Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 17 de xaneiro de 1995 Páx. 570

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DO SOCIAL NÚMERO DOCE DE MADRID

EDICTO (625/1991).

No procedemento que se segue neste xulgado co número 625/1991, por instancia de don José Luis Salvador Alonso e outra conta o Concello do Pinto e outro, por dereito, dictouse a seguinte

SENTENCIA:

En Madrid, o vintenove de maio de mil novecentos noventa e dous.

María Gracia Martínez Camarasa, maxistrada xuíza do Xulgado do Social número doce de Madrid, viu o presente procedemento seguido entre don José Luis Salvador Alonso e dona Julia Cerdeiras Morcillo, como demandantes, e o Concello de Pinto, representado por María del Carmen Núñez de Prado, o Padroado Deportivo Municipal de Pinto e o Centro Municipal de Cultura de Pinto, representados por Daniel García Arrarubi, como demandados, e pronunciou, en nome de El-Rei, a seguinte sentencia:

I.-ANTECEDENTES

I.-Con data 2-9-1991 tivo entrada no Decanato dos xulgados do Social demanda presentada polos autores que, en reparto, lle correspondeu a este xulgado e no que reclamaban polo concepto de dereito.

II.-Admitida a trámite a devandita demanda, sinalouse para a celebración do xuízo a audiencia do pasado 19-11-1991, tendo lugar con asistencia de ámbalas partes. Aberto o xuízo a parte demandante ratifica a súa demanda, mentres que a demandada se opón, nos termos que constan na acta de xuízo.

III.-Recibido o proceso a proba, a parte demandante propón documental e a demandada, confesión e documental, practicándose co resultado que consta na acta de xuízo. En conclusións, elevanse a definitivas as que tiñan formuladas, declarándose concluso o xuízo e vistos os autos para sentencia.

IV.-Na tramitación deste procedemento cumpríronse tódalas formalidades prescritas pola lei, con excepción do prazo para dictar sentencia, debido ó exceso de traballo existente neste xulgado.

II.-FEITOS PROBADOS

I.-Os demandantes, José Luis Salvador Alonso e Julia Cerdeiras Morcillo, viñeron prestando os seus servicios laborais para o Padroado Deportivo Municipal de Pinto, o primeiro deles, e para o Centro Municipal de Cultura de Pinto, a segunda, desde o 7-10-1985 e desde o 1-11-1988, nun e noutro caso, coas categorías profesionais respectivas de director técnico e auxiliar administrativo e percibindo un salario mensual de 228.379 ptas., con rateo de pagas extraordinarias, José Luis Salvador e 129.600 pesetas, tamén con rateos, Julia Cerdeiras.

II.-O Padroado Deportivo Municipal e o Centro Municipal de Cultura de Pinto constituíronse como fundacións públicas do servicio, ó amparo do artigo 85 c) do Regulamento de servicio das corporacións locais, creándose con personalidade xurídica propia e autonomía financeira e funcional dependente do Concello, segundo se indica no artigo 1 dos estatutos respectivos, que constan en autos, e actúan (artigo 2) baixo a tutela do citado Concello, ó que lle corresponde a suprema función directiva e tuitiva da función e a fiscalización e censura das súas actividades.

III.-Os demandantes presentáronse ás últimas eleccións locais e foron elixidos e proclamados pola Xunta Electoral de Zona como concelleiros electos do Concello de Pinto.

IV.-O 15-6-1991 tomaron posesión do seu cargo como concelleiros do Concello de Pinto, sen dedicación exclusiva, e con data 17-6-1991 o alcalde-presidente do citado concello e presidente así mesmo do Padroado Deportivo Municipal e do Centro Municipal de Cultura, dictou un decreto (DOC nº 20 dos achegados polo Concello demandado) dispoñendo que desde o día 15-6-1991 os citados concelleiros quedaran en situación de servicios especiais e, por aplicación da lexislación laboral, en excedencia forzosa, e que desde esa data lles serían aboadas as súas cotizacións á Seguridade Social, pero non percibirían as súas retribucións económicas en atención á súa situación de incompatibilidade e non poderían realizar traballo ningún nos seus respectivos postos de traballo.

V.-Desconformes co anterior os demandantes formularon reclamación previa, conforme o previsto nos artigos 145 da Lei de procedemento administrativo, e 69.1 da Lei de procedemento laboral, ante o Concello de Pinto, que presentaron tamén, un e outra, ante o Padroado Deportivo Municipal e o Centro Municipal de Cultura, contra o decreto da Alcaldía do 17-6-1991, sen que conste que recaese resolución.

VI.-A demandante, Julia Cerdeiras Morcillo, dimitiu voluntariamente do seu cargo de concelleira con data 24-9-1991, e por decreto da Alcaldía do 27-9-1991 acordouse que, desaparecida a causa de incompatibilidade co seu posto de traballo temporal no Centro Municipal de Cultura, podería incorporarse ó mesmo desde o 30-9-1991. A súa relación laboral finalizou o 30-10-1991 por expiración do prazo contractual pactado.

VII.-A través do presente procedemento, os demandantes solicitan que se declare non haber lugar á situación de excedencia forzosa en que foron situados, condenando os demandados á inmediata reincorporación ó seu posto de traballo do demandante José Luis Salvador Alonso e ó aboamento dos salarios deixados de percibir desde o 15-6-1991 e ata a súa reincorporación e respecto de Julia Cerdeiras (a súa petición en principio igual á do outro demandante modificouse no ocio do xuízo ó dimitir do seu cargo como concelleira), ó aboamento dos salarios deixados de percibir desde o 15-6-1991 ó 1-10-1991.

III.-FUNDAMENTOS DE DEREITO

Os demandados opóñense ás pretensións deducidas polos demandantes alegando varias excepcións e, entre elas, a de incompetencia de xurisdicción, polo que, atendida a especial natureza da citada excepción e os efectos que deberán seguirse da resolución que sobre ela se adopte, faise preciso o seu exame previo antes de entrar a coñecer, se procedese, das demais cuestións formuladas.

Do actuado nos presentes autos, despréndese que as reclamacións previas que precederon a interposición das demandas se formulan contra o decreto da Alcaldía de Pinto que os coloca en situación de servicios especiais e excedencia forzosa, solicitando que se deixe sen efecto o citado decreto, declarando compatibles os seus postos de traballo co cargo público de concelleiro do Concello, sen dedicación exclusiva e repoñéndoos nos seus postos de traballo, con aboamento dos salarios deixados de percibir, e en definitiva, aínda cando non se pida así expresamente nas demandas, posto que se obvia a referencia directa ó dito decreto, a súa estimación suporía deixar sen efecto o decreto citado. Ora ben, cómpre ter en conta que aínda cando a atribución xurisdiccional do control da intervención administrativa en materia laboral foi cuestión moi debatida antes da publicación da vixente Lei de procedemento laboral, dada a relativa imprecisión dos parágrafos 4 e 5 do artigo 9 da Lei orgánica do

poder xudicial, posto que as resolucións dictadas no exercicio de tal invervención puideran cualificarse de pretensións deducidas en relación con actos da Administración pública suxeitos ó dereito administrativo (parágrafo 4) ou como pretensións promovidas dentro da rama social do dereito (parágrafo 5), o artigo 3 a) da citada Lei de procedemento laboral veu aclara-la cuestión, tal como sinala a sentencia da Sala Especial de Conflictos de Competencia do Tribunal Supremo do 21-10-1991, ó establecer que «Non

coñecerán os órganos xurisdiccionais da orde social: A) Das pretensións que versen sobre a impugnación dos actos das Administracións públicas suxeitos ó dereito administrativo en materia laboral». E como queira que no presente caso as pretensións obxecto do proceso supoñen a impugnación dun acto da Administración (decreto da Alcaldía), que incide en materia laboral, e suxeito como toda actuación daquela ó dereito administrativo, non pode senón concluírse que a materia litixiosa entra no eido de exclusión da orde social da xurisdicción, correspondendo o seu coñecemento á xurisdicción contencioso-administrativa competente, polo que, sen que se coide necesario o previo informe do fiscal, preceptivo no suposto de declaración de oficio da incompetencia (artigo 5.3 da LPL) estase no caso de acolle-la excepción de incompetencia de xurisdicción alegada, sen que polo tanto deba entrarse a resolve-la cuestión de fondo do proceso e sen prexuízo do dereito dos demandantes para exerceren as

accións correspondentes ante a xurisdicción contencioso-administrativa.

Vistos os preceptos legais citados e os de xeral e pertinente aplicación,

DECIDO:

Acóllese a excepción de incompetencia de xurisdicción alegada pola parte demandada. E sen entrar a resolve-las cuestións formuladas por José Luis Salvador Alonso e Julia Cerdeiras Morcillo, contra o Concello de Pinto e o Padroado Deportivo Municipal de Pinto e contra o Concello de Pinto e o Centro Municipal de Cultura de Pinto, respectivamente, absólvese a estas na instancia, sen prexuízo do dereito dos demandantes para exerceren as accións correspondentes ante a xurisdicción contencioso-administrativa.

Notifíquese a presente resolución en legal forma ás partes, prevíndoas de que contra ela poderán interpoñer recurso de suplicación ante a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, no prazo de cinco días hábiles contados a partir do seguinte ó da notificación.

Así por esta miña sentencia, definitivamente xulgando, pronúncioo, mándoo e asínoo.

E para que sirva de notificación en forma ó codemandante José Luis Salvador Alonso, que se atopa en paradoiro descoñecido, expido e asino este edicto para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Madrid, 29 de maio de 1992.

A maxistrada-xuíza

Rubricado

A secretaria

Rubricado