Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 12 de xaneiro de 1995 Páx. 471

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 2 de xaneiro de 1995 pola que se regulan axudas para a execución de programas de apoio ás familias polas corporacións locais.

O Estatuto de automía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe no seu artigo 5.3, como unha das áreas de actuación, os servicios de familia, infancia e mocidade, atribuíndolle o Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro á Consellería de Familia, Muller e Xuventude as competencias neste sector.

A Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos esixidos na Lei de orzamentos xerais da Comunidade galega para o ano 1995.

Con este fin, na devandita Lei de orzamentos, na aplicación 14.02.212A.460.00 existe partida orzamentaria consignada para as axudas que se establecen no articulado da presente orde.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o financiamento total ou parcial de programas de apoio ás familias a desenvolver polas corporacións locais ben a través dos seus servicios sociais ou ben por equipos profesionais creados para esta finalidade.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicitar axudas aqueles concellos ou mancomunidades de concellos que presenten algún programa de apoio ás familias que estea orientado á cobertura dalgunha das continxencias que a continuación se relacionan:

a) Programas de asistencia domiciliaria ós nenos:

Consiste nun servicio a domicilio para atende-los nenos en situacións puntuais nas que os seus pais ou gardadores legais teñan que ausentarse do domicilio ou non poidan atendelos debidamente e non teñan persoa responsable en quen confialos. Estas situacións poderán ser, entre outras:

-Enfermidade dos fillos, tendo os pais que acudir ó seu traballo.

-Ausencia temporal dos pais por cumprir cunha obriga persoal inescusable debidamente xustificada.

-Cando por razóns de enfermidade grave ou internamento dos pais os menores non poidan ser debidamente atendidos.

-Atención ós nenos cando ós pais lles coincida a quenda de traballo en fin de semana.

-Prestacións asistenciais a familias nas que se produza un parto múltiple, entendendo por tal dous ou máis fillos, e non poida a familia custear axuda asistencial externa. Así mesmo, poderanse tamén prever axudas materiais a estas familias cando non dispoñan de ingresos suficientes para atende-las demandas dos cativos.

Os servicios referidos nos parágrafos anteriores prestaranse sempre que non dispoña a familia afectada de medios económicos para poder cubrir estas carencias con outros servicios normalizados e os nenos non teñan autonomía suficiente para valerse por si mesmos, entendendo por tales os menores de 13 anos. No suposto de parto múltiple, tanto a axuda asistencial como material abranguerá como máximo ata o ano de idade dos menores.

b) Programas de educadores familiares:

Consiste na intervención en familias en situacións de risco de marxinación social por parte de persoal especializado, co obxecto de facilitárlle-la adquisición de habilidades de atención, coidado e educación necesarias para o axeitado desenvolvemento dos menores (pautas de alimentación, hixiene, educativas, habilidades sociais, etc.), e a capacidade de autoorganización do núcleo familiar.

Artigo 3º.-Normas xerais sobre as subvencións.

a) Os programas deberán ir dirixidos a familias que presenten importantes carencias económicas e/ou situacións de risco de marxinación social.

b) Valoraranse especialmente aqueles proxectos que abrangan o maior número de beneficiarios posible dentro de cada problemática.

c) Priorizaranse os proxectos daquelas corporacións locais que se impliquen economicamente na execución dos mesmos.

d) As subvencións outorgadas para a execución dos programas poderán significa-lo financiamento total ou parcial do gasto sen que, en ningún caso, implique duplicidade, de tal forma que a suma das subvencións concedidas por todo tipo de organismos públicos ou privados e percibidos coa mesma finalidade, non supere o 100% do importe total do gasto efectuado. Para o efecto de comprobar tal extremo, a corporación beneficiaria queda obrigada en todo momento a pór en coñecemento da Consellería de Familia, Muller e Xuventude o importe doutras axudas outorgadas para o mesmo fin por outras administracións ou entes públicos ou privados.

e) Os programas que se presenten deberán axustarse ás instruccións establecidas no anexo II desta orde, e terán especial consideración aqueles nos que, na súa execución, participen asociacións de voluntariado social.

f) A concesión das axudas reguladas pola presente orde, poderase suxeitar á formalización dun convenio coa corporación local beneficiaria, de acordo coas esixencias establecidas legalmente.

Artigo 4º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

A solicitude será única e formularase segundo o modelo oficial que se achega como anexo I a esta orde, e presentarase por duplicado co/s proxecto/s do/s programas nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Tramitación dos expedientes.

1.-As respectivas delegacións provinciais comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos esixidos na presente orde e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados cantos datos, documentos complementarios e aclaracións consideren necesarios para poder resolve-lo expediente, co apercibimento de que, se así non se fixese nun prazo de 10 días, se terá por desistida a súa petición sen máis trámite.

Artigo 6º.-Resolución.

1.-Correspóndelle ó/á delegado/a provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude por proposta da comisión de valoración, a resolución das axudas no prazo máximo de 6 meses, contados a partir da data de remate do prazo de presentación das solicitudes. As solicitudes non resoltas en prazo teranse por desestimadas.

2.-A composición da comisión de valoración será a seguinte:

-Presidente: O/A xefe/a de servicio de familia, infancia e menores.

-Vocais: Tres funcionarios da respectiva delegación provincial designados polo/a delegado/a provincial. Actuará como secretario un dos vocais. Poderá asistir con vez pero sen voto un representante da intervención territorial.

3.-As resolucións seranlles notificadas pola delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude ás corporacións locais. As ditas resolucións poderán ser modificadas polo órgano competente no caso de producirse alteracións nas condicións que serviron de base para o seu outorgamento.

Artigo 7º.-Xustificación e pagamento.

1.-Unha vez dictada a resolución pola que se concede a subvención, procederase á xustificación e pagamento na forma que se indica a continuación, agás nos casos de formalización de convenios, en que se terá en conta o que nel se dispoña.

2.-As subvencións poderanse facer efectivas de conformidade co establecido na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995 da seguinte forma: para aquelas que non superen o importe de un millón de pesetas poderá anticiparse ata un 80% da contía outorgada, librándose o 20% restante no momento da completa xustificación por parte da corporación local do cumpri

mento da finalidade e demais condicións para a que foi concedida. Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro prazo do 30% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión. Para facer efectivo este anticipo deberá presentarse como medio provisional de xustificación unha certificación emitida polo órgano competente da corporación do inicio das actividades.

b) Ata o seguinte 50% da subvención sempre que presente certificación emitida polo órgano competente, de que os gastos realizados superan o 80% da cantidade concedida, agás no caso de que se poida xustificar que a corporación ten realizado un gasto igual ou superior á cantidade concedida; neste caso, procederase ó aboamento do 100% da subvención tal e como se especifica no punto seguinte.

c) O 20% restante, unha vez presentada pola corporación certificación expedida polo órgano competente de que foi realizado un gasto igual ou superior á axuda concedida.

En todo caso, a dita corporación deberá emitir, no prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación acreditativa de que foi rexistrada na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando co destino final para o que foi concedida.

3.-Aqueles concellos ou mancomunidades que ó abeiro da orde desta consellería do 17 de agosto de 1994, obtivesen subvención para o mesmo programa que se conceda mediante esta orde, para poder percibi-lo anticipo a que se refire o punto 2 deste artigo, deberán ter xustificada previamente a totalidade da subvención concedida para o ano 1994.

Artigo 8º.-Seguimento dos programas.

1.-Correspóndelle á Consellería de Familia, Muller e Xuventude a facultade de supervisión e control sobre a execución e o destino das axudas ás finalidades para as que se concederon, podendo levarse a cabo comprobacións directas sobre a execución dos programas.

2. As corporacións locais beneficiarias de axudas quedan obrigadas a remitirlle a calquera órgano competente da Consellería de Familia, Muller e Xuventude cantos informe e documentos se consideren precisos para acredita-lo cumprimento da finalidade da subvención concedida. Así mesmo, deberán someterse ás actuacións de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e as previstas no Consello de Contas.

Artigo 9º.-Execución dos programas.

As actuacións que se subvencionan deberán realizarse dentro do presente exercicio económico. Non obstante, se por razóns debidamente xustificadas non puidesen realizarse neste prazo, poderase prorroga-la execución do programa ata como máximo, o 30 de setembro de 1996. En todo caso, no prazo de 1 mes desde o remate do programa subvencionado ou, como máximo antes do 30 de outubro de 1996, a corporación local deberá presentar unha memoria

xustificativa da execución del, na que se faga constar un breve informe de cada un dos casos atendidos, co fin de xustificar debidamente a necesidade de cada intervención.

Disposicións adicionais

Primeira.-

A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais para este fin.

Segunda.-

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou

solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.5 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-

Autorízase a directora xeral da Familia para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-

A presente orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 1995.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude