da rúa do Penedo (antigo camiño ó taller), primeira fase, e,

na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 19 de decembro de 1994.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado por tratarse de obras coas que se dotará de servicios urbanos á zona e porque, de seguirse o procedemento ordinario de expropiación forzosa, dilataríase enormemente no tempo a dotación destes servicios esenciais. Coas obras darase resposta ó desenvolvemento do proceso urbanizador da zona urbana de Fene, urbanización que se concreta na pavimentación, co firme adecuado, da rúa do Penedo e a dotación dos servicios mínimos necesarios, tales como abastecemento de auga, beirarrúas, sumidoiros e luz pública.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día doce de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Fene (A Coruña), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de apertura e pavimentación da rúa do Penedo (antigo camiño ó taller), primeira fase.

Santiago de Compostela, doce de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais