Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 12 de xaneiro de 1995 Páx. 465

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 2 de xaneiro de 1995 pola que se establecen axudas periódicas de prevención e apoio a familias para a integración do menor.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais para Galicia, no seu artigo 50, prevé a posibilidade de concederlles prestacións e axudas económicas a persoas que se atopen en estado de necesidade. O Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, no seu artigo 1, atribúelle á devandita consellería competencia en materia de familia e menores, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, posibilita no seu artigo 1.1 a tramitación anticipada de expedientes de gasto imputables ó capítulo IV «cando no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel no que se vaia materializa-la contraprestación, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade que se someta á aprobación do Parlamento de Galicia, unha vez que ese proxecto estea aprobado polo Consello da Xunta e que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vaia a materializa-la contraprestación».

A aplicación desta norma supón a posibilidade de axiliza-lo proceso de execución do orzamento, beneficiando moi especialmente os propios administrados e sen mingua da soberanía do Parlamento toda vez que o artigo 3.2 dispón que «no suposto de subvencións, a autorización do gasto e a contratación da obriga demoraranse ata a aprobación do crédito que vaia ampara-lo gasto».

A Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia e a Lei de presupostos xerais da Comunidade Galega para o ano 1995, establecen os requisitos e normas necesarios e básicos para a xestión e actividade económico-financeira.

Nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1995, na aplicación 14.02.212A.484.10 existe partida orzamentaria para as axudas que se establecen no articulado da presente orde.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade destas axudas.

A presente orde ten por obxecto a convocatoria de axudas individuais, de carácter periódico, de prevención e apoio á familia para integración do menor, durante o exercicio económico de 1995. A finalidade destas axudas é proporcionar apoio económico a familias para garanti-la atención adecuada ós menores ó seu cargo e favorece-la permanencia destes no seu medio, evitando os riscos de desestructuración familiar.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as familias con menores de idade, que se atopen en circuns

tancias carenciais graves e precisen de apoios económicos para satisface-las súas necesidades básicas e evita-la desestructuración familiar.

Artigo 3º.-Contía das axudas.

A contía mínima e máxima que poderán alcanzar estas axudas está comprendida entre dez mil pesetas (10.000 pts.) e vinte mil pesetas (20.000 pts.) mensuais por menor, ata un tope máximo de cincuenta mil pcsetas (50.000 pts.) mensuais por familia.

A determinación da contía total da axuda a conceder por unidade familiar establécense en función das circunstancias económicas e sociais que conconrran en cada caso.

Artigo 4º.-Requisitos.

Serán requisitos necesarios para a concesión das axudas:

1.-Residir na Comunidade Autónoma galega.

2.-Que os menores non teñan cumpridos os 18 anos de idade.

3.-Que a renda per cápita anual do núcleo familiar non exceda de trescentas mil pesetas (300.000 pts.) sen que, en todo caso, a contía total dos ingresos familiares non supere o 1.200.000 pts. anuais.

4.-Que a axuda sexa necesaria para garanti-la permanencia do menor no seu medio familiar.

5.-Que a familia poida evolucionar cara a súa plena autonomía e integración social, sendo estas axudas un apoio temporal.

6.-Que a dinámica do núcleo familiar garanta a educación e normalización da vida destes menores en aspectos tales como alimentación e vestiario dignos, escolarización regularizada, atención médico adecuada, hixiene e coidado corporal e outros análogos.

7.-Que a unidade familiar non reciba axudas polo mesmo concepto doutros organismos.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes formularanse mediante instancia subscrita polo representante da unidade familiar segundo o modelo oficial (anexo I).

Cada solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

1.-Fotocopia do D.N.I. do solicitante.

2.-Fotocopia do libro de familia.

3.-Xustificación de haberes: última nómina, declaración de IRPF ou declaración xurada de non estar obrigado a facela de se-lo caso, certificación positiva ou negativa de percepción de prestación económica do INEM; xustificación doutros ingresos.

4.-Compromiso escrito por parte do solicitante (anexo II) de:

a) Aplica-las axudas á finalidade para a que sexan concedidas.

b) Contribuír á normalización e integración social do núcleo familiar.

c) Atender correctamente á educación dos menores ó seu cargo.

d) Acadar canto antes a plena autonomía familiar.

e) Comunicarlle nun prazo non superior a 15 días ó órgano competente que tramitou a solicitude, calquera modificación que afecte ás características deste tipo de axudas.

Deberá xuntarse á documentación aportada polos solicitantes un informe social, elaborado polos servicios sociais municipais ou, se a situación o require, polos Equipos do Menor da provincia correspondente que, en todo caso, deberá axustarse ó modelo oficial descrito no anexo III. O dito informe valorará e verificará os datos presentados, e proporá as oportunas medidas a tomar, especificándose como se efectuará o seguimento das axudas, tanto para garanti-la súa correcta aplicación como para procurar un apoio periódico que posibilite canto antes a plena autonomía destas familias.

No caso de que o solicitante recibise unha axuda para a integración do menor durante o ano 1994, á solicitude acompañarase unicamente a xustificación de haberes prevista no punto 3, así como o preceptivo informe social.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse na delegación da Consellería de Familia, Muller e Xuventude da provincia onde teña o seu domicilio ou ben nos concellos de residencia. Estes últimos remitirán os expedientes á delegación correspondente, sendo, en todo caso, de aplicación o disposto no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes a partir da data da publicación da presente orde no DOG, salvo en situacións de extrema gravidade, debidamente xustificadas, xurdidas despois deste prazo, que rematará o 31 de outubro de 1995.

Artigo 7º.-Tramitación.

1.-As delegacións provinciais comprobarán que tódalas solicitudes reúnen os requisitos esixidos na presente orde, e procederán a reclamar por escrito os datos, documentos e aclaracións que consideren necesarias para unha mellor resolución delas, co apercibimento de que se así non se fixese no prazo de 10 días se arquivará o expediente sen máis trámite.

2.-Revisada a documentación e completada, se é o caso, remitirase á comisión provincial de valoración, que terá a función de propoñe-la súa concesión, modificación, prórroga, suspensión, revogación ou denegación, seguindo os criterios obxectivos recollidos na presente orde.

3.-A composición da comisión provincial de valoración será a seguinte:

-Presidente: O xefe do Servicio de Familia, Infancia e Menores da delegación provincial.

-Vocais: O delegado provincial designará dous funcionarios, dos que un deles actuará como secretario da comisión. Así mesmo, participará un representante da intervención territorial, que actuará con voz pero sen voto.

Artigo 8º.-Resolución.

1.-A resolución das axudas, unha vez fiscalizadas pola intervención, corresponderalles ós delegados provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, segundo o Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, que deberán resolver no prazo de un mes, a partir da terminación do prazo de presentación de solicitudes. No caso de non existir resolución expresa neste prazo, as solicitudes teranse por desestimadas.

2.-A duración, contía e condicións das axudas serán as que se especifiquen na resolución de concesión.

3.-Os delegados provinciais poderán modificar, suspender ou revoga-las axudas concedidas, logo do informe da comisión provincial de valoración, nos

casos en que varíen as condicións que motivaron a concesión ou do incumprimento total ou parcial dos requisitos e condicións establecidas para ela.

4.-As resolución de concesión, denegación, modificación, suspensión, revogación ou prórroga das axudas dictadas polas delegacións provinciais seranlles notificadas ós interesados e terán que ser motivadas.

Artigo 9º.-Pagamento das axudas.

As delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude aboaranlles ás familias, a contía da axuda concedida en pagos periódicos por mensualidades vencidas.

Artigo 10º.-Seguimento.

O seguimento das axudas será realizado, en cada casa, polo órgano receptor que iniciou a tramitación das solicitudes, preferentemente polos servicios sociais municipais ou, se a situación o require, polo equipo do menor da provincia correspondente, e consistirá en:

a) Avaliación e control na súa aplicación, esixíndose un mínimo de dous informes anuais da situación das familias beneficiarias.

b) Apoio e orientación ás familias para acadar canto antes a súa plena autonomía.

c) Pór en coñecemento da comisión provincial de valoración as circunstancias que poidan motiva-la modificación ou prórroga das axudas concedidas.

Artigo 11º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións esixidas, así como a duplicación da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 27 de decembro de 1990.

Artigo 12º.-

Os receptores das axudas ou subvencións quedan sometidos ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Disposicións adicionais

Primeira.-

De acordo co disposto no artigo 3.2 da orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, a autorización do gasto e a contracción da obriga demoraranse ata a aprobación do crédito que vaia ampara-lo gasto.

Segunda.-

A concesión destas axudas terá como límite global o crédito consignado no orzamento para estes fins.

Disposicións derradeiras

Primeira.-

Autorízase a directora xeral da Familia para dicta-las normas que sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia sen prexuízo de que os efectos económicos das axudas concedidas poidan retrotraerse ó primeiro de xaneiro.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 1995.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude