Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 19 de xaneiro de 1995 Páx. 634

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 9 de xaneiro de 1995 pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ó exercicio de 1995.

Polo Decreto 69/1993, do 10 de marzo, asúmense por esta Comunidade Autónoma as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado en materia de formación profesional ocupacional.

Na antedita transferencia a Administración do Estado reserva para si, entre outras funcións, a da aprobación do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (Plan FIP). En exercicio de tal competencia díctase o Real decreto 631/1993, do 3 de maio, no que se marcan as pautas e as directrices que han de seguir tanto o Instituto Nacional de Emplego (INEM) coma as comunidades autónomas que asumisen a súa xestión e execución, e se establece a necesidade de realizar unha convocatoria pública para aquelas entidades que desexen participar na correspondente programación anual, indicando os termos, prazos e condicións nas que as solicitudes deben presentarse e as accións executarse.

Por outra banda, e polo que a esta Administración autonómica se refire, o Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, atribúelle á mesma, a través da Dirección Xeral de Formación e Emprego, o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo á formación ocupacional.

Así, o Decreto 52/1994, do 4 de marzo, que establece o réxime xeral das axudas e subvencións da antedita consellería en materia de formación, promoción de emprego e fomento da economía social, no seu art. 5, as axudas á formación ocupacional e orientación profesional e preconiza a necesidade de que a concesión delas se efectúe de conformidade cos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade, en aplicación do disposto no art. 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, á que se axusta a presente convocatoria.

Esta orde pretende concreta-los principios xerais contidos no antedito decreto no relativo ás axudas dirixidas ós cursos de formación ocupacional para os traballadores desempregados, así como dar un carácter continuísta e complementario a estas accións formativas respecto daquelas xa impartidas en exercicios anteriores co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, ou das que se vaian establecer no marco do Plan de Emprego Xuvenil.

Na presente convocatoria non se prevén as accións formativas na súa modalidade a distancia, toda vez que o «Ministerio de Trabajo y Seguridad Social» non determinou aínda, as especialidades que admiten esta forma de impartición, tal e como establece o art. 4.3º do R.d. 631/1993, do 3 de maio.

O financiamento destas axudas realizarase con cargo ós créditos dos programas 14.04.222A.474 e 14.04.222A.480 que figuran na Lei 6/1994, do 29

de decembro, presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1995.

Consecuentemente con todo o anterior, e facendo uso da autorización expresa contida na disposición derradeira primeira do Decreto 52/1994, do 4 de marzo, consultado o Consello Galego de Ensinanzas Técnico Profesionais, o Consello Galego de Relacións Laborais e o Consello Galego da Xuventude, en exercicio das facultades que me confire o art. 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá a convocatoria pública para a impartición de accións formativas correspondentes ó Plan FIP, dirixidas ós traballadores desempregados co fin de proporcionárlle-las cualificacións requiridas polo sistema productivo e inserilos laboralmente, cando os mesmos carezan de formación profesional específica ou a súa cualificación resulte insuficiente ou inadecuada.

Artigo 2. Xestión e execución.

1. A xestión das accións previstas no Plan FIP correspóndelle á Consellería de Familia, Muller e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Formación e Emprego, e a súa impartición realizarase nos centros de formación profesional titularidade da Xunta de Galicia.

2. Poderán colaborar na impartición das anteditas accións de formación profesional ocupacional e, consecuentemente, solicita-la súa inclusión na programación:

a) Os centros que estean inscritos no Censo de Centros Colaboradores de Formación Ocupacional da Comunidade Autónoma, para impartir aquelas especialidades formativas que teñan homologadas.

b) As organizacións empresariais ou sindicais, os organismos paritarios de formación de ámbito sectorial estatal e as organizacións representativas da economía social que desexen subscribir un contrato-programa, sempre que as accións se desenvolvan a través dos seus propios centros colaboradores, sexan ou non da súa tiularidade, autorizados conforme o establecido na normativa reguladora do censo sinalado na alínea a), para impartir aquelas especialidades formativas que teñan homologadas.

c) As entidades públicas ou privadas de formación e as empresas que desexen subscribir un convenio de colaboración, sempre que as accións se desenvolvan a través dos seus propios centros colaboradores, sexan ou non da súa titularidade, autorizados conforme o establecido na normativa reguladora do censo sinalado na alínea a), para impartir aquelas especialidades formativas que teñan homologadas.

As entidades sinaladas nas alíneas anteriores deberán ter homologadas ou, cando menos, solicitada a homologación das especialidades para as que solicitan a súa inclusión na programación o día en que remate o prazo de un mes previsto na presente orde. Estas solicitudes serán denegadas se, no momento de constituírse as comisións de avaliación previstas

no art. 12, non se houbera resolto favorablemente sobre a súa homologación.

3. As entidades sinaladas no parágrafo anterior e que obteñan a concesión de axudas para a impartición de accións previstas na presente orde, non poderán subcontratar ou ceder a un terceiro a súa impartición.

4. Cando para garanti-la calidade na impartición das accións formativas as entidades precisen da colaboración dun axente externo, este deberá figurar inscrito no censo de centros colaboradores da Comunidade Autónoma en materia de formación ocupacional e ter homologadas a especialidade ou especialidades concretas que se van impartir, facendo constar expresamente este feito na solicitude, indicando a identidade do mesmo e as condicións nas que se establece a citada colaboración, tendo en conta a prohibición sinalada no parágrafo anterior.

Artigo 3. Colectivos beneficiarios.

1. De conformidade co establecido nas normas reguladoras do Plan FIP terán preferencia para participar nas accións previstas na presente orde os seguintes colectivos:

a) Desempregados perceptores de prestación ou subsidio por desemprego.

b) Desempregados maiores de vintecinco anos, en especial os que leven inscritos máis de un ano como parados, aínda que non se atopen na situación prevista na alínea a).

c) Desempregados menores de vintecinco anos que perderan un emprego anterior de, polo menos, seis meses de duración, aínda que non se atopen na situación prevista na alínea a).

d) Desempregados con especiais dificultades para a súa inserción ou reinserción laboral, en especial mulleres que queiran reintegrarse á vida activa, minusválidos e emigrantes.

e) Os demandantes de primeiro emprego respecto das accións solicitadas polas empresas que se comprometan a contratar, polo menos, ó 60 por 100 dos alumnos formados.

2. Cando non sexa posible completa-lo número de alumnos dun curso con integrantes do colectivo ó que, en principio vai dirixido, poderá acudirse a integrantes doutros colectivos.

Artigo 4. Selección de alumnos.

1. 0 número máximo de alumnos participantes en cada curso será de 15, non podendo iniciarse a acción formativa se non se reúne un mínimo de 12. Neste caso, deberá completarse o dito número no período sinalado no parágrafo 6º do presente artigo; en caso contrario, deduciranse do cómputo da subvención os alumnos que falten para completalo, de conformidade co disposto no art. 8.2º.

2. Co fin de proceder á selección dos alumnos, solicitaráselle, a través da delegación provincial correspondente da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, á Dirección Provincial do INEM un listado de traballadores en paro que se adecúen ó

perfil axeitado para o tipo de curso. Nesta solicitude deberá facerse constar, ademais do perfil dos candidatos, o número ó que se dirixe a acción, o ámbito territorial e o período previsto de duración.

3. A entidade que vai imparti-lo curso convocará, mediante carta certificada ou telegrama con xustificante de recepción, os candidatos preseleccionados polo INEM ou ós que se presenten como consecuencia da convocatoria pública prevista no parágrafo seguinte, e procederá á selección dos alumnos que han de asistir ós cursos de que se trate, de conformidade cos criterios predeterminados na memoria e que deberán poñerse en coñecemento dos candidatos antes da súa realización, levantando a correspondente acta que deberá remitírselle á Dirección Xeral de Formación e Emprego ou á respectiva delegación provincial, con 7 días de antelación ó comezo do curso.

4. No caso de quedaren prazas vacantes, ben sexa como consecuencia da non remisión dos listados de desempregados por parte do INEM no prazo de 15 días, ben porque remitidos estes foran insuficientes ou non se adaptasen ó perfil solicitado, a entidade realizará unha convocatoria pública mediante modelo normalizado, na que necesariamente deberá facerse consta-lo financiamento da acción por parte da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, polo menos a través dun dos xornais de maior tirada da provincia, e efectuará a selección entre os que acudan á mesma na forma prevista no parágrafo anterior, tendo en conta que os alumnos seleccionados deben ser, en todo caso, desempregados inscritos nalgunha das oficinas de emprego do antedito instituto con anterioridade á data de inicio do curso.

5. De conformidade cos obxectivos establecidos no Plan de Emprego Xuvenil, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 21 de abril de 1994, procurarase que, como mínimo, o 60 por 100 dos alumnos das accións formativas de cada entidade, teñan menos de 30 anos.

6. Os alumnos deberán incorporarse ás clases na data de iniciación do curso. De non se incorporaren nos sete primeiros días ou de producirse baixas dentro do primeiro cuarto del, poderán substituírse por alumnos preseleccionados ou procedentes da convocatoria pública, sempre que teñan o nivel de acceso correspondente á fase do curso á que se incorporen. Neste caso a persoa responsable da súa impartición deberá comprobar, mediante as probas e/ou a xustificación documental pertinente, o nivel do alumno.

7. Os cursos nos que a pesar de que se intentara completa-lo número de alumnos, diminúa o número de participantes ata unha cantidade inferior ó 50 por 100 do número programado, poderán ser suspendidos polo órgano en cada caso competente da Consellería de Familia, Muller e Xuventude. Neste suposto a entidade terá dereito a unha indemnización que será proposta pola Comisión de Avaliación prevista no artigo 12 e será aprobada pola conselleira de Familia, Muller e Xuventude ou polo respectivo delegado provincial, calculada en función das circunstancias concorrentes en cada caso.

8. Os alumnos que resulten seleccionados para un curso non poderán asistir a outro simultáneamente, nin causar baixa nun para acceder a outro.

Artigo 5. Especialidades formativas.

1. Os cursos serán de carácter presencial e desenvolveranse, preferentemente, en horario de mañá e a parte práctica do correspondente programa deberá realizarse, cando a natureza da especialidade así o esixa, en aulas-taller ou en empresas.

2. Tódalas especialidades formativas que se impartan dentro da programación do Plan FIP deberán estar incluídas no ficheiro de especialidades homologadas polo INEM e comprenderán as especificacións técnico-docentes e o contido formativo axeitado de acordo co seu nivel formativo e o grao de dificultade establecido.

3. Ó abeiro do disposto no apartado B) 5 do anexo ó R.d. 146/1993, do 29 de xaneiro, de traspaso de funcións e servicios da xestión da formación profesional ocupacional á Comunidade Autónoma de Galicia, a Dirección Xeral de Formación e Emprego, excepcionalmente, poderá autoriza-la impartición de especialidades formativas que non estean recollidas no ficheiro sinalado no parágrafo anterior, como proxectos experimentais ou innovadores, sempre que as entidades que os promovan acompañen a solicitude da seguinte documentación:

a) Informe motivado das necesidades de formación nesa especialidade en relación co mercado de traballo.

b) Descrición do programa formativo segundo a estructura dun curso normalizado de formación profesional ocupacional.

c) Valoración estimada do custo da formación para quince alumnos.

Artigo 6. Formación de formadores.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude, a fin de mellora-la calidade da formación profesional ocupacional, establecerá actuacións encamiñadas a complementa-la formación inicial, subministrar unha formación inicial didáctica ou facilita-la actualización técnico-pedagóxica do profesorado e dos expertos docentes.

Artigo 7. Iniciación e remate.

As accións formativas deberán iniciarse antes do día 31 de outubro de 1995 e rematarse como data límite o 28 de febreiro de 1996, debendo estar xustificados os custos inherentes ós mesmos, mediante certificación do xefe do Servicio Administrativo de Formación Ocupacional da Dirección Xeral de Formación e Emprego, nos servicios centrais, e do xefe de Servicio de Formación e Emprego nas respectivas delegacións provinciais, o 15 de marzo de 1996.

Quedan exceptuadas en canto á data límite de comezo as accións formativas derivadas da programación complementaria prevista no artigo 13.3 da presente orde.

Artigo 8. Axudas.

1. As accións formativas impartidas ó abeiro da presente orde serán obxecto de subvención para compensa-los custos derivados da súa execución.

2. As anteditas subvencións terán unha contía máxima por cada curso que se concretará no producto do número de horas do mesmo polo número de alumnos e polo importe do módulo que lle corresponda ó propio curso. Os módulos, que se fixarán por resolución do director xeral de Formación e Emprego, asignaranse a cada curso segundo a súa clasificación en función do seu nivel formativo e do grao de dificultade da técnica utilizada, de conformidade co disposto no art.5.2.

3. Computaranse como alumnos que remataron o curso, aqueles que precisen abandonalo antes da súa finalización por teren atopado un emprego por conta propia ou allea, sempre que se acredite documentalmente tal extremo e o número de alumnos que o rematen non supere o do previsto para o mesmo.

4. Sobre as partes «A» e «B» do módulo efectivamente gastadas e xustificadas poderá calcularse un 10 por 100 correspondente ós gastos de difícil xustificación. Este importe deberá imputarse, en todo caso, á parte «A» do módulo.

A cantidade global resultante, despois de efectuada a antedita aplicación, non poderá ser superior ó importe da subvención máxima deducido segundo as regras do parágrafo segundo do presente artigo.

5. A percepción da subvención prevista no presente artigo, que financia o 100 por 100 dos custos xerados pola impartición da acción formativa, será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza

Artigo 9. Módulos subvencionables.

1. 0 módulo correspondente a cada curso constará de tres partes: «A» referida ós custos de persoal, «B» referida ó resto dos custos aboables do curso e «C» referida ás bolsas e axudas ós alumnos. A cada unha destas partes fixaráselle un importe máximo, sendo a suma deles igual á do módulo completo.

2. Poderanse considerar como custos aboables ou subvencionables, correspondentes á parte «A» do módulo, os gastos desagregados seguintes:

a) Gastos de profesorado, que comprenden os saldos ou honorarios do persoal docente incluíndo os gastos de seguridade social. Cando a totalidade do curso sexa impartido por un único docente, acudirase preferentemente a unha contratación laboral permitíndose a utilización de contratos civís ou mercantís para os profesores que impartan partes del.

b) Gastos de preparación, seguimento e control do curso e, en xeral, das actividades de coordenación sen que poida superarse, en ningún caso, o 10 por 100 da parte «A» do módulo.

c) Gastos de persoal directivo e administrativo estrictamente necesario, sen que poidan superar, en ningún caso, o 10 por 100 desta parte «A» do módulo.

3. Poderanse considerar como custos aboables ou subvencionables correspondentes á parte «B» do módulo, os gastos desagregados seguintes:

a) Gastos de seguros de accidentes dos alumnos, que comprenden o importe das pólizas ou primas

correspondentes a tódolos alumnos asistentes, polos riscos que inclúan os do traxecto ó lugar de impartición das clases e prácticas e contraéndose estrictamente na súa duración ó período do curso e/ou das prácticas non laborais en empresas.

b) Gastos de medios e materiais didácticos como textos e materiais de un só uso polo alumno, e os materiais de traballo funxible utilizados durante as actividades de formación.

c) Gastos de amortización de equipos e ferramentas de duración superior a un exercicio anual.

En ningún caso os gastos de amortización dos bens, que terán unha relación directa coa actividade docente da entidade ou da práctica da empresa, poderá superar unha imputación do 25 por 100 da parte «B» do módulo.

A Dirección Xeral de Formación e Emprego ou a respectiva delegación provincial poderán esixi-la xustificación das avaliacións.

d) Gastos de enerxía eléctrica, de combustibles, así como de mantemento das instalacións e equipamentos formativos.

e) Gastos xerais, comprendendo aqueles gastos que, sen esteren incluídos nas alíneas anteriores, deban imputarse ou teñan a súa orixe na actividade do curso: alugueiros e seguros, tanto de inslalacións coma de maquinaria; teléfonos e comunicacións; gastos de administración da entidade necesarios para a posta en funcionamento e permanencia dos cursos; e publicidade expresamente demandada para a execución dos cursos aprobados e programados dentro do Plan FIP.

4. A parte «C» do módulo estará constituída polas bolsas, cando se trate de desempregados minusválidos, e as axudas de transporte, manutención e aloxamento ós alumnos, ás que terán dereito de conformidade coas normas que en desenvolvemento da presente orde dicte a Dirección Xeral de Formación e Emprego e, sempre que, a partir do comezo do curso correspondente, poidan acreditar, de modo suficiente, atoparse nos supostos de concesión, e a duración dos mesmos sexa superior a catro horas diarias e vinte semanais.

Artigo 10. Solicitudes.

1. As entidades que, estando incluídas no art. 2, desexen colaborar na impartición das accións formativas correspondentes ó Plan FIP, deberán formaliza-la correspondente solicitude por triplicado no modelo normalizado que se publica como anexo I á presente orde e subministrarase nas delegacións provinciais da consellería, na Dirección Xeral de Formación e Emprego ou en calquera das oficinas administrativas de información ó cidadán, subscrita polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Unha ficha por cada un dos cursos solicitados no modelo normalizado, segundo o anexo II.

b) Memoria detallada xustificativa da acción no modelo normalizado que se publica como anexo III á presente orde, na que se farán consta-los criterios a utilizar para a selección dos alumnos.

c) Se é o caso, compromiso de contratación asumido pola entidade impartidora ou por aquela que vaia contrata-los alumnos formados.

d) Declaración expresa subscrita polo titular ou polo representante legal da entidade, de non percibir ningún tipo de axuda da mesma natureza concedida por calquera outra entidade pública ou privada.

e) Declaración pola que se expresa a aceptación das actuacións de comprobación da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

f) En caso de haber impartido cursos incluídos nas programacións da consellería correspondentes ós exercicios de 1993 e 1994, deberán informar sobre o grao de inserción laboral acadado polos alumnos formados.

2. As solicitudes presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude que correspondan ó domicilio do solicitante ou por calquera das formas previstas no art. 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As entidades que subscriban contrato-programa presentarán, ademais da documentación sinalada no punto 1, unha programación completa, indicando as especialidades, localidades e centros de impartición. En tanto non se presente esta programación non poderán asinarse os respectivos contratos-programa.

Artigo 11. Prazo.

1. 0 prazo para a presentación das solicitudes será de un mes, a contar desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Con respecto ó establecido no artigo 10.3, as entidades que subscriban contrato-programa disporán de un mes máis para presenta-la programación á que se fai referencia.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación aportada contivera erros ou sexa insuficiente, procederase da forma prevista no art. 10.2 do Decreto 52/1994, do 4 de marzo.

Artigo 12. Procedemento.

1. 0 procedemento a seguir na tramitación e instrucción dos expedientes será o establecido no art. 9 e seguintes do antedito Decreto cous concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

2. Unha vez realizados os trámites sinalados nos parágrafos 1º e 2º do art. 10 do antedito decreto, os expedientes remitiránselle á comisión de avaliación para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación ante o órgano competente para resolver.

3. Para os efectos previstos no presente artigo a Comisión de Avaliación estará composta:

a) Nas delegacións provinciais, polo xefe de Servicio de Formación e Emprego, que a presidirá, e serán vocais o xefe de sección competente en materia

de programación da formación ocupacional, que actuará como secretario, e un funcionario designado polo delegado da Consellería de Familia, Muller e Xuventude de entre o persoal adscrito a ela.

b) Nos servicios centrais, polo director xeral de Formación e Emprego, que a presidirá, e serán vocais o subdirector xeral de Formación Ocupacional e os xefes dos servicios Técnico, que actuará como secretario, e Administrativo de Formación Ocupacional.

4. A comisión de avaliación á hora de barema-las solicitudes terá en conta, como prioritarios, os seguintes criterios:

a) A existencia de compromiso de contratación.

b) A impartición de accións formativas en exercicios anteriores cun grao de cumprimento, de calidade da formación impartida e de colocación de alumnos satisfactorio a xuízo da Dirección Xeral de Formación e Emprego.

c) A adecuación ás necesidades de formación detectadas no territorio para o que se soliciten os cursos.

d) A inclusión dunha fase de prácticas profesionais non laborais en empresas, axeitadas ós coñecementos impartidos.

e) A realización de cursos modulares integrados nun itinerario formativo.

f) A inclusión de módulos de orientación e información profesional, contando información sobre as posibilidades de emprego abertas trala formación recibida e orientación sobre as técnicas de busca de emprego, posibilidades de autoemprego e fórmulas de economía social.

g) A realización, acreditada, de actuacións previas tendentes a detecta-las necesidades de formación nas especialidades a impartir entre as empresas do sector co fin de acada-la promoción ou inserción laboral dos alumnos no mercado de traballo.

h) A inclusión de accións que se leven a cabo en comarcas que teñan actuacións especiais en desenvolvemento do Plan de Comarcalización.

i) A realización de accións dirixidas ós colectivos máis desfavorecidos no emprego.

j) A poboación e o número de desempregados do territorio para o que se solicitan os cursos.

k) A existencia doutros recursos formativos na zona.

Artigo 13. Resolución.

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo do informe da comisión de avaliación, da cumprimentación do trámite de audiencia cando proceda e fiscalizada a proposta pola respectiva intervención, corresponderalle á conselleira de Familia, Muller e Xuventude ou ós respectivos delegados provinciais, segundo se subscriba ou non convenio de colaboración ou cooperación ou contrato programa, e deberán de lles ser notificadas ós interesados.

2. A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de catro meses a contar desde o día seguinte ó de remate do prazo para a presentación das solicitudes. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, e con carácter excepcional, poderán efectuarse resolucións complementarias fóra do prazo establecido cando non fose posible efectualas dentro do mesmo, cando existisen fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas ou de incrementos das cantidades asignadas á Comunidade Autónoma pola Administración do Estado.

Neste caso, agás que se acudira a unha convocatoria complementaria ó abeiro do disposto na disposición adicional do Decreto 52/1994, do 4 de marzo, non poderán terse en conta outras solicitudes nin outras homologacións distintas das tidas en conta para a resolución inicial.

Artigo 14. Obrigas.

Ademais das obrigas establecidas no art. 14 do antedito decreto e no art. 11 do R.d. 631/1993, do 3 de maio, os beneficiarios das axudas deberán:

a) Cando se trate de entidades con ánimo de lucro, acreditar, con independencia da súa contía e antes de proceder ó cobramento das subvencións, que están ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Remitirlle, dentro dos 7 días anteriores ó do comezo dos cursos, á respectiva delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude o programa docente completo, estructurado por módulos, indicando o tempo en horas de cada un deles, así como os contidos teórico-prácticos do mesmo. Deberán remitirse, así mesmo, as datas de inicio dos cursos, de clausura e o horario así como o profesorado, cando non coincidan coas sinaladas na solicitude, así como o resultado da selección dos alumnos.

Toda esta documentación será devolta pola delegación co visto e prace do xefe do servicio de Formación e Emprego e deberá expoñerse no taboleiro de anuncios do centro. Calquera modificación posterior destas circunstancias deberá ser autorizada previamente pola delegación provincial correspondente.

c) Remitir, no prazo de 10 días a partir do inicio dos cursos, as fichas do sistema informático de formación ocupacional (SIFO), así como unha relación dos alumnos que teñan dereito á bolsa ou ás axudas previstas no art. 9, así como a documentación xustificativa de atoparse nos supostos de concesión.

d) Aboarlles mensualmente ós alumnos que tiveran dereito a algunha das axudas previstas no artigo 9 o importe das mesmas, así como ós profesores a súa remuneración, aínda que non percibiran anticipos da axuda.

e) Realizar un informe acerca da situación laboral dos alumnos formados, unha vez transcorridos 6 meses e un ano desde a finalización do curso, co fin de coñece-la súa porcentaxe de colocación.

f) Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan acorda-los ser

vicios competentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, tanto no relativo ó desenvolvemento das accións formativas coma á súa xestión e tramitación administrativa e documental.

g) Contratar un seguro de accidentes dos alumnos polos riscos que inclúan os do traxecto ó lugar de impartición das clases e prácticas e contraéndose estrictamente na súa duración ó período do curso ou das prácticas non laborais en empresas.

h) Realizar unha memoria descritiva do desenvolvemento dos cursos unha vez finalizados.

Artigo 15. Pagamento.

1. Con carácter xeral, o aboamento da subvención farase efectivo da forma seguinte:

a) Ata un 80 por 100 do total do orzamento de gastos, en concepto de anticipo, unha vez deducido, se procede, o importe correspondente ás bolsas e ás axudas por desprazamento e/ou manutención daqueles alumnos que non teñan dereito a ela, no momento no que a delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, ou a Dirección Xeral de Formación e Emprego reciba comunicación da entidade impartidora notificando o inicio de tódolos cursos, así como a documentación sinalada nas alíneas a) e c) do artigo anterior.

b) O resto, unha vez rematada a acción formativa e recibida a certificación, en modelo normalizado, do responsable da entidade por conceptos orzamentarios dos gastos realmente efectuados.

2. O aboamento da subvención ás entidades que subscriban contrato-programa farase efectivo da forma seguinte:

a) O 25% do total do orzamento de gastos, en concepto de anticipo, no momento en que a Dirección Xeral de Formación e Emprego reciba comunicación notificando o inicio das actividades.

b) O 30% do total do orzamento de gastos, unha vez transcorridos tres meses desde o inicio das actividades e outro 25% transcorridos cinco meses desde o seu inicio. En ámbolos dous casos será necesaria a presentación dunha memoria descritiva da marcha dos cursos.

c) O 20% restante, unha vez rematadas as accións formativas e recibida a certificación, en modelo normalizado, do responsable da entidade por conceptos orzamentarios dos gastos realmente efectuados.

Disposicións adicionais

Primeira

A concesión das subvencións previstas na presente orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario.

Segunda

Se por calquera causa, no momento no que as comisións de avaliación teñan que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efec

to designe o respectivo delegado provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude ou o director xeral de Formación e Emprego, segundo proceda, e, sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer noutro funcionario do mesmo servicio que o substituído.

Terceira

En todo o non disposto na presente disposición será de aplicación o R.d. 631/1993, do 3 de maio, polo que se regula o Plan FIP, así como a súa normativa de desenvolvemento.

Cuarta

A Dirección Xeral de Formación e Emprego poderá impartir cursos correspondentes á súa programación de medios propios en instalacións alugadas, sempre que reúnan as condicións que permitan garantir un mínimo de calidade e non dispoña de medios materiais e dotacións nos centros da súa titularidade para acometer actuacións urxentes.

Quinta

Tódalas entidades públicas ou privadas que subscribiran convenio de colaboración ou cooperación ou contrato-programa coa Consellería de Familia, Muller e Xuventude para o desenvolvemento de accións incluídas na programación de 1994 do Plan FIP, deberán presenta-la correspondente solicitude, de conformidade coas disposicións contidas na presente orde, para poder desenvolver accións da programación de 1995.

Sexta

A formación profesional ocupacional do persoal que presta servicios nas Forzas Armadas como tropa e marinería, así como das persoas en situación de privación de liberdade rexerase polo que anualmente se estableza nos convenios de colaboración que subscriba a Xunta de Galicia cos órganos competentes da Administracion do Estado.

Sétima

As entidades que dispoñan dalgunha especialidade homologada con carácter provisional tan só poderán optar á impartición de cursos se obtiveran o carácter definitivo da homologación no momento da constitución das comisións de avaliación previstas no art. 12.

Disposicións derradeiras

Primeira

Autorízase o director xeral de Formación e Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente disposición.

Segunda

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 1995.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude