Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 23 de xaneiro de 1995 Páx. 731

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 10 de xaneiro de 1995 pola que se anuncia convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dunha praza vacante na Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

En uso das atribucións conferidas polo artigo 15º-4 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-Anuncia-la convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se relaciona no anexo I desta orde.

Segundo.-Poderán concorrer tódolos funcionarios que reúnan os requisitos que se esixen e que se especifican no anexo I.

Terceiro.-As solicitudes para participar na convocatoria presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (edificio administrativo de San Caetano nº 5, Santiago de Compostela), nas súas delegacións territoriais ou nas oficinas sinaladas no artigo 38º-4 da Lei 30/l992, do 26 de novembro, de réxime xuridico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O modelo de solicitude publícase no anexo II.

Cuarto.-Os aspirantes deberán xuntar á súa solicitude un currículum vitae e xustificar mediante certificación ou copia compulsada os méritos que aleguen.

Quinto.-O nomeamento dun funcionario con destino definitivo noutra Administración pública ou que preste os seus servicios na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia dunha comisión de servicios concedida conforme o disposto na disposición transitoria oitava, punto 4º da Lei 30/1984, do 2 de agosto, que resultase seleccionado para ocupa-lo posto de traballo anunciado, estará condicionado a que a súa Administración emita informe favorable, conforme o previsto no Real decreto 28/1990, do 15 de xaneiro; e demais disposicións concordantes.

Sexto.-A resolución desta convocatoria farase pública no DOG, e poderá declararse deserto o posto de traballo se se considerase oportuno.

Sétimo.-O prazo de toma de posesión será de tres días se o destino anterior radica na mesma localidade que o novo destino, e de un mes se radica en localidade distinta ou comporta reingreso ó servicio activo. O prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ó do cesamento, que deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ó da publicación da resolución, agás no caso de procedencias doutras administracións, en que deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ó da comunicación da resolución de traslado á Comunidade Autónoma de Galicia. Se a resolución comporta o reingreso ó servicio activo, o prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo.-Contra a presente orde, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo previsto na Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 27 de decembro de 1956, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da publicación e

logo de comunicarllo a esta consellería, segundo o previsto no artigo 110º-3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 1995.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO I

Código: PE.C99.40.202.36590.001.

Denominación do posto de traballo: Director.

Centro directivo: Centro de Control de Calidade do Medio Mariño Vilaxoán-.

Localidade: Vilagarcía de Arousa.

Corpo ou escala: Administración especial.

Titulación: Licenciado en veterinaria ou biolóxicas.

Grupo: A.

Nivel: 26.

Complemento específico: 1.266.952.