Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 16 de xaneiro de 1995 Páx. 546

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 10 de xaneiro de 1995 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvenciona-la realización de obras e equipamentos locais por parte dos concellos.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais pretende colaborar cos concellos na mellora da calidade de vida local; regulando por medio da presente orde os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas destinadas á realización de obras e equipamentos locais, necesarios para a prestación dos servicios públicos a que se refire o artigo 26.1 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-

Establécense subvencións ós concellos de Galicia, destinadas á realización das obras e equipamentos locais (bens non consumibles) que sexan necesarios para a prestación dos servicios públicos a que se refire o artigo 26.1º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.764, Programa 123.A, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995, ata un límite de sesenta millóns de pesetas (60.000.000).

Artigo 2º.-

A axuda económica que se conceda poderá acada-lo 100% do total do orzamento presentado.

A contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade de un millón de pesetas (1.000.000 pts.).

Artigo 3º.-

1. Os que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, segundo modelo que figura como anexo desta orde, e presentarana no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 30 días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. O concello peticionario xuntaralle á solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do concello polo que se aproban as obras que se van realizar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na presente orde.

b) Memoria xustificativa da necesidade das obras para as que se solicita subvención, con expresión da fase, de se-lo caso, a que corresponda.

c) Memoria da obra que se vai realizar.

d) Orzamento detallado.

e) A tramitación e adxudicación das obras será realizada polos concellos beneficiarios conforme a súa propia normativa, dándolle conta deste acto á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

O defecto na solicitude seralles notificado ós interesados pola correspondente delegación provincial desta consellería, e daráselles un prazo de dez días para emenda-los erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a emenda, as peticións serán arquivadas sen máis trámite na correspondente delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Artigo 4º.-

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e os delegados provinciais elevaranlle o correspondente informe ó director xeral de Xustiza e Interior. Visto o informe, o director xeral de Xustiza e Interior elevará proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá.

A resolución notificaráselles a tódolos beneficiarios da subvención, por calquera medio que permita ter constancia da recepción polo interesado ou o seu representante, así como da data, a identidade e o contido da resolución. No caso de que, transcorridos tres meses dende o remate do prazo de presentación de solicitudes, non se comunicara a concesión da subvención, entenderase desestimada.

Artigo 5º.-

Na valoración das solicitudes presentadas polos concellos teranse en canta os seguintes aspectos:

a) A necesidade das obras que se van realizar, apreciadas en razón da súa urxencia.

b) A situación económica do concello estimada pola contía do seu orzamento e pola súa situación financeira.

c) A poboación e extensión do termo municipal.

Artigo 6º.-

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que foron concedidos. As delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderán comprobar, cando o consideren conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

2. Os beneficiarios da subvención presentarán facturas orixinais ou fotocopia compulsada do gasto, aprobada pola corporación, por triplicado nas delegacións provinciais correspondentes antes do 15 de

setembro de 1995, inexcusablemente. No caso de subvencionar obra nova, deberase presentar certificación de obra en modelo oficial, xunto á relación valorada, asinada polo técnico municipal, maila factura. As delegacións provinciais, de atopalas conformes, remitiranas á Dirección Xeral de Xustiza e Interior que proporá o libramento de fondos.

Artigo 7º.-

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e se procede, anulará os beneficios concedidos e, conforme o disposto no artigo 78.6 da Lei 11/1992 do 7 de outubro, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora debidos polos mesmos, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Interior para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 1995.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais

Director xeral de Xustiza e Interior.

Delegado Provincial da Consellería de Xustiza,

Interior e Relacións Laborais na Coruña.

Delegado Provincial da Consellería de Xustiza,

Interior e Relacións Laborais en Lugo.

Delegado Provincial da Consellería de Xustiza,

Interior e Relacións Laborais en Ourense.

Delegado Provincial da Consellería de Xustiza,

Interior e Relacións Laborais en Pontevedra.