Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 12 de xaneiro de 1995 Páx. 446

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de decembro de 1994 pola que se resolve o concurso público para a concesión de axudas para a realización de proxectos de investigación convocado no anexo I da Orde do 2 de agosto de 1994 (DOG do 10 de agosto).

A Orde do 2 de agosto de 1994 (DOG do 10 de agosto) pola que se aproban as bases que rexerán as convocatorias de axudas e bolsas de apoio correspondentes á promoción xeral do coñecemento prevé, no seu anexo I, a concesión de axudas para a realización de proxectos de investigación. Posteriormente e co fin de axusta-los investimentos ás solicitudes recibidas, esta orde foi modificada pola de 30 de setembro de 1994 (DOG do 17 de outubro).

Por resolución da Dirección Xeral de Universidades e Investigación do 28 de novembro de 1994 (DOG do 5 de decembro) e de conformidade coa base 4 do aludido anexo I, fíxose pública a relación provisional de beneficiarios das citadas axudas. No apartado segundo da devandita resolución, fixábase un prazo de dez días naturais contados a partir do seguinte ó da súa publicación no DOG co fin de que os interesados, de se-lo caso, formulasen as reclamacións oportunas.

Rematado este prazo, estudiadas as reclamacións presentadas pola Comisión de Selección de Política Científica, creada por Decreto 160/91, do 16 de maio (DOG do 28 de maio) e orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 27 de xullo de 1994 (DOG do 10 de agosto), esta consellería, de acordo coa proposta de resolución elaborada pola dita comisión,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Acórdase concederlles axudas para a realización de proxectos de investigación por parte de novos equipos (equipos de iniciación á investigación) ós solicitantes que se citan no anexo I da presente orde, na contía que se sinala.

Artigo 2º.-Acórdase concederlles axudas para a realización de proxectos de investigación por parte de equipos consolidados ós solicitantes que se relacionan no anexo II da presente orde, na contía que se sinala.

Artigo 3º.-A Dirección Xeral de Universidades e Investigación adoptará as medidas necesarias para a instrucción dos correspondentes expedientes de gasto.

Artigo 4º.-A inobservancia por parte dos beneficiarios de calquera das bases establecidas na orde de convocatoria do 2 de agosto de 1994, suporá a perda do dereito a percibi-la subvención correspondente.

Artigo 5º.-A presente disposición pon fin á vía administrativa segundo o disposto no artigo 109 c) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 1994.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria