Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 13 de xaneiro de 1995 Páx. 519

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 2 de xaneiro de 1995 pola que se regulan os servicios e adxudicación de estadías nas residencias de tempo libre dependentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe no seu artigo 5.3, como unha das áreas de actuación, os servicios de familia, infancia e mocidade, atribuíndolle o Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, á Consellería de Familia, Muller e Xuventude as competencias neste sector.

Considerando que a institución familiar é a matriz natural na configuración do lecer, e dispoñendo a Consellería de Familia, Muller e Xuventude dos equipamentos materiais das residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, é polo que se ofertan pola presente orde quendas de estadías nas devanditas residencias, co fin de favorece-la comunicación e participación persoal e socio-familiar.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regula-lo procedemento de adxudicación de estadías e servicios das residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, sitas nas localidades de Panxón (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense) respectivamente e dependentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán ser destinatarios tódalas persoas maiores de idade ou menores sempre que vaian acompañados dos seus pais ou titores legais.

Artigo 3º.-Tipos de servicio.

1.-Servicio de residencia.

O servicio de residencia consistirá no aloxamento e manutención en réxime de pensión completa durante a quenda adxudicada ó beneficiario.

2.-Servicios para non residentes.

Poderán desfrutar do servicio de comedor os familiares e amigos dos residentes que veñan visita-la instalación, segundo as normas para a previsión de prazas que determine o director/a de cada residencia, e sen prexuízo da lóxica prioridade que se outorga e se garante ós residentes.

Os prezos tanto para os servicios de residencia coma para os non residentes establécense a tal efecto segundo o Decreto 73/1994, do 25 de marzo, polo que se fixan as tarifas de prezos relativas as residencias de tempo libre, e así mesmo as quendas e tempadas para o ano 1995 como se detalla no anexo II.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

Farase unha soa solicitude por quenda, segundo o modelo oficial do anexo I e xuntarase, así mesmo, a fotocopia da parte anterior do D.N.I. do solicitante.

As solicitudes de estadías deberán dirixirse por escrito ó director/a da residencia de tempo libre.

Artigo 5º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes remitiranse ás residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de admisión será desde o 3 de xaneiro ata o vindeiro 31 de marzo de 1995.

Artigo 6º.-Requirimento de emenda.

As respectivas residencias comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos esixidos na presente orde e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados cantos datos, documentos complementarios e aclaracións consideren necesarios para poder resolve-lo expediente, co apercibimento de que se así non se fixese nun prazo de 10 días, se terá por desistida na súa petición sen máis trámite.

Artigo 7º.-Adxudicación de estadías.

A distribución das prazas será compartida nun 50% entre a residencia e as centrais sindicais, segundo os resultados obtidos nas derradeiras eleccións sindicais.

A adxudicación de estadias efectuarase por sorteo de datas, que será público e terá lugar ante o delegado/a da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, tendo en canta as datas de recepción e rexistro nas residencias de tempo libre, contando desde o 3 de xaneiro ata o 31 de marzo. Todas estas datas entran en sorteo e de elas sairá unha que será pola que se iniciará a adxudicación das prazas, ata cubri-lo total de habitacións dispoñibles. A igualdade de datas tomarase o número de rexistro anterior.

Todas aquelas solicitudes que o 15 de maio non tivesen comunicación, entenderanse que non tiveron praza.

Non se adxudicarán prazas por máis de unha quenda durante a tempada de verán.

Artigo 8º.-Resolución.

Correspóndelle ós delegados provinciais correspondentes a resolución das adxudicacións das estadías levantando acta do devandito sorteo e remitindo o resultado ós respectivos directores das residencias os cales notificarán ós interesados a quenda e tempada concedida.

Artigo 9º.-Pagamento do prezo da estadía.

Os beneficiarios realizarán un depósito á conta do prezo da estadía na contía e na forma que se indique na correspondente notificación da adxudicación. Así mesmo realizarán o depósito da totalidade do prezo da estadía 45 días antes do inicio da quenda adxudicada. Este depósito terase en conta á hora de xira-lo recibo definitivo.

Artigo 10º.-Anulación de estadías e reintegro de pagamentos.

No caso de que o adxudicatario anulase as estadías as cantidades depositadas, seranlle devoltas logo de reclamación do interesado unha vez instruído e resolto o expediente correspondente, de acordo coas porcentaxes que se detallan a continuación:

-Anulación ata 30 días antes da data do comezo do desfrute das estadías o 100%.

-Anulación entre 29 e 15 días antes da data de comezo do desfrute das estadías 75%.

-Anulación entre 14 e 3 días antes da data de comezo do desfrute das estadías 50%.

-Anulación con menos de 3 días ou unha vez comezado o desfrute das estadías 25%.

A anulación de reservas efectuarase por carta certificada e para calcula-la porcentaxe da devolución de cantidades tomarase como data de rexistro de entrada na residencia, non facéndose en ningún caso responsable a residencia dos eventuais retrasos que poidan producirse no envío da devandita documentación.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 1995.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude