Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 19 de xaneiro de 1995 Páx. 645

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 10 de xaneiro de 1995, do tribunal designado para xulga-las probas selectivas para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Administración especial da Xunta de Galicia, escala técnica de vixilancia pesqueira. (grupo B), pola que se fan públicas as puntuacións obtidas no primeiro exercicio da fase de oposición e se fixa o lugar, a data e a hora de realización do segundo exercicio.

En sesión mantida o día 10 de xaneiro de 1995 polo tribunal designado para xulga-las probas selectivas para o acceso ó corpo facultativo de grao medio da Administración especial da Xunta de Galicia, escala técnica de vixilancia pesqueira (grupo B), convocadas por orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 24 de febreiro de 1994 (DOG nº 45, do 7 de marzo), acordouse dicta-la seguinte resolución:

I.-De conformidade co disposto na base II.2.1 da convocatoria, apróbanse as puntuacións obtidas no primeiro exercicio da fase de oposición, que se atopan expostas, a partir do mesmo día da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral da Función Pública, das delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública, da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, e das delegacións territoriais e comarcais desta consellería.

II.-Segundo o disposto na base 11.2.1 da convocatoria, superaron o primeiro exercicio e pasan á segunda fase da oposición os aspirantes que obtivesen unha puntuación igual ou superior a 4,5 puntos.

III.-Convócanse para o segundo exercicio da fase de oposición, consistente nunha práctica de navegación marítima, os aspirantes comprendidos entre Ordas Patiño, Gerardo e Roel Martín, José Manuel, ambos incluídos. O exercicio realizarase o día 7 de febreiro de 1995, ás 9,30 horas, no Centro de Control de Calidade do Medio Mariño (peirao de Vilaxoán, s/n. Vilagarcía de Arousa), e os aspirantes deberán presentarse provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade.

Segundo a base II.3.4 da convocatoria, os restantes aspirantes serán convocados mediante anuncio que se publicará no taboleiro de anuncios do citado centro, con doce horas, polo menos, de antelación ó inicio do exercicio.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 1995.

Ana María Gallego Castro

Presidenta do tribunal